60 cooperativas gandeiras de AGACA participarán na manifestación do sector lácteo

As cooperativas membros da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias facilitarán a asistencia dos seus asociados á manifestación en Santiago fretando autobuses, en colaboración con algúns concellos.

60 cooperativas gandeiras de AGACA participarán na manifestación do sector lácteo

Asemblea de AGACA

As cooperativas gandeiras de AGACA aprobaron unanimemente o seu apoio á manifestación convocada polo sector lácteo o venres en Santiago de Compostela para frear a crise causada polos baixos prezos do leite e o cese de recollidas. As entidades están a convocar aos seus asociados e traballadores para que se acheguen a Santiago ou participen nas demostracións de apoio dende as cooperativas.

Representantes de 60 cooperativas gandeiras participarán na manifestación. Ademais, máis de 20 autobuses partirán dende as catro provincias galegas convocados polas cooperativas, que nalgúns casos colaboran cos Concellos para a organización dos desprazamentos.

Xunto coa asistencia á manifestación, as cooperativas solidarizaranse cos produtores lácteos a través de medidas como a redución de horario de atención ao público con servizos mínimos ou peche das súas instalacións na duración da manifestación, para expresar o seu malestar pola situación crítica do sector.

Concentración da oferta

Os representantes das cooperativas estiman que unha das claves da crise láctea é a “excesiva atomización do mercado galego, que vende fóra de Galicia, sen transformar, máis do 20% do leite producido na Comunidade”.

Esta atomización, que afecta tanto a cooperativas primeiro compradoras como a entidades privadas primeiro compradoras, non axuda a conformar o suficiente valor ao sector polo que, consideran os representantes de AGACA, “é fundamental aportar medidas de impulso da concentración da oferta para os gandeiros, algo que entidades como a nosa levamos reclamando dende hai tempo”.

“É imprescindible a concentración da oferta de leite dos gandeiros”

AGACA traslada a mensaxe das cooperativas, que consideran fundamental que, ligado ao impulso da concentración da oferta láctea, se incentiven núcleos industriais de base cooperativa capaces regular o mercado lácteo e aportar un valor engadido ao leite, de cara aumentar o atractivo do leite galego para outros novos mercados.

Caída global de prezos

Reflexo da caída de prezos que sofre o sector lácteo galego é o índice de subhastas de Fonterra, a cooperativa de Nova Zelandia que aglutina unha das maiores cotas de mercado a nivel mundial. De media, os prezos dos seus produtos baixaron nun 10,7% na subhasta do día 15 de xullo. No que vai de 2015, o descenso é do 25% aproximadamente. Comparando as cifras co máximo acadado en 2013, a caída é do 64%.

A nivel mundial, tomando os resultados do Índice GlobalDairyTrade, o prezo rexistrado en 2015 é o máis baixo dos últimos 10 anos da serie histórica coñecida.

“A nivel mundial o prezo do leite é o máis baixo dos últimos 10 anos”

Os representantes das cooperativas móstranse preocupados pola tendencia, e consideran imprescindible o fomento do consumo: “Se continúa esta tendencia, ocasionará problemas gravísimos para os sector, tanto a nivel de custos para as explotacións como para todo o sistema produtivo. Pode supoñer o peche para moitos produtores”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información