6 medidas para favorecer o relevo xeracional nas explotacións gandeiras

Resumo da xornada organizada pola asociación Terra e Leite sobre “A sucesión nas explotacións lácteas: análise e propostas para o relevo xeracional”, que se celebrou este mércores na Fundación Juana de Vega

6 medidas para favorecer o relevo xeracional nas explotacións gandeiras

A Unión Europea ten como un dos seus obxectivos estratéxicos para o rural favorecer o relevo xeracional nas explotacións agrogandeiras, un problema que se agrava en Galicia, xa que, no caso do sector lácteo 4 de cada 10 granxas -unhas 3.700 en total- teñen como titular a unha persoa física cunha idade superior a 55 anos, polo que dentro de 10 anos poderían pechar sen ter a ninguén que os suceda.

E é que se ben é certo que nos últimos anos a produción leiteira de Galicia non parou de medrar, tamén o é que o número de ganderías sofre unha baixada constante duns 40 peches cada mes. Deste xeito, prodúcese máis leite por granxa en Galicia debido á mellora da eficiencia pero con menos superficie: 350.000 hectáreas no ano 1989 fronte ás 240.000 do ano 2016. Unha situación que plantea problemas de forestación ilegal de terras agrarias, de maior risco de incendios e de despoboamento do rural.

Para abordar esta problemática, a asociación galega Terra e Leite convocou este mércores a un amplo grupo de expertos na Fundación Juana de Vega nunha xornada sobre “A sucesión nas explotacións lácteas: análise e propostas para o relevo xeracional”.

Velaquí algunhas das conclusións:

1) Fomentar a incorporación de persoas alleas ao sector gandeiro:

Fomentar a incorporación ao sector gandeiro de persoas que non son fillos ou fillas de gandeiros é unha das claves que se propón para favorecer o relevo naquelas ganderías de vacún de leite que non teñen sucesión. “O 50% do noso alumnado de ciclos de formación profesional gandeira non son fillos de gandeiros”, explica Luis García, director do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en Coristanco.

En Francia xa levan anos de adianto en favorecer dende a administración a incorporación de xente allea ao sector para que tome o relevo. “Existe un directorio de ganderías que non teñen relevo e a administración ponos en contacto con persoas que se queren incorporar, cadrando o máximo posible os perfís”, explica Delphine Neumeister, do Institute de l´Elevage, un centro público de investigación francés. Un asesor da administración presta aconsellamento a gandeiro e arrendatario ou comprador, pero son as dúas partes as que teñen que chegar a un acordo económico.

“En Francia estamos preocupados porque por cada 2,5 titulares de granxas de vacún de leite que se xubilan, só se incorpora 1. E a entrada de xente allea ao sector é clave. De feito, neste momento algo máis do 10% dos que se incorporan á gandería non son fillos de gandeiros, e fano sobre todo no sector ovino e caprino de leite, xa que precisa menos investimento inicial que unha granxa de vacún de leite”, engade a investigadora francesa.

2) As granxas deben modernizar as súas formas xurídicas:

Outro factor que non contribúe ao relevo xeracional son as formas xurídicas das explotacións de vacún de leite en Galicia. “Teño visitado moitas ganderías onde contan cunha tecnoloxía do século XXI, pero que cando lle preguntas pola forma xurídica están no século XIX”, recoñece Alfredo Areoso Casal, avogado e membro da asociación Terra e Leite.

Así, explicou que, segundo datos do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), actualmente máis do 70% das granxas de vacún de leite en Galicia son titularidade dunha persoa física ou comunidade de bens. “É dicir, o titular da explotación non ten limitación de responsabilidade patrimonial se as cousas van mal, polo que tamén poría en risco o seu patrimonio persoal. Unha situación que é propia e adaptada ao rural galego de séculos pasados, pero non para a actualidade, onde a granxa é unha empresa”, subliña.

Unha problemática que, segundo Alfredo Areoso, tampouco resolven as SAT ou as Sociedades Civís, a forma xurídica que máis medrou nas últimas décadas e que supoñen arredor do 25% das explotacións lácteas, sobre todo as de maior tamaño. “A efectos xurídicos tanto as SAT como as SC seguen estando rexidas en boa medida polo Código Civil de 1889, polo que tampouco hai unha separación clara entre o patrimonio da empresa e o persoal a efectos de responsabilidade patrimonial”, subliña.

Pola contra, o avogado defendeu como formas xurídicas máis axeitadas e modernas -no sentido de preservar o patrimonio persoal dos propietarios- tanto as Sociedades Limitadas, incluíndo as Sociedades Limitadas Unipersoais cando o propietario é unha única persoa, as Sociedades Cooperativas como as Sociedades Anónimas, debendo axustar a forma xurídica a cada caso concreto. “Sen embargo, en Galicia non chegan ao 10% este tipo de sociedades máis modernas para o que é unha empresa”, lamentou.

Fernando Areoso: “Moitas granxas traballan coa tecnoloxía do século XXI pero teñen unha forma xurídica do século XIX”

No caso francés, Delphine Neumeister informou de que “nas granxas de vacún de leite cada vez hai menos GAEC, o equivalente ás SAT de aquí, que xa representan menos da metade, e están medrando as SL”.

Sen embargo, José Antonio Vázquez, economista e asesor económico e fiscal de ganderías de vacún de leite, destacou que “xunto a unha planificación da forma xurídica que debe ter a granxa, tamén deberíamos realizar unha planificación fiscal, tendo en conta todas as bonificacións”, para pagar menos ao fisco.

En canto á transmisión en si, e para planificar o relevo na explotación evitando conflitos familiares que dificulten a sucesión, destacou como unha figura moi interesante o testamento inter vivos. “Pódese facer un testamento en vida, con bonificacións do 95% nas transmisións patrimoniais cun límite de 400.000 euros se é de pais a fillos”, asegurou.

“En Galicia hai ferramentas xurídicas e con interesantes bonificacións fiscais para favorecer o relevo nas ganderías, o que é preciso é difundilas”, engadiu Alfredo Areoso.

Xunto a isto, ambos os dous defenderon a necesidade avanzar en figuras máis modernas no matrimonio que aseguren a pervivencia da granxa e preserven o patrimonio persoal de cada cónxuxe. Así, fronte ao réxime de gananciais, defenderon a necesidade de que se incrementen os matrimonios con separación de bens.

3) Potenciar a formación:

Mellorar e potenciar a formación gandeira é outras das claves para favorecer o relevo xeracional, máxime cando as granxas exixen cada vez de maior coñecemento técnico e tamén de xestión de persoal. Neste sentido, en Galicia para acceder á axuda de incorporación a única formación que se esixe é ter superado o curso de 250 horas que imparte a Consellería de Medio Rural.

“É claramente insuficiente. A estrutura de formación agraria en Galicia quedou anquilosada pois cada vez temos que ir a formar ao alumnado en perfís profesionais moi específicos que demandan as granxas, como xefes de explotación, operarios…etc. E temos que potenciar a formación en alternancia, con prácticas en granxas e explotacións agrícolas, de forma que todo o sector se implique na formación dos futuros agricultores e gandeiros”, destacou Luis García, da EFA Fonteboa.

Luis García: “O 50% do alumnado da EFA Fonteboa non son fillos de gandeiros”

No caso de Francia, Delphine Neumeister lembrou que a formación que se esixe é dun mínimo de 4.000 horas e destacou que para as persoas que se queren incorporar estanse a potenciar novas modalidades de formación e de acompañamento, como o “apadriñamento” do que se incorpora por outros gandeiros da súa zona.

Outro aspecto clave na formación no que coincidiron todos os expertos, xa que condiciona o relevo, é a formación dos gandeiros para xestionar o persoal asalariado das explotacións. “Un dos grandes problemas que temos é que os gandeiros non están capacitados para xestionar recursos humanos e que as persoas que se presentan aos postos de traballo non teñen cualificación, o que leva a unha alta rotación dos empregados e a que estes non se sintan parte da explotación. É algo no que resulta clave traballar para solucionar o problema da falta de man de obra”, recoñeceu Delphine Neumeister.

4) Novos sistemas de acceso á terra:

O acceso á terra é outra das limitacións para o relevo xeracional no sector gandeiro, sobre todo para aquelas persoas que non son familiares de gandeiros e que se queren incorporar.

Neste sentido, os expertos reunidos por Terra e Leite coincidiron en que a resistencia de moitos propietarios a vender ou ceder o uso dos seus terreos é un problema de ideosincrasia de Galicia que cómpre cambiar e que se pode estimular mediante medidas fiscais e facendo cumprir a lexislación sobre usos da terra.

Isabel Vilalba: “A Xunta debe facer cumprir a lei e protexer os solos agrarios”

Ademais da venda, que no caso de Francia está regulado o prezo a través das SAFER para evitar a especulación, destacaron que existen múltiples alternativas, moitas delas con interesantes bonificacións fiscais para os propietarios. Así, dende a compra en común de parcelas, os alugueres con opción de compra, ou a venda con pago aprazado a 18 anos, unha opción que permite á persoa que se xubile ter un importante complemento da súa pensión.

“Pero para todo iso é clave que a Xunta de Galicia faga cumprir a lei e protexa os solos agrarios con valor agronómico, para evitar a competencia das plantacións de eucaliptos”, subliñou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

5) Campañas de comunicación:

Mellorar a imaxe do sector na sociedade a través de estratexias de comunicación que conten a súa realidade, e non só das protestas polos baixos prezos ou casos puntuais de maltrato animal, é outra das medidas que se planteou na xornada organizada por Terra e Leite.

En Francia levan vantaxe neste sentido, pois dende o ano 2015 dispoñen dun Plan Nacional de Acción par Favorecer as Incorporacións ao sector Gandeiro, e un libro branco con 24 propostas concretas para favorecer o relevo nas granxas.

Ademais, contan cunha estratexia de comunicación nos medios xeralistas e teñen en marcha a plataforma Dévenir Éleveur http://devenir-eleveur.com/ (Converterse en granxeiro), onde se pon en valor estra profesión de cara a aquelas persoas alleas ao sector que se poden incorporar.

6) Realización dun estudo en Galicia:

En España, e en Galicia en concreto, falta un estudio científico sobre cales son os principais obstáculos que condicionan o relevo nas explotacións gandeiras. “Só contamos con apreciacións persoais e fáltanos un diagnóstico de cal é a situación actual, polo que unha das tarefas sería realizar un estudo específico sobre a sucesión nas explotacións gandeiras en Galicia”, destacou Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (LABORATE) da USC.

Boas perspectivas para producir leite no futuro:

En canto ás demandas do mercado, José Armando Tellado, director xeral de CAPSA FOOD destacou que as perspectivas son boas para incorporarse á gandería de vacún de leite.

José Armando Tellado: “Son optimista sobre a produción de leite en Galicia”

“A demanda global é crecente e manterase no tempo, sobre todo grazas ao incremento do consumo de queixo en Asia e a que se manterán os prezos da manteiga nun rango de entre 4000 e 5000 euros a tonelada” , avanzou.

No caso concreto de Galicia, o directivo de CAPSA FOOS recoñeceu que “son optimista e a industria absorberá o incremento de produción de leite, e os prezos mellorarán no futuro”. “Só é cuestión de tempo”, concluíu.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información