A Interprofesional Láctea renuncia a impulsar a redución voluntaria da produción

A entidade, conformada por industrias, cooperativas e organizacións agrarias, declárase sen capacidade para aplicar a medida, pero empraza ás administracións a que exploren vías de financiamento para incentivar a limitación temporal das entregas de leite

A Interprofesional Láctea renuncia a impulsar a redución voluntaria da produción

Reunión da Interprofesional co Ministerio. / Arquivo.

A Interprofesional Láctea (Inlac) é partidaria dunha limitación temporal da produción de leite, pero declárase sen capacidade para impulsar tal medida en España. A entidade, conformada por industrias lácteas, cooperativas e organizacións agrarias, leva dous meses valorando as posibilidades dunha regulación voluntaria da produción en España, pero tal e como estaba previsto, non atopou o xeito de aplicar a medida.

A xunta directiva da Inlac emitiu hoxe unha nota de prensa para confirmar que renuncia a impulsar a regulación voluntaria da produción. A ausencia de fondos económicos para incentivar ós gandeiros a reducir as entregas de leite é un dos factores que desanimou á Interprofesional.

“Inlac considera que a principal dificultade é o carácter voluntario da medida, xa que a súa eficacia depende dunha aplicación global en toda a UE”

A entidade sinala que nin había fondos europeos para a medida nin se permitía unha ampliación da extensión de norma da Inlac para recadar eses fondos entre o sector. A maiores, a Inlac percibe unha escasa vontade de aplicar a limitación noutros países europeos.

“Inlac considera que a principal dificultade -valorada así por todos os países membros- é o carácter voluntario da medida, xa que a eficacia da mesma depende da súa aplicación global en todos os países da Unión Europea, especialmente nos máis excedentarios con respecto ó seu consumo”, destaca a Inteprofesional en nota de prensa.

Recomendación ás Administracións
En paralelo a súa renuncia a impulsar a regulación da produción, a Interprofesional recoméndalle ás Administracións que exploren alternativas de financiación para unha planificación temporal e/ou cese total ou parcial permanente, de xeito que se establezan plans que faciliten a baixada da produción.

A modo de exemplo, a Inlac sinala que se poden anticipar xubilacións de gandeiros que non vaian ter sucesión na explotación, artellando para elo mecanismos financieiros.

Valoracións de Phil Hogan
O anuncio da Inlac chega o mesmo día no que o comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, volveu reafirmar no Parlamento Europeo a súa aposta pola regulación “voluntaria” da produción. Hogan mesmo asegurou que a medida, prevista nun principio ata mediados de outubro, podería prorrogarse ata abril do 2017.

“O crecemento continuado da produción non é sostible. Os gandeiros deben ser responsables” (Phil Hogan)

“O crecemento continuado da produción non é sostible nas actuais condicións de mercado. Os gandeiros deben ser responsables”, valorou Hogan, que reiterou que só traballará dentro dos límites da “lexislación dispoñible”.

O comisario destacou tamén na súa intervención a mellora dos mercados lácteos de exportación, que no primeiro bimestre do ano absorberon un 13% máis de leite equivalente en relación ó mesmo periodo do 2015.

Esa mellora, non obstante, a penas pode frear os aumentos de excedentes na UE, polo que a Comisión proxecta aumentar ata 350.000 toneladas a cantidade de leite en po a intervención.

Una idea sobre “A Interprofesional Láctea renuncia a impulsar a redución voluntaria da produción

  1. Juan Mendez

    Galicia ten que facer o que Irlanda en Europa seguir aumentando a producción pa desplazar na producción a zonas de España que non son aptas para producir leite de calidade contrastada. Saude é sorte. Juan C. Mendez

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información