A cooperativa ICOS ensaia con éxito un cultivo mixto de xirasol e sorgo

Neste artigo, Adrián Varela Pérez, técnico agronómico de ICOS, explica os resultados do cultivo experimental de xirasol e sorgo que levaron a cabo o pasado ano. O éxito do ensaio fai que este ano aumenten as hectáreas plantadas

A cooperativa ICOS ensaia con éxito un cultivo mixto de xirasol e sorgo

Unha das parcelas de ensaio de xirasol e sorgo

No ano 2015 levouse a cabo por parte da Cooperativa Icos un cultivo experimental dunha mestura de sorgo e xirasol, dous cultivos alternativos para o pago verde da PAC. Trátanse de dous cultivos que son unha opción para  zonas con dificultades (terreos con máis seca no verán), ou como recurso para sementeiras tardías a mediados de xuño, logo de facer dous ou tres cortes de herba.

¿Por que mesturar ambos cultivos?
O cultivo de xirasol sementado só ten o principal inconveniente da dificultade de manexo no silo, polo abundancia de aceite, o que dificulta a compactación do mesmo cos tractores. Por outra banda, o xirasol en solitario ten bastante risco de encamado.

Combinando os cultivos, xuntamos as vantaxes de ambas plantas e diluímos os seus inconvenientes, xa que o sorgo aporta soporte ao xirasol e máis contido en materia seca para facilitar o ensilado.

O resultado é un cultivo denso, xa dende estadios iniciais, podendo chegar incluso a non necesitar tratamentos herbicidas para eliminar competencias. Con isto buscamos gañar rendemento de cultivo e evitar plantas excesivamente altas, que toleran peor o encamado, que teñen peor calidade de forraxe e cuxa colleita é complicada.

Debemos de usar variedades ben coñecidas e de ciclos iguais entre sorgo-xirasol para colleitar ambas plantas no seu momento.

Abonado:
Esta é unha das grandes vantaxes de ambos cultivos en comparación co abonado do millo. Son cultivos non moi esixentes, sendo posible cubrir as necesidades con aportes de xurro. A dispoñibilidade de purín na época de sementeira sole ser boa, posto que xa se comezan a recuperar os niveis nas fosas despois da sementeira do millo.

Seguindo as recomendacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), estes cultivos poden abonarse en suficiencia aportando 30-40 m3 de xurro de calidade media. O exceso de abonado pode ser contraproducente posto que se se produce un desenrolo excesivo, complicándose as tarefas de recolleita.

Analíticas en verde:
Foron sacadas mostras da forraxe en verde en cada unha das parcelas do cultivo. En cada unha delas había variacións no estado do cultivo.

Na primeira parcela colleitada había predominio de xirasol, con plantas puntuais de sorgo. Analiticamente correspóndese cos datos, posto que a porcentaxe de proteína bruta é inferior ao resto de mostras, e habendo maior contido en FAD (Fibra ácido deterxente, Non desexable), O contido en graxa non foi alto polo atraso na nascencia desta parcela respecto das restantes.

Na segunda parcela colleitada había mestura con 2/3 de xirasol e 1/3 de sorgo. Nesta houbo problemas de nascencia irregular, polo que había xirasois xa maduros e outros aínda iniciando a floración. Aínda deste xeito, o cultivo estaba denso e a porcentaxe de proteína bruta do forraxe desta parcela foi do 13.1 % e sendo a FAD bastante máis baixa que un ensilado medio de xirasol.

Na última parcela está a mestura ideal, cun equilibrio entre sorgo e xirasol, sendo a nascencia máis regular que nas outras parcelas. Destacar nesta parcela a gran abundancia de folla do sorgo, que axudou a que a porcentaxe de proteína bruta acadada fose do 15.2%, e un nivel de graxa do 6.2 %

Cabe destacar que tanto na segunda como na terceira parcela os rendementos por hectárea estimáronse en torno ás 7 toneladas de MS/ha.

Analítica do ensilado:
PH medio: 3,85
Materia seca: 30,05%
Proteína Bruta: 9,6%
Fibra Bruta: 26,75%
Fibra Ácida: 27,95%
Fibra Neutra: 46,6%
Almidón: 16,25%
Cinzas: 6,0%
Materia graxa: 3,0%

Despois dos resultados das parcelas experimentais, e analizando os datos obtidos, o cultivo mixto de xirasol e sorgo preséntase como unha moi boa opción para combinar co ensilado de millo.

Guías de cultivo do CIAM:

-Xirasol

-Sorgo

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información