A conselleira viaxa a próxima semana a Bruxelas para pedir unha regulación do mercado lácteo na UE

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo reúnese co Partido Popular e demanda da Xunta que exerza as súas competencias para apoiar aos gandeiros. Unións Agrarias denuncia que “hai leite que se vende para intervención en leite en pó pero que logo se envasa e distorsiona o mercado”

A conselleira viaxa a próxima semana a Bruxelas para pedir unha regulación do mercado lácteo na UE

A conselleira Ángeles Vázquez

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, viaxará a próxima semana a Bruxelas para manter varias reunións de traballo con representantes europeos co obxectivo de reclamar unha regulación dos mercados lácteos da Unión Europea para evitar situacións como a venda a perdas.

Vázquez lembra que Galicia é a novena rexión produtora de leite de Europa e, como tal, “ten moito que dicir” ao respecto. A titular de Medio Rural insiste en que a situación do leite “é unha cuestión de Estado e así hai que tratalo na UE”.

En concreto, a titular de Medio Rural ten previsto un encontro co director de Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Mihail Dumitru, o luns 22 e outra reunión de traballo o mércores 23 co director de Mercados, Joost Korte. O obxectivo é trasladar a ambos responsables a importancia de incrementar a vixilancia para que os mercados cumpran coas esixencias que establece a lei.

A Plataforma reúnese co Partido Popular e reclámalle á Xunta de Galicia que exerza as súas competencias na defensa dos gandeiros

Pola súa parte, representantes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego reuníronse estes xoves no Parlamento de Galicia con representantes do Grupo Parlamentario do Partido Popular, dentro da rolda de contactos cos distintos partidos políticos para demandar o seu apoio na defensa dos produtores lácteos.

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, e presente na reunión, declarou ao remate do encontro que “a nosa esixencia é que a Xunta de Galicia exerza as súas competencias para defender aos gandeiros”. Recordou que “o escenario de desaparición das cotas lácteas que prevía a Unión Europea non se cumpriu; o acordo lácteo asinado en España estase a incumprir e en Galicia temos os prezos do leite en orixe máis baixos do Estado, con entre 3 e 6 céntimos menos que a media española”.

Ademais, o representante de UUAA na Plataforma advertiu de que “mentres en Galicia a produción de leite dende o fin das cotas medrou un 2%, noutras Comunidades está a incrementarse ata un 15%”.

Unións Agrarias: “Non podemos deixar que a industria só penalice en Galicia o aumento da produción”

Neste sentido, apelou á Consellería a que “non podemos deixar que os excedentes lácteos só se penalicen en Galicia, onde as industrias son as que están a restrinxir a produción, a diferencia doutras Comunidades”.

Igualmente, Roberto García apelou á Consellería e ao Ministerio a que controlen o leite que se destina a intervención para leite en pó, un mecanismo público que se está a utilizar para retirar excedentes do mercado e polo que o gandeiro só recibe 0,18 euros por litro. “É ilegal e inmoral que mentres a industria ameaza a miles de gandeiros con recollerlle a produción para leite en pó, ao mesmo tempo ese leite se estea desviando para envasalo en brik e tirar cos prezos no mercado”, denunciou García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información