A crise láctea orixina un descenso do número de vacas

O censo estatal de animais en muxidura redúcese en 20.800 no último ano, se ben as xovencas experimentan unha tendencia inversa, con 4.400 cabezas máis e un repunte importante desde abril

A crise láctea orixina un descenso do número de vacas

O aumento no número de xovencas fai prever unha recuperación do censo de vacas.

A evolución do censo de vacún amosa o impacto da crise láctea e tamén a mellora das perspectivas de futuro. Nos últimos 12 meses, de outubro do 2015 a outubro do 2016, coincidindo coa fase peor da crise láctea, o número de animais en muxidura reduciuse en 20.800 cabezas, o que supuxo un descenso do 2,4%. Hai actualmente 855.000 vacas nas explotacións lácteas españolas.

As restriccións impostas polas industrias ó aumento da produción e os baixos prezos do leite xeraron no último ano un aumento dos animais enviados ó matadoiro sen reemprazo. A baixada do número de animais deixouse notar en especial no periodo abril-agosto, cando a produción láctea española comezou a descender en relación ós mesmos meses do 2015.

O cambio de ciclo de prezos do leite que se está a vivir no campo, logo de que a crise tocara fondo en xullo deste ano, ten tamén o seu correlato na evolución do censo de xovencas. Durante o último ano, a cifra de xovencas aumentou en 4.400 animais, un 1,5%, e o censo total roza os 300.000. O repunte foi especialmente significativo desde abril deste ano.

Prezos internacionais

A redución global da oferta de leite está a xerar unha progresiva recuperación nos prezos dos produtos lácteos industriais. Esta semana a manteiga superou xa os 400 euros tonelada na UE, fronte ós 250 de hai 5 meses; en tanto o leite desnatado en po superou a barreira dos 200 euros, unha cifra que non se acadara no último ano.

Nos queixos, a tendencia tamén é positiva. O edam superou esta semana a barreira dos 300 euros tonelada, cando hai 5 meses estaba a pouco máis de 200.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información