A Fruga leva ós tribunais o pago verde da PAC en Galicia

A Federación Rural Galega presenta un contencioso – administrativo no TSXG por considerar que a Xunta está a aplicar uns criterios perxudiciais para parte das explotacións lácteas galegas, que terán que reducir a superficie cultivada a millo se queren percibir as axudas europeas ligadas ó ‘greening’

A Fruga leva ós tribunais o pago verde da PAC en Galicia

A Fruga advirte de que o pago verde obrigará a reducir a superficie a millo.

A polémica aplicación en Galicia do pago verde da PAC, unha axuda ligada á diversificación de cultivos, vén de rematar nos tribunais. A Federación Rural Galega (Fruga) presentou un recurso contencioso administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a orde da Xunta que regula na comunidade o pago verde, tamén chamado ‘greening’.

A Fruga incide en que a orde da Xunta obrigará ás explotacións lácteas de maior dimensión a reducir a superficie que teñen a millo, unha circunstancia que suporá serias perdas para o sector, segundo a organización agraria. A Federación Rural Galega entende que Galicia podería ter seguido o exemplo de Asturias ou Cantabria, comunidades que fixeron unha aplicación do ‘pago verde’ que pode evitar a redución da superficie de millo.

O pago verde ou ‘greening’ é unha axuda que, entroutros requisitos, esixe que as explotacións con máis de 10 hectáreas teñan alomenos dous cultivos, sen que ningún supere o 75% da superficie; en tanto as de máis de 30 hectáreas deben ter tres cultivos. Cantabria e Asturias, segundo explica a Fruga, permiten que as explotacións elixan entre cultivos de primavera e verán para o cómputo; mentres que en Galicia hai que sinalar de xeito obrigatorio os cultivos de primavera – verán, o que na práctica obrigará a reducir a superficie cultivada de millo en parte das granxas.

Desde a Fruga estiman que pode haber en torno a 15.000 hectáreas de millo que se deixen de sementar con esta forraxe pola aplicación en Galicia do pago verde da PAC.

Resposta de Medio Rural
A Consellería de Medio Rural, pola súa banda, insiste en que a aplicación do pago verde en Galicia dá “estrito cumprimento” á normativa europea, con condicións similares ás marcadas no Reino Unido ou en Irlanda. Medio Rural destaca ademais que os requisitos do pago verde obrigarán a modificar o plan de cultivos de só o 6% das explotacións beneficiarias da PAC.

En Galicia, dos máis de 30.000 beneficiarios das axudas da PAC, só algo máis de 3.000 están obrigados a cumprir cos requisitos do pago verde e de entre estes, só algo máis de 1.800 terán que facer cambios no seu plan de cultivos, segundo os datos que manexa a Xunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información