“A Galicia fáltalle representación nas institucións europeas onde se decide o futuro do sector lácteo”

Entrevista a César Resch, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo-Ingacal, que ven de ser elixido coordinador experto do primeiro grupo de traballo que crea a Comisión de Agricultura da UE para mellorar a competitividade das explotacións lácteas.

“A Galicia fáltalle representación nas institucións europeas onde se decide o futuro do sector lácteo”

César Resch

O investigador do CIAM-Ingacal, César Resch Zafra, ven de ser elixido coordinador experto do primeiro grupo de traballo que crea a Unión Europea para mellorar a resistencia das ganderías de leite ante as oscilacións de prezos do mercado, tanto do leite como dos insumos. Neste entrevista analiza a os principais campos de mellora, que ao seu xuízo, teñen as explotacións de vacún de leite.

Ves de ser elixido coordinador experto do primeiro grupo de traballo que crea a Comisión de Agricultura da UE para ver como as ganderías de vacún de leite poden mellorar a súa competitividade. ¿Que representa para ti e para Galicia?
Como se adoita dicir, sendo politicamente correcto, no persoal representa un orgullo e unha grande responsabilidade. Un orgullo porque como galego teño a oportunidade de colocar a Galicia, oitava rexión produtora produtora de leite da Unión Europea, no club dos grandes e que actores relevantes do sector vexan que temos un sector vivo, con problemas, pero vivo e dinámico. Ademais, é unha grande responsabilidade pois entre o grupo de vinte e cinco persoas hai especialistas e a miña labor é poder quitar de cada un deles o mellor para a elaboración do informe final.

Para Galicia, lembro que a miña participación é a nivel individual. Que o coordinador experto sexa alguén que leva mais de vinte anos traballando na produción de leite no país entendo que é moi interesante xa que nos sitúa no mapa da innovación do leite en Europa. Como investigador en produción de leite no sistema público galego terei acceso de primeira man a informacións relevantes para o futuro da innovación na produción de leite en Europa.

Este grupo de traballo chámase “Sistemas de produción gandeira robustos e resilientes”. Explica a súa finalidade…
O marco no que se desenvolven os Grupos Focais (Focus Groups) está dentro da gran relevancia que no Horizonte 2020 se lle da á innovación. É a Dirección Xeral de Agricultura a que elabora un plan de dinamización destes grupos para a elaboración de informes que deseñen estratexias para que a innovación axude á mellora do grupo en cuestión. De aquí ven a formación do Service Point que é o organismo que presta este servizo á Dirección Xeral de Agricultura.

“O obxectivo é lograr un sector lácteo europeo máis resistente ás variacións de prezos”

No Grupo Focal que nos atinxe trátase de introducir estratexias de innovación para que o sector lácteo europeo sexa mais resiliente, máis resistente, ante as grandes variacións de prezos, tanto de insumos como de produtos, que estamos a sufrir nestes derradeiros anos.

Intentarei que esta resiliencia que se nos pide para os sistemas de produción de leite sexa holística, é dicir, do conxunto, e que teña en conta tanto factores de mellora da economía das explotacións, como mellora do medio ambiente, así como unha mellora da percepción que a sociedade ten sobre a produción de leite.

Un dos retos será intentar transmitir que unha mellora na economía da explotación reduce de maneira significativa o impacto ambiental das explotacións e á súa vez crea unha mellor imaxe do sector no resto da sociedade.

Chama a atención que, ademais de expertos, tamén participen gandeiros de diferentes países europeos….
Certo é. No grupo de vinte expertos hai unha gran variabilidade tanto na procedencia, xa que os conformantes proceden de doce Estados membros diferentes, así como do perfil profesional. Así, atopamos gandeiros, científicas, asesores de granxa, técnicos de industria e xente que traballa en ONG´s, entre outros.

Unha das teimas da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea é que a innovación chegue realmente aos beneficiarios, neste caso os gandeiros/as. Por elo a súa participación é moi importante nestes grupos onde aportan unha visión práctica e realista da innovación nos seu campo de traballo. É constante a referencia ás granxas piloto no ámbito da innovación e investigación no contexto de programas europeos.

¿Cal é o plan de traballo para os próximos meses e cando está previsto que saian á luz as primeiras conclusións?
Como quen di, estamos a comezar. Faranse un par de xuntanzas: unha primeira en Novembro e outra en Primavera, co que o informe final debería de estar listo antes do verán que ven.

¿Por onde cres que as explotacións lácteas europeas, e galegas en particular, poderían mellorar para ser máis resilientes nun mercado de prezos inestable e impredecible?
A alimentación en primeiro lugar e a recría en segundo son as dúas partidas que máis inciden nas conta das explotacións leiteiras. Ser máis eficientes na alimentación é un dos obxectivos que se perseguirá, temos que axustar moito máis as racións ás necesidades reais das vacas. É dicir, non debemos seguir racionando uniformemente para grupos nos que temos vacas con producións con máis de vinte litros de diferenza. Temos tamén que ser capaces de producir máis proteína nas explotacións coa introdución de cultivos forraxeiros proteaxinosos. Ademais, as taxas de reposición en moitas explotacións están case no 40%, o que resta moitísima competitividade ás explotacións.

“A elevada taxa de reposición resta moita competitividade ás explotacións”

Por outra parte, temos que empatizar moito máis co resto da sociedade, vendernos como un valor que somos: preservamos o medio, evitamos incendios, somos fonte de traballo en lugares onde non hai outra alternativa. Temos que vender o sector en positivo.

É de subliñar que este vai ser un dos poucos grupos de traballo da UE sobre o sector lácteo no que hai presenza galega. ¿Cres que a Galicia lle falta representación nas institucións comunitarias e nos grupos de estudo nos que se deciden ou definen as políticas europeas para o sector?
A resposta é un si claro: a posición que ocupamos como produtores a nivel europeo non se corresponde coa pouca presenza que Galicia ten a nivel tanto institucional como técnico. Animo á comunidade de técnicos, gandeiros e outras involucradas no sector a participar neste tipo de foros, son moi enriquecedores no aspecto persoal e proxectan a imaxe do sector lácteo galego ao lugar onde se toman decisións de calado.

Tes contacto con gandeiros e investigadores de distintos países da UE. ¿A crise de prezos do leite é tan grave como en Galicia neste momento?, ¿Como está sendo a resposta dos gandeiros neses países ante esta crise?
Pódense consultar os prezos do leite en diferentes sitios oficiais e aí que cada quen quite as súas conclusións.

Con respecto á resposta dos gandeiros podo dicir que se están a dar grandes modificacións como resposta á incerteza dos mercados. Un par de exemplos: os produtores franceses apostan pola introdución de leguminosas nas súas explotacións, a metade das terras de cultivo das explotacións de leite teñen leguminosas forraxeiras para a alimentación do gando. En Holanda un dos marcadores de saúde económica das explotacións está en establecer un límite de 200/220 gramos de concentrado por litro de leite e as ganderías teñen asumido que coa crise de prezos una produción media de 32 litros tense que facer cun máximo de 7 kilogramos de concentrado. ¿Como o fan? Co de sempre: calidade de forraxe. Facer 40 litros de media con 14 kilogramos de concentrado ademais de poñerte en perigo de desaparición, tecnicamente non é ningún reto.

“Galicia está infrarrepresentada nas institucións europeas onde se decide o futuro do sector lácteo”

¿Algo máis que queiras engadir?
Animar ao sector e lanzar unha mensaxe positiva sobre as posibilidades reais que temos. É moi importante termos a sociedade do noso lado, temos que proxectar imaxes positivas do sector, isto non quere dicir que o sector teña que ficar calado sobre tratos inxustos ou desleixos dos que teñen responsabilidades. O sector debe de facer un esforzo importante por transmitir os seus valores, que os ten e moitos, á sociedade galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información