A crise láctea continúa enquistada, cun milleiro de granxas por baixo de 24 céntimos

Empresas como Larsa ou Leche Celta practicaron novas baixadas nos últimos contratos. O sector agarda unha mellora do mercado como única solución, en vista da falta de medidas en perspectiva para o curto prazo

A crise láctea continúa enquistada, cun milleiro de granxas por baixo de 24 céntimos

O sector agarda unha mellora de mercado e demanda maior intervención das Administracións.

Os baixos prezos xeralizados que se pagan polo leite no campo, unha media de 28 céntimos en Galicia, non preocupan tanto como a situación concreta de 1.200 granxas en especiais dificultades. Hai arredor de 500 que cobran polo leite menos de 20 céntimos, a prezos de leite en po, e outras 700 máis que están por baixo de 24 céntimos, segundo os datos que manexa Unións Agrarias.

Con eses prezos, que nalgúns casos se veñen arrastrando desde hai xa moitos meses, a continuidade das explotacións pende dun fío. O sector coincide no diagnóstico da crise, o exceso de produción no mercado, superior á demanda, pero outra cousa son as solucións.

Non hai medidas no curto prazo en perspectiva para solventar o problema. A maior esperanza sitúase en que remate o embargo ruso antes do 2017 e en que China e outros países emerxentes reactiven as importacións de produtos lácteos.

Bruxelas
Da Comisión Europea xa non se agardan grandes medidas. O seu rexeitamento a intervir nos mercados é claro. A última proposta de Bruxelas, autorizar ós Estados membros a que cheguen a autorregulacións voluntarias da produción, vai camiño dun fiasco total, segundo as perspectivas do sector.

En España, a Interprofesional Láctea analizou as posibilidades dunha limitación voluntaria da produción, pero o sentir dos gandeiros é que non ten sentido limitar as entregas de leite en tanto outros países continúan a incrementar a produción e a canalizar os seus excedentes cara España.

Así as cousas, o problema continúa enquistado e vai a máis. Algunhas das industrias lácteas que operan en Galicia, caso de Larsa ou Leche Celta, xa lles trasladaron os gandeiros novas baixadas de prezo nos novos contratos que comezaron en maio.

Refinanciamento de débedas
En perspectiva, só hai un plan de refinanciamento de débedas previsto polo Ministerio de Agricultura, en colaboración coas comunidades autónomas, para afrontar as débedas das granxas en situación máis complicada.

Desde a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que agrupa ó conxunto de organizacións agrarias (Fruga, OPL, Oruga, Sindicato Labrego, Unións Agrarias), cooperativas e asociacións do sector, mantense o plan de realizar periódicas inspeccións sobre as entradas en Galicia de leite foráneo e continúase a demandar a intervención de Medio Rural e do Ministerio na busca de solucións á crise.

En calquera caso, na Plataforma son conscientes de que agora chega unha época de traballo intenso no agro, coa sementeira do millo, polo que as mobilizacións terán que agardar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información