“A Limia é unha comarca ideal para vacún de leite”

Visitamos unha das poucas explotacións de vacún de leite que quedan na provincia de Ourense: SAT Jasma, en Xunqueira de Ambía. Os seus socios destacan o alto potencial da comarca da Limia para este tipo de gandería, con rendementos de millo que chegan ás 65 toneladas por hectárea.

“A Limia é unha comarca ideal para vacún de leite”

De esquerda á dereita: Angel, Dina, Mercedes e Augusto.

A gandería Jasma, situada na aldea de Casasoa, en Xunqueira de Ambía, é unha das poucas de vacún de leite que quedan na provincia de Ourense, a maior parte concentradas nas comarcas da Limia e de Maceda. O declive deste sector prodúcese malia contar con condicións que, no caso da Limia, son óptimas para a produción de forraxes.

Así o recoñece Augusto Cid Cabido, fundador de SAT Jasma, xunto ao seu irmán Ángel e as parellas de ambos, Mercedes e Dina, no ano 1989. Recoñece que a súa decisión de apostar polo vacún de leite foi a contracorrente nunha comarca orientada case en exclusiva á produción de pataca. “Daquela botaba patacas e tiña 6 vacas -explica- e un día un comerciante de maquinaria agrícola de Lugo recomendoume adicarme a leite e non ás patacas, porque díxome se lle queres dar unha carreira aos fillos co leite, aínda que é máis suxeito, tes un soldo todos os meses e a pataca é máis ventureira”.

E hoxe, aos seus 63 anos, recoñece que “nos foi bastante ben”, logrando ter unha gandería dunhas 150 cabezas, das que 75 están en muxido e o resto son vacas secas e xovencas.

A clave da súa competitividade ao longo destes anos está, segundo Augusto, “nun bo manexo, vixiando moito a detección de celos e os partos; en coidar a a calidade das forraxes, e en ter unha boa base territorial”. Así, en Jasma traballan unhas 85 hectáreas, da que a metade son en arrendo. Cultivan unhas 25 hectáreas de millo forraxeiro, 30 hectáreas de pradeiras e unhas 25 de cereal (10 de trigo de inverno e unhas 15 de trigo de primavera). “O trigo vendémolo e a palla aproveitámola para utilizar como cama para as xovencas e as vacas secas, evitando así ter que comprala e mellorando o benestar dos animais”, explica Augusto.

Conseguen rendementos do millo forraxeiro de ata 65 toneladas por hectárea

A terra non é un factor limitante para o medre das explotacións nesta comarca: “A Limia é excelente para a gandería e no noso caso non traballamos máis superficie porque non queremos, porque terra hai abondo e en boas condicións económicas de arrendo”, salienta este gandeiro.

Así, mentres a media de rendemento do millo forraxeiro en Galicia sitúase en arredor de 40 toneladas de materia húmida por hectárea, en Jasma rolda as 65 toneladas, unha cifra extrapolable ao resto da Limia. A clave: o regadío. “A rega facémola con dous canóns e nun ano normal aplicamos unhas cinco regas puntuais, sobre todo dende finais de xuño ata o mes de agosto”, explica Augusto. A outra vantaxe é a importante oferta de abono de orixe animal nesta comarca que fai prescindible o uso de abonos químicos. “No caso do millo o abono é xurro das vacas, esterco das xovencas e abono dunha granxa de pavos, co que prácticamente non empregamos fertilizantes químicos”, aseguran dende Jasma.

“Aplicamos unhas 5 regas ao millo mediante canón”

Traballan con millo forraxeiro de ciclo 260 -uns 125 días de cultivo-, e debido ás diferentes condicións climáticas do sur de Ourense, o cultivo adiántase case dúas semanas respecto á Coruña ou a Lugo. Así, solen realizar a sementeira entre o 8 e o 15 de maio e o ensilado a mediados do mes de setembro.

“O prezo do leite debería estar nun mínimo de 35 céntimos o litro para o gandeiro”

A xenética é outro dos aspectos que coidan en Jasma para mellorar a súa competitividade. Fan a selección e a recría na propia explotación e neste momento están nunha media de produción de 36 litros por vacas e día, cunhas calidades de 3,5 de proteína e 3,7 de graxa.

A súa produción, algo máis de 900.000 litros ao ano, véndenlla a Leite Celta coa que asinaron un contrato a un ano por 0,27 euros o litro, máis calidades e IVE. “No noso caso somos unha explotación familiar, non debemos nada xa que temos todo amortizado e podemos aguantar mellor a situación, pero o prezo é moi baixo; polo menos debería estar nun mínimo de 35 céntimos”, asegura Augusto.

En canto ao futuro, este gandeiro por elección recoñece que “de momento non temos relevo, pois os fillos colleron outro camiño”. A recomendación que lle fixera o comercial de maquinaria a Augusto hai 27 anos cumpriuse, xa que o leite permitiu vivir con dignidade do seu traballo aos dous matrimonios e tamén darlles estudos universitarios aos tres fillos, que hoxe teñen a súa vida laboral en Vigo e en Madrid.

“Seguiremos traballando ata que as nosas mulleres se xubilen, pero recoñezo que nos gustaría que a explotación tivera continuidade porque hai moitos millóns, ilusións e traballo investidos nela”, conclúe Augusto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información