Oito recomendacións para mellorar a conduta alimentaria do vacún de leite

Resumo do relatorio de María Devant e Álex Bach, investigadores do IRTA de Cataluña, dentro do III Xornada Fedna-Anembe sobre nutrición de rumiantes.

Oito recomendacións para mellorar a conduta alimentaria do vacún de leite

Vacas na gandería Devesa Langueirón.

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina (Anembe) celebrou este luns en Madrid unha xornada técnica sobre nutrición de rumiantes, na que destacados expertos a nivel nacional e internacional expuxeron os últimos estudos para optimizar a inxesta e o aproveitamento da forraxe polo gando vacún criado en sistemas intensivos.

Neste sentido, María Devant e Álex Bach, investigadores do Departamento de Produción de Rumiantes do IRTA, centro público catalán de referencia en España, ofreceron unhas recomendacións prácticas para mellorar a conduta alimentaria do gando vacún.

Como punto de partida, María Devant lembrou que “a conduta alimentaria está relacionada co consumo de alimento e vén definida principalmente por tres parámetros: o número de visitas aos comedeiros, o tamaño da comida e a duración da mesma”.

A) Becerras en fase de destete e mamóns

Neste sentido, as tenreiras na fase de destete tentarán seleccionar dentro da ración aqueles alimentos que satisfagan as súas necesidades e, en segundo lugar, que lles aumenten o seu hedonismo, xerándolles unha sensación de pracer.

Por exemplo, un estudo (Miller-Cushon et alii, 2014) demostrou que xatas de 2 meses de vida eran capaces de identificar se unha mestura de dous pellets (un de 8 e outro de 4 milímetros) contiñan soia ou colza, e mostraban unha clara habilidade para seleccionar en favor dos pellets que contiñan soia.

A este respecto, os investigadores do IRTA ofreceron as seguintes recomendacións para mellorar a conduta alimentaria en becerras de recría, e por tanto, o seu crecemento e a súa rendibilidade.

1) Antes do destete, hai que expor ás tenreiras a forraxe seca picada a uns 2,5 centímetros

A conduta alimentaria a idades temperás é importante porque pode repercutir na conduta alimentaria a posteriori. Así, os investigadores do IRTA lembraron os datos dun estudo que concluíu que as tenreiras expostas a feo fino moído antes do destete seleccionaron a favor do concentrado e en contra da forraxe de partícula grande despois do destete.

Por tanto, segundo María Devant e Alex Bach, é recomendable que as becerras de reposición se expoñan a forraxe seca (preferiblemente palla, pero pode ser tamén feno de rye-grass ou doutras gramíneas) picado a uns 2,5 centímetros antes do destete, para evitar que cando sexan expostas a racións con maior proporción de forraxe se minimice a conduta de selección, evitando así posibles trastornos ruminais como acidose.

2) No destete mellor que a ración sexa mesturada (unifeed) que ofrecer alimentos por separado.

Ademais, tras o destete, é preferible achegar ás tenreiras de recría, ou aos mamóns, unha ración total mesturada (unifeed) e evitar ofrecerlles heno e concentrado por separado, porque o consumo vai ser máis homoxéneo, e vai haber menos selección en contra das forraxes e das partículas longas.

3) Tamaño de partícula da forraxe: O consumo total de materia seca aumenta se o tamaño da partícula diminúe

En canto a como debe ser esa ración unifeed, os investigadores do IRTA lembraron que tanto o tamaño da partícula de forraxe como a humidade da ración exercen un efecto sobre a conduta alimentaria e sobre o consumo total de materia seca.

Así, un estudo (Khan et alii. 2014) observou que tanto o consumo total de materia seca, así como a velocidade de consumo (medida en gramos de materia seca inxeridos por minuto) tendían a aumentar e o tempo dedicado a comer diminuía conforme o tamaño de partícula da ración diminuía, cun óptimo do 64% das partículas por encima de 19 mm de diámetro.

Doutra banda, o mesmo estudo concluíu que como máximo a ración das xovencas debe ter un mínimo do 65% de materia seca, pois racións cunha humidade superior ao 35% resultan en descensos do consumo.

IRTA_RACION_PICADO

4) Evitar a competencia no comedeiro.

A densidade animal é un factor que condiciona de maneira importante a conduta alimentaria do gando vacún. Así, en situacións de alta competencia para acceder ao comedeiro, as xovencas e as vacas consomen a ración a un maior ritmo de inxestión, especialmente xusto despois de ofrecer comida fresca.

Esta maior competencia redunda nun descenso do número de visitas ao comedeiro durante o día, e as que se producen son máis longas e cunha maior cantidade de materia seca consumida.

Este distanciamento entre comidas en situacións de competencia pode ser debido a dous factores: a un maior consumo de materia seca xusto no momento de ofrecerlle a comida e a un descenso do PH ruminal, como consecuencia da maior velocidade de consumo (menos secrección de saliva) e maior cantidade de materia seca consumida nesa visita. E en situacións de baixo PH e alta osmolaridade ruminal -cos consecuentes riscos de acidose- o apetito diminúe e as visitas ao comedeiro distáncianse.

5) A idades temperás, o penso mellor granulado.

En tenreiros mamóns destinados ao cebo hai poucos estudos de conduta alimentaria, experiencia previa ou selección. Baseándose nos estudos de Miller-Cushon et alii (2013), a investigadora do IRTA María Devant realizou un estudo en 2015 para avaliar se a experiencia alimentaria previa podía afectar as preferencias de alimentos e ao comportamento alimentario en tenreiros destetados ao comezo do cebo.

Neste sentido observouse que:

-Os animais que consomen fariña dedican máis tempo a comer que os que consomen penso granulado (11 minutos fronte a 9 por comida).

-Que a experiencia previa (penso como fariña ou como granulado) afecta á conduta posterior, xa que a porcentaxe de desperdicio do concentrado variou en función da forma de presentación previa.

“Por tanto -conclúen os investigadores do Irta- parece que ofrecer concentrado en forma de granulado a idades temperás pode ser unha boa estratexia para reducir o desperdicio de concentrado en idades posteriores”.

A) Vacas en lactación

En canto a vacas leiteiras, o máis importante para a produtividade é o consumo de nutrientes, pero o modo en que estes nutrientes son consumidos poden afectar á propia inxestión de materia seca, o comportamento alimentario e a fermentación ruminal. É máis, o tempo dedicado a comer e a rumiar por unidade de alimento inxerido no vacún leiteiro foi positivamente correlacionado coa dixestibilidade ruminal da fibra.

1) O importante é asegurar que as vacas acudan o maior número de veces ao comedeiro e atopen alimento

Nun arquivo que recompila datos de consumo e de comportamento alimentario do IRTA de 267 vacas durante un período de 9 meses, atopouse unha relación positiva entre o consumo de materia seca e o tamaño da comida. É dicir, o consumo diario duns 1 quilogramos adicional de materia seca asociábase con 300 gramos máis de tamaño de comida.

Os investigadores do Irta conclúen que “por tanto, parece que o importante no vacún leiteiro é asegurar que as vacas poidan acceder ao comedeiro cantas veces queiran para poder así aumentar o consumo total de materia seca”, e a produción leiteira.

“Para iso é moi importante achegar a comida ao pesebre, para asegurar que a vaca cando se achegue ao atope alimento a discreción”, destacou María Devant.

Neste sentido, na base de datos do IRTA tamén atoparon unha relación positiva (P<0,001) entre o tamaño da comida, así como o número de comidas ao día, co contido de proteína en leite.

2) É recomendable picar toda a ración a un tamaño máximo de 2,5 centímetros

As vacas teñen gran predisposición a seleccionar a ración a favor de partículas finas e a rexeitar as partículas fibrosas da forraxe, e esta selección aumenta conforme o tamaño de partícula medio da ración aumenta.

“Por tanto -conclúen María Devant e Álex Bach- para minimizar o comportamento de selección é recomendable picar toda a ración a un tamaño máximo de 2,5 centímetros”.

Ademais, un estudo realizado en 2003 (Konodoff et alii) concluíu que se produce un incremento no contido de materia graxa do leite se os tamaños das partículas da forraxe son menores. En concreto, comparáronse dúas racións en base a ensilado de silo de millo cunha media xeométrica das partículas de 8,8 ou de 7,8 milímetros.

3) Favorecer a rumia e o tempo que a vaca está deitada.

Por último, e aínda que non forma parte directa do comportamento alimentario, a rumia e o tempo que a vaca dedica a remoer correrlacionouse coa saúde ruminal e en especial coa acidose ruminal.

Porén, os investigadores do Irta lembran que “na maioría das ocasións as vacas con maior acidose ruminal son as que máis comen ou comeron e, por tanto, as que máis remoen”.

Neste sentido, defenden que “o correcto sería expresar o tempo de rumia en función da inxesta de materia seca; é dicir, en minutos de rumia por kilogamos de materia seca inxerida”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información