A Comisión Europea proxecta elevar en 132.000 toneladas a intervención de leite en po a prezo fixo

O comisario europeo de Agricultura, Phil Hogan, vén de anunciar a medida esta mañá no Parlamento Europeo, logo de que onte se chegase ó tope de compras previstas para todo o ano

A Comisión Europea proxecta elevar en 132.000 toneladas a intervención de leite en po a prezo fixo

Phil Hogan, comisario de Agricultura da UE. / Arquivo.

Os excedentes de produción na UE están disparados, ata o punto de que en abril pasado superouse o límite de 109.000 toneladas de leite en po que a Comisión Europea tiña previsto mercar para intervención a prezo fixo ó longo de todo o ano. A Comisión optou entón por dobrar esa cantidade ata as 218.000 toneladas, pero ese límite xa se acadou de novo onte.

En vistas da situación, o comisario de Agricultura, Phil Hogan, vén de anunciar que a Comisión proxecta elevar ese tope ata as 350.000 toneladas. Se non se subise ese máximo, a Comisión abriría un periodo de intervención cun sistema de subasta á baixa, o que reduciría os prezos de compra do leite en po e levaría a unha baixada en cadea no campo.

O leite en po que vai para intervención xa se merca no campo a menos de 20 céntimos, polo que novas baixadas conducirían a unha situación insostible. O aumento da intervención pública evitará, por tanto, un agravamento da crise, pero segue a ser necesaria a busca de medidas que reduzan os problemas de excedentes.

Solucións ós excedentes

O comisario defendeu hoxe de novo no Parlamento Europeo que a solución ós excedentes tiña que vir da man dunha regulación voluntaria da produción por parte dos países membros, na liña do que vén dicindo nas últimas semanas.

Salvo Francia, non houbo ata o de agora estados que se declararan partidarios da medida. É máis, a Interprofesional Láctea xa confirmou hoxe que non ve viable unha regulación voluntaria da produción en España.

Na súa intervención de hoxe, Hogan tamén destacou a mellora dos mercados de exportación comunitarios en manteiga e queixo nos primeiros meses do ano. A reducción da produción e o aumento das vendas son o camiño marcado polo comisario para chegar no futuro ó reequilibrio do mercado.

Propostas do Sindicato Labrego para un control público da produción

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, participou onte en Bruxelas nunha audiencia da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo adicada a analizar as medidas a adoptar ante a crise láctea. Vilalba, que asistiu ó acto en representación da coordinadora europea Vía Campesina, defendeu a necesidade dun control público da produción “que obrigue e beneficie” a todos os países.

“O aumento das compras para intervención a un prezo ruinoso para as granxas non soluciona nada” (Isabel Vilalba, SLG)

Desde a óptica do Sindicato Labrego, a proposta de Bruxelas para unha regulación voluntaria da produción está a ser un “absoluto fracaso”, pois seguen a producirse excedentes, co agravante dunha “competencia feroz” entre países, con incrementos desproporcionados en estados xa excedentarios, en tanto zonas deficitarias, caso de España, teñen problemas para aumentar a súa produción.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego tamén se pronunciou onte contra o aumento da compra pública de produtos lácteos que acometeu Bruxelas esta primavera, pois entende que os prezos de intervención ós que se adquire o leite en po son ruinosos para as granxas. No intre da intervención de Vilalba, na tarde noite de onte, aínda non se coñecía a proposta de Phil Hogan para aumentar de novo a intervención pública en 132.000 toneladas.

Axudas
O Sindicato Labrego posiciónase ademais contra as axudas compensatorias ás granxas de leite que están proxectando unha parte dos Estados, pois entende que introducen distorsións no mercado e promoven a competencia desleal. Vilalba avoga por políticas públicas europeas que permitan prezos xustos para as granxas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información