A Fruga advirte de novos problemas na recollida do leite no Deza

A Fruga advirte de novos problemas na recollida do leite no Deza

O sector está preocupado pola falta de garantías de recollida do leite.

A Federación Rural Galega (Fruga) está a detectar novos problemas na recollida do leite. Un primeiro comprador da comarca do Deza está comunicándolle a parte dos produtores que leva que lles deixará de recoller o leite a partir do 1 de xullo, o que obriga ós gandeiros a maniobrar estes días para buscar un comprador para o leite, unha situación complicada no actual contexto.

A organización agraria critica tamén as presións que entende que está a introducir Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), propietaria das marcas Larsa e Clas, xa que está a advertir ós gandeiros de que só recollerá un 5% máis dos volumes contratados, polo que en caso de sobrepasar esas cantidades, podería deixar de levar o leite das explotacións afectadas. Desde o sector lembran que Capsa xa está pagando só o prezo de mercado polo 80% do leite recollido, en tanto o outro 20% págase a prezo referenciado ós produtos industriais (leite en po, manteiga). Critícase tamén o diferencial de prezos entre os gandeiros asturianos de Capsa e o prezo que esta empresa paga en Galicia.

Desde a Fruga, o seu coordinador, Manuel Dacal, amósase preocupado pola “incapacidade” da industria española para abastecer ó mercado interior, deficitario en produtos lácteos e netamente importador. “Tendo un mercado español deficitario, esta situación na que parece que sobre leite no campo non se entende. É precisa a actuación das Administracións”, demanda.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información