A Federación Rural Galega (Fruga) vén de pedir que a Xunta lidere un proxecto de fusións orientado a configurar un gran grupo lácteo galego. O coordinador da Fruga, Elías Somoza, deu hoxe unha rolda de prensa en Lugo na que valorou en positivo os proxectos que están a emprender os gandeiros para completar a cadea de comercialización do seu leite. Con todo, di botar en falta unha estratexia conxunta que favoreza a viabilidade das distintas iniciativas.
Entre os proxectos en marcha, Somoza mencionou o de Dairylac, impulsado polas cooperativas Icos e Codeira; o de Acolact (Clesa), no que participan unha decena de cooperativas; o plan de integración de Feiracos, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas; e a iniciativa da sociedade Leite Noso, envasadora de Deleite. A Fruga considera que todos estes proxectos son positivos, pois contribúen a xerar máis valor engadido para os gandeiros, pero considera preciso unha coordinación dos mesmos.
A Fruga avoga por unha fusión dos distintos procesos de comercialización baixo o paraugas dunha estratexia conxunta. Pide que a Xunta se implique en tal proxecto.