IRLANDA ANDREA BUJ

8 experiencias de estudantes galegas en ganderías de vacún de leite de Irlanda

Recollemos as testemuñas de 8 estudantes galegas do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa que están a realizar prácticas en ganderías de vacún de leite de Irlanda. Así valoran as granxas nas que están a traballar...

Un grupo de alumnos e alumnas do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), realizan durante os meses de marzo e abril unha estadía formativa, dentro do programa europeo Erasmus Novos Granxeiros, en granxas de vacún de leite da República de Irlanda, un país no que o sector lácteo si é estratéxico e é un piar da súa economía exportadora.

Entrevistamos a 8 destes alumnos que ofrecen a súa valoración das estadías que están a realizar en granxas dos condados de Cork e de Limerick, no sur de Irlanda, onde se concentra a produción leiteira do país.

Raúl Varela Munín: “O sistema de pastoreo que teñen déixalles moito diñeiro aos gandeiros, uns 15 céntimos por litro”

Raúl Varela Munín é un mozo de Arzúa, fillo de gandeiros, que está a estudar na EFA Fonteboa o Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, ao igual que os seus compañeiros.

Esta é a súa valoración:

“A experiencia é moi positiva. Aprendín outro sistema de traballar e gústame máis o sistema extensivo porque creo que é máis rendible, aínda que as vacas produzan menos leite. Aquí ao gandeiro quédalle unha media de 15 céntimos por litro de leite, cando en España andamos polos 3 ou 4 céntimos.

A granxa na que traballo está en Ossory, e conta con 250 vacas e cunha base territorial de 75 hectáreas, todo a pastoreo, con raigrás inglés, ao redor do establo. A produción é duns 25 litros por vaca e día e unhas calidades medias de 3,7% de proteína e 4,2% de graxa. O leite neste momento páganllo a unha media de 0,35 euros.

Concentran os partos nos meses de febreiro, marzo e abril, e en decembro e xaneiro secan as vacas e non entregan leite. De feito, cando cheguei a comezos de marzo andabamos nunha media de 10 partos ao día. A recría externalízana e só teñen as becerras ata os 2,5 meses de vida.

“A raza Kiwi Cross é moi rústica e adaptada ao pastoreo”

As vacas son de raza Kiwi Cross: cruce de Jersey e Frisón Neozelandés. O propietario da granxa na que estou empezou no 2009 con estes cruces, e non volveu á Holstein, porque os becerros arrincan moi ben e as vacas son moi rústicas e con moi poucos problemas de mamites e de parto.

Danlles unha media de 2 kilos de penso e silo de herba cando están no establo, durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro. O resto do ano están soamente a base de pasto do prado e 2 kilos de penso que lle dan no muxido.

A sala de muxido é semitraseira, con liña ao medio e 26 puntos, moi sinxela pero moi eficaz. Agora mesmo poden muxir ata 200 vacas nunha hora e todo cunha soa persoa, que ao rematar de colocar as tetoeiras nunha parte da liña xa vai colocar as do lado contrario.

Por último, nesta granxa subcontratan todos os traballos agrícolas, incluído sacar o xurro. O único que teñen é unha pala, unha Merlot, para quitar esterco, poñer silo..etc.

Globalmente creo que este é un sistema moi cómodo e moi rendible para o gandeiro, pois creo que coas mesmas vacas tes 5 veces máis marxe que en Galicia”.

Andrea Buj Rodríguez: “Creo que o futuro pasa por sistemas de pastoreo como este”

IRLANDA ANDREA BUJ

Andrea Buj Rodríguez é unha moza de 19 anos, de Tomiño, un concello do sur de Pontevedra no que prácticamente xa non quedan vacas de leite. No seu caso, estuda en Fonteboa para poder acceder á carreira de Veterinaria en Lugo. Esta son as súas segundas prácticas nunha gandería de vacún de leite, despois de 3 semanas en Gandería Pozo, en Lugo.

Esta é a súa valoración:

“Aquí o gandeiro traballa máis na granxa, están moito máis enriba do traballo mentres que as vacas están no prado. Estou traballando nunha granxa familiar, rexentada por Ann e Jhon. A pesar de que o traballo é duro, nótaselles orgullosos do seu traballo e contentos de continuar coa gandería dos avós de Ann.

Teñen unha neta, Claudia, que se está formando neste momento en diversas granxas de Francia. Cando remate ten previsto estudar e incorporarse á granxa. Jeremy é o seu pai e ten un taller de maquinaria agrícola, xusto ao lado do establo.

Creo que o futuro son os sistemas extensivos de pastoreo, porque é máis natural e sostible, con moitos menos gastos e un leite que creo que é de maior calidade”.

Nerea María Aneiros Martínez: “En certas zonas de Galicia sería interesante poder facer pastoreo en vacún de leite”

Nerea María Aneiros Martínez é unha moza de Moeche (A Coruña). A gandería no seu caso non lle é allea pois os seus pais teñen unha granxa familiar con 40 vacas en muxido e unhas 90 cabezas de Rubia Galega.

No seu caso, tamén estuda na EFA Fonteboa como paso previo para acceder a Veterinaria, pero non descarta, unha vez rematados os estudos, incorporarse á explotación familiar e poder traballar nun futuro co seu irmán, que estudou enxeñería agrícola.

Así valora as prácticas que está a realizar:

“Hai moitas diferenzas e a experiencia é positiva. Podes comparar cousas que hai aquí, como o sistema de pastoreo, que se poderían implantar en Galicia, en zonas nas que o clima é máis parecido.

A explotación na que estou, dos irmáns Dumne, conta cunhas 400 vacas en muxido e 140 hectáreas de pradeiras arredor da explotación, a 4 kilómetros as máis afastadas. Dispoñen para o muxido dunha sala rotativa de 60 puntos.

Creo que o sistema de pastoreo en Galicia pode ser moi interesante e non ir tanto a intensivo”.

IRLANDA GRUPO

De esquerda a dereita: Andrea Ces, Nerea María Aneiros, Jesús Manuel Sánchez, María Lea Estella, Uxía Seoane e Mencía Baños

Jesús Manuel Sánchez Rama: “En Irlanda case todas as granxas teñen relevo xeneracional e case ningunha pecha por non cubrir gastos”

Jesús Manuel Sánchez Rama é un mozo de Mesía, fillo de gandeiros, que tamén estuda na EFA Fonteboa o Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal co obxectivo de incorporarse no futuro á granxa familiar.

Así valora as prácticas que está a realizar en Irlanda:

“É unha experiencia de dous meses, faise algo longa por estar lonxe da familia, pero sempre ves novos métodos de traballo. Na granxa na que estou, en Fermoy, teñen 220 vacas en muxido e 143 hectáreas, todo en propiedade e ao lado da granxa, algo que baixa moito os custos de produción.

A alimentación é en base a pastoreo e fan 2 cortes de silo de herba para ensilar, un en maio e outro a finais de xuño, co que alimentan as vacas sobre todo no período seco, entre novembro e febreiro.

Facemos só un muxido ao día, cunha media de 5.000 litros por lactación, porque a empresa á que lle vende prima bastante as calidades. A raza do rabaño é Frisona, pero inseminan moito con carne da raza Angus. O granxeiro,Philip Realy, manexa el só a granxa, e fai concentración de partos en febreiro, marzo e abril, de forma que en novembro e decembro non muxe.

Dispón de moi pouca maquinaria: unha pala para a comida e un tractor e todo o resto de traballos contrátaos a empresas de servizos agrícolas. Por exemplo, para o ensilado da herba a empresa faille todo o traballo por 200 euros a hectárea.

En canto aspectos a mellorar, creo que se podería avanzar en instalacións e en prevención de enfermidades, e eu quizás iría a dous muxidos.

Polo demais, a maioría das granxas teñen aquí teñen relevo xeracional e case ningunha pecha por non cubrir gastos ou ter continuidade. Aquí a xente está moi orgullosa de ser gandeiro”.

Andrea Ces Ces: “O que máis me chama a atención é o sistema de pastoreo”

Andrea Ces Ces, é unha moza de Lousame, onde os seus pais contan cunha granxa de vacún de leite con 30 vacas en muxido e en sistema intensivo. O seu obxectivo é estudar Veterinaria pero posteriormente non descarta incorporarse á granxa familiar.

Así valora a estadía que está a realizar en Irlanda:

“Estou estudando en Fonteboa e solicitei este Erasmus Young Farmers porque era una nova experiencia. Na granxa na que estou muximos 100 vacas en sistema de pastoreo, no condado de Cork.

En positivo o que máis me chama a atención é o sistema de pastoreo, que abarata moito os custos de produción. Na granxa na que estou primeiro muximos, logo damos o leite aos becerros e estramos e facémoslle a cama. Chámame a atención que aquí non fan limpeza de tetos antes do muxido, só poñen as tetoeiras e logo aplican un spray de limpeza”.

Mencía Baños: “Limpan moito menos os tetos no muxido”

Mencía Baños é unha moza da Coruña que tamén estuda na EFA Fonteboa con vistas a ser admitida na carreira de Veterinaria, aínda que recoñece que “non descarto traballar nunha granxa porque as experiencias que tiven gustáronme”.

Así resume como están a ser as súas prácticas nunha granxa de Irlanda:

“A gandería na que estou conta cunhas 130 vacas en total, muximos unhas 100 e as outras están para parir. Saen ao pasto día e noite todos os días, agás cando fai mal tempo.

O meu traballo consiste en facer as camas das vacas, dos becerros, limpar os pasillos e muxir ás veces. As camas das vacas son de colchoneta, e o que fago é limpalas e logo botarlles cal.

Chámama a atención a hixiene, pois limpan moito menos o ubre, soamente fan despunte e ao remate desinfectan cun líquido. En comparación co sistema intensivo, creo que aquí os gandeiros traballan máis, non teñen tanto descanso, sobre todo despois do xantar”.

Uxía Seoane Fernández: “Teñen que coidar máis a recría, sobre todo a temperatura á que lle dan o leite aos becerros”

Uxía Seoane Fernández é unha moza de Arteixo que está a facer a segunda práctica nunha granxa despois dunhas prácticas de 3 semanas nunha gandería de Friol (Lugo).

Así valora como está a ser a súa experiencia nunha granxa irlandesa:

“Estou traballando nunha gandería con 130 vacas en muxido e ademais ceban os becerros. Na granxa fago as camas das vacas dúas veces ao día, doulle de comer aos becerros e cada 3 días limpo os cubículos dos becerros, limpo as amamantadoras e axudo co muxido.

Considero que o sistema que teñen facilítalles o traballo e permítelles gañar bastante diñeiro. Eu cambiaría o tema de darlle de mamar aos becerros leite frío, o que produce diarreas frecuentes e leva a tratamentos con antibióticos. Na recría existe bastante marxe de mellora”.

María Lea Estella Guillot: “Nos supermercados destacan moito que os produtos lácteos son de Irlanda”

María Lea Estella Guillot é unha moza da Coruña que está a estudar en Fonteboa como paso previo para acceder a Veterinaria.

Cóntanos como está a ser a súa estadía:

“É a miña primeira experiencia en prácticas nunha gandería de vacún de leite. É unha granxa cunhas 200 vacas, no pobo de Glenrow. Chámame moito a atención que as vacas estean en extensivo, pacendo nas pradeiras e durmindo fóra.

Polas mañás limpo a sala de muxido e axudo a poñer a primeira tanda de tetoeiras, arrimo comida, fago camas…etc. Destacaría tamén que nos supermercados os produtos lácteos están elaborados con leite de Irlanda e así o subliñan na información”.