A DO. Queixo Tetilla recupera produción e prevé acadar este ano os 2 millóns de queixos

Esta DOP celebra hoxe os seus 25 anos de traxectoria. Abordamos como foi a evolución e as perspectivas de futuro que se presentan para esta denominación de orixe protexida que traballa xa para acadar unha acreditación Enac e contar cun panel de catas

A DO. Queixo Tetilla recupera produción e prevé acadar este ano os 2 millóns de queixos

Javier Sampayo, presidente da DOP Queixo Tetilla.

Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla celebra hoxe o 25 aniversario cun acto no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón). Con motivo desta celebración abordamos algunhas das cuestións claves sobre a evolución deste tipo de queixo.

Nos últimos anos a produción de queixos certificados baixo a DOP Queixo Tetilla está a aumentar paulatinamente e este ano as previsións que manexan son de acadar os 2 millóns de queixos con esta certificación. “O Queixo de Tetilla volve estar nunha situación boa, incrementando pouco a pouco a produción e as vendas”, ratifica Javier Sampayo, presidente do órgano e queixeiro.

Estes cálculos manteñen a tendencia á alza dos últimos anos (con incrementos entre o 2 e o 5% dende o 2014), logo de que hai case unha década se marcara a produción máis elevada chegando a superar os 2,8 millóns de queixos no 2010. Despois dese máximo o azoute da crise foi un dos motivos que fixo que as cifras se reducisen de xeito drástico, en parte debido a peches de explotacións. Durante anos a produción estivo estancada e con tendencia á baixa, como explican dende o Consello Regulador.

Outro dos motivos que están detrás desta baixada foi o cambio á hora de contabilizar a produción. Inicialmente abordaban un rexistro das contraetiquetas entregadas pero optaron por centrarse en contabilizar os queixos e os quilos producidos o que ofrece datos máis axustados á produción real desta denominación.

Unha produción máis regular durante todo o ano

Nestes últimos anos tamén están experimentando unha regularización da produción. Durante anos a produción estaba marcada polos picos de demanda, sobre todo en épocas estivais onde as vendas ós turistas marcaban os incrementos. “Antes as épocas fortes eran a Semana Santa e o verán, onde a produción de Queixo Tetilla se disparaba. Agora estamos vendo que se incrementan as ventas pero dun xeito máis regular, ó longo do ano, pero sen esas grandes diferenzas entre meses”, detalla Mari Sé Mosteiro, Secretaria do Consello Regulador.

Acreditación e panel de cata

Na actualidade están a traballar por obter a acreditación por parte da Entidad Nacional de Acreditación (Enac), que lles permitirá contar co respaldo dunha acreditación externa e independente procedente dun organismo oficial para os Queixos Tetilla. Estes controis sumaríanse aos que xa se están a levar a cabo por parte do Consello Regulador na actualidade.

Neste senso están a incrementar a formación do panel de cata que permite valorar as características dos queixos baixo esta categoría co obxectivo de lograr que todo o queixo que se certifique se axuste ó máximo ás especificacións desta denominación. Estas esixencias están enfocadas a garantir que “o consumidor realmente consuma Queixo Tetilla”, matiza Sampayo.

As dificultades de atopar un envase axeitado para a exportación

Unha das maiores dificultades que están a atopar na DOP de Queixo Tetilla é á hora de exportar os seus queixos. No 2017 as exportacións dentro da Unión Europea apenas alcanzaron o 1% da produción de queixos certificados. As propias características do Queixo Tetilla, cunha forma tradicional cónica, cóncava-convexa, cun lixeiro teto no vértice á par de ser un queixo de pasta branda e cremosa supoñen certos atrancos na súa comercialización fóra de España.

Os exportadores de queixo están especializados en traballar con queixos curados e o transporte e comercialización dos Queixos Tetilla está suxeita a un consumo preferente que non pode superar os 90 días. Xa que logo, as características do queixo mudan e xa non se identifican coas propias deste tipo de queixos. Esta é unha dificultade que non se lle presenta a outras Denominacións de Orixe galegas que poden tamén comercializalos como curados.

Desbotan empregar o envasado ó baleiro, unha das opcións máis utilizadas para a exportación, ó córtalle a maduración ó queixo

Dende o Consello Regulador levan tempo tentando buscar unha solución que lles permita comercializalos nos mercados exteriores. “Xa levamos probado todo tipo de envases novidosos de plástico, con gases… pero non atopamos un que nos permita alongar a vida útil dos nosos queixos”, recoñece Mosteiro.

Unha das opcións máis recorrentes para alimentación adoita ser o envasado ó baleiro pero neste caso tampouco é unha alternativa válida. Ó ser un queixo de corta maduración que se comercializa ós 9 días este proceso de empaquetado “córtalle a maduración ó queixo. Temos feito probas e a verdade é que o sabor empeora moito. É un queixo que ten que ir ó natural e se os exportadores non o coidan bótase a perder”, concreta Sampayo.

Un queixo recoñecido como galego

Ó longo destes 25 anos o Queixo Tetilla conseguiu ser identificado polos consumidores como un queixo galego, de aí que boa parte das súas ventas estivesen ligadas ós turistas. “A xente coñece o queixo tetilla xa como un queixo de Galicia. Téñoo comprobado, sobre todo en feiras onde os consumidores o recoñecen fronte a outros queixos galegos”, comenta Sampayo. Uns datos que ratificaba o estudo estatal elaborado para a Interprofesional Láctea (Inlac) pola consultora Ikerfel no que se detallaba que o 18% dos enquisados coñecía este tipo de queixo pero só o 2% o consumía no fogar.

Sampayo ratifica que outro dos retos que debe asumir a DOP Queixo Tetilla é axustar a unidade de venta para que o consumidor obteña un queixo no que as súas características non se vexan afectadas polas variacións de tamaño. “O tamaño ideal para este tipo de queixos sitúase arredor dos 1.300 gramos xa que canto máis se reduce o tamaño máis se seca e o queixo resulta máis duro”, detalla Sampayo.

Contemplan comercializar novas unidades de mercado nas que os queixos potencien a esencia das súas señas

A tendencia foi a que a meirande parte dos produtores -axustándose ós criterios do Consello Regulador que permite comercializar queixos de 500 gramos ata 1,5 quilos- optasen por unidades de venta máis pequenas polas propias esixencias do mercado. As pezas de 1,3 quilos adoitan resultar moi grandes para un consumidor medio. Para intentar fidelizar máis ó consumidor e ofrecerlle un Queixo Tetilla no que se aprecien mellor as características e calidade deste, Sampayo aposta por comercializar a metade destas pezas máis grandes. “Estamos en probas para sacar esas metades xa directamente dende a queixería nun envase que non corte a maduración, pero é un proceso lento e complicado”, avanza Sampayo.

Foto das queixerías da DO Queixo Tetilla no seu 25 aniversario

Foto das queixerías da DO Queixo Tetilla no seu 25 aniversario

25 anos de Queixo Tetilla

Na actualidade, forman parte da DOP do Queixo Tetilla 35 queixerías. Nestes 25 anos Mosteiro valora como positiva a evolución que foron experimentando os queixos. “Os queixeiros fóronse adaptando a cumprir uns estándares cada vez máis esixentes para obter un queixo de calidade”, recorda Mosteiro que leva vinculada ó Consello Regulador case dende a súa posta en marcha.

Pola súa banda, Sampayo incide en que “temos que quererlle aínda máis ó queixo Tetilla, xa que é un queixo cunha forma única que se elabora só en Galicia e que ten unha gran calidade”. Tanto Mosteiro como Sampayo coinciden en destacar tamén o apoio que esta denominación tivo por parte das institucións galegas ó longo dos anos para a súa promoción.

En canto ó futuro desta denominación de orixe protexida, Mosteiro asegura que “o Queixo Tetilla ten aínda moito mercado por abarcar dentro de España, onde máis do 90% se comercializa só en Madrid, Cataluña e Euskadi, queda todo o resto do territorio”, afirma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información