A OPL e Agromuralla valorarán participar na concentración do 31 en Santiago

Ambas organizacións coinciden nos momentos complicados que está a vivir o sector. Agromuralla ten prevista a súa asamblea xeral de constitución para o mes de abril

A OPL e Agromuralla valorarán participar na concentración do 31 en Santiago

A Plataforma volve a mobilizarse en Santiago o día 31. / Arquivo.

A última reunión da Plataforma do Sector Lácteo, celebrada este luns, acordou convocar unha concentración ante a Xunta de Galicia en Santiago para o xoves 31 ás 11.30 horas da mañá. Dúas das organizacións que non estiveron presentes no encontro, a Organización de Productores de Leche (OPL) e Agromuralla, valorarán agora se se suman a esa convocatoria.

No caso da OPL, o seu presidente, Manuel Iglesias, sinala que os motivos da convocatoria “témolos claros” e coincide en que é “moi preciso” impulsar unha mellora do sector.

“Imos a estudiar a convocatoria e decidiremos nos próximos días. En canto veña a chuvia haberá unha reunión da xunta directiva da OPL”, precisa Iglesias, que xustifica a ausencia da OPL da xuntanza da Plataforma polos traballos estacionais no campo de ensilado, abonado e preparación xa do terreo para a futura sementeira de millo.

Agromuralla
Agromuralla, pola súa banda, advertía a primeira hora da tarde de onte que aínda non recibira unha proposta da Plataforma para participar na mobilización, se ben a organización estaba disposta a valorar a cuestión en canto lle chegara unha comunicación ó respecto.

Igual que no caso da OPL, Agromuralla advirte da complicada situación das granxas e avoga por buscar solucións entre todas as partes en conxunto. A organización está estes días culminando os últimos pasos para a súa constitución formal, que se producirá nunha asamblea xeral a celebrar nas primeiras semanas do mes de abril, segundo as previsións que manexan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información