A insuficiencia de fondos recurta as axudas por vaca

O Sindicato Labrego advirte que as explotacións lácteas para as que se anunciaran 300 euros por animal percibirán finalmente 233; en tanto as beneficiadas con 110 recibirán 85,40 euros

A insuficiencia de fondos recurta as axudas por vaca

O SLG cuestiona o anuncio de axudas de 300 euros por vaca.

As axudas por vaca comprometidas polo Ministerio para compensar ás explotacións que máis están sufrindo a crise de prezos do leite quedáronse curtas. Agricultura comprometeu 20 millóns de euros para apoiar con 300 euros ás granxas que percibisen menos de 25,9 céntimos o litro entre abril e xullo, e con 110 ás que cobrasen menos de 28,5 céntimos. Na práctica, os fondos non chegan para acadar esas cifras, segundo vén de criticar o Sindicato Labrego.

A organización agraria comprobou a lista de beneficiarios e estima en 233 euros por animal a cantidade que percibirán as granxas con dereito á maior axuda, en tanto o resto de explotacións ingresarán 85,40 euros por animal. A maiores, ningunha das explotacións galegas chega ó tope de 10.000 euros por granxa comprometido por Medio Rural. A que máis recibe quédase en 7.765 euros.

Desde o Sindicato Labrego (SLG), entenden que as axudas non chegan a todas as granxas en dificultades e sinalan que ademais hai un incumprimento en relación ós anuncios do Ministerio e ó públicado no Boletín Oficial del Estado.

Cálculos de perdas
En calquera caso, a organización agraria estima que a compensación destinada polo Ministerio para as explotacións galegas, algo máis de 16 millóns de euros, quédanse por baixo das perdas experimentadas polo sector, que o SLG cifra en 47 millóns de euros entre abril e xullo e en 82 millóns se o periodo a considerar é de abril á actualidade.

Os cálculos de perdas do Sindicato Labrego baséanse sobre un prezo de 34,9 céntimos por litro para cubrir os custes de produción. Ese prezo extráese dos datos da Rede Nacional de Granxas Típicas (Rengrati), do Ministerio, que cifra neses 34,9 céntimos por litro a suma de custes de produción, amortizacións e salario da man de obra.

A organización insiste nas súas demandas dos últimos meses: lexislar para que non se poida vender o leite por baixo dos custes de produción e retomar un sistema de control da produción a nivel europeo que impida o aumento dos excedentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información