As 5 claves do benestar animal na recría de gando vacún

Cristina Pilar Pousada, veterinaria dos laboratorios MSD falou, na última xornada técnica de Nestlé para os seus gandeiros de Galicia, sobre a importancia de mellorar o benestar animal durante a recría. Velaquí as claves para ter éxito nesta etapa crucial na vida do animal

As 5 claves do benestar animal na recría de gando vacún

Becerras na Gandería Casa Pozo, en Lugo

O benestar animal é un concepto que ultimamente escoitamos de forma moi repetitiva, e está a ser unha preocupación para os produtores de leite que día a día tentan mellorar a saúde e, valla a redundancia, o benestar dos seus rabaños. Pero, ¿que entendemos por benestar animal? Como diría un galego,depende.

Existen diferentes puntos de vista segundo o sector no que nos atopemos. Os veterinarios e gandeiros entendemos que un animal goza de benestar cando está san e é produtivo. Se un animal, neste caso unha vaca, atópase enferma, a produtividade baixa e por tanto tamén a súa rendibilidade, afectando á economía do produtor.

Os consumidores alleos á industria láctea entenden o benestar animal da mesma maneira que o entenden para si mesmos; é dicir, teñen un concepto humanizado do benestar, e este feito comporta chegar a esixir premisas de benestar moi lonxe do que se pode conseguir para un animal en produción, e ademais innecesarias en moitas ocasións.

A definición que considera o mundo científico como benestar é un concepto que engloba tres elementos: a función biolóxica, é dicir, que o animal non padeza enfermidades; as emocións, que non sufran medo nin dor crónica , e o comportamento, como a posibilidade de expresar condutas propias da súa especie.Este conxunto de ideas e conceptos combinados definen o benestar animal.

Ademais, o benestar animal é unha das máis recentes demandas do consumidor actual, non só debemos proporcionar alimentos sans e seguros, senón que ademais os sistemas de produción das empresas gandeiras deben cumprir os requisitos de benestar animal. Segundo recentes datos, máis do 60% dos consumidores europeos consideran que se pode mellorar o benestar dos animais de produción, e case un 50% considera que as leis actuais non velan suficientemente polo benestar destes animais. Por último, está a lexislarse desde a Unión Europea para asegurar o benestar dos animais de produción, cada vez con normativas máis esixentes e estritas.

 O benestar animal non se debe ver como un problema xa que mellora a produción e rendibilidade dos animais

Pero,¿ temos que ver o benestar como un problema? A resposta é rotundamente non, posto que o benestar animal ten un efecto directo e positivo sobre a produción e rendibilidade dos animais. Isto é debido a que a produción láctea é un elemento que ten a consideración de “función de luxo”, xa que non necesitan producir leite para vivir, e calquera elemento que resulte estresante, pode ocasionar unha baixada de defensas, a aparición de patoloxías, ou calquera incomodidade que impida que o animal descanse o tempo necesario, diminuíndo por tanto, a produción láctea.

¿E como podo valorar o benestar animal nos meus animais? Un dos métodos de valoración do benestar animal é o denominado Welfare Quality,que xurdiu da necesidade de transparencia sobre o estado dos animais na cadea alimentaria, ante a preocupación pública a cerca do consumo de alimentos. Welfare Quality céntrase no respecto a catro principios funadamentales, boa alimentación, bo aloxamento, boa saúde e adecuado comportamento.

O benestar animal queda garantido cando se cumpren o chamadas cinco liberdades:
1. Liberdade de confort (non pasar frío nin incomodidade).
2. Liberdade alimentaria (non pasar nin fame nin sede).
3. Liberdade de non padecer enfermidades nin dor.
4. Liberdade de non ter medo.
5. Liberdade para poder expresar condutas propias da súa especie.

1. Ausencia de incomodidade

A ausencia de incomodidade inclúe varios puntos a ter en conta nas distintas etapas, pero son especialmente importantes nos primeiros días de vida. Por tanto, imos centrar as nosas recomendacións neste período da vida do animal.

Os xatos neonatos nacen con moi pouca graxa corporal, necesaria para iniciar as súas funcións metabólicas, pero cando están expostos a baixas temperaturas, a enerxía contida na graxa e a que achega o alimento que inxere utilízase para manter a temperatura corporal, o que predispone a padecer enfermidades de tipo respiratorio e impide a medra normal do animal.

Unha maneira sinxela de asegurar unha boa temperatura corporal é mellorando o encamado, de tal forma que as extremidades do animal estean cubertas de palla, xa que é por onde máis calor perden.

Unha maneira sinxela de asegurar unha boa temperatura corporal da tenreira é mellorando o encamado

En canto ao tipo de aloxamento, a mellor recomendación que se pode facer tendo en conta a presión de circulación de patóxenos nas gandarías, é facelo de forma individual. É certo que deste xeito a interacción social entre elas redúcese en gran medida, o que representa un factor de tensión nun futuro, pero deste xeito evítase a diseminación de enfermidades nun momento clave onde a saúde e a vida do animal están en risco.

Ademais, o aloxamento debe garantir a ventilación sen xerar correntes de aire, evitar as humidades e ser de fácil limpeza e desinfección; para este último punto recomendamos utilizar materiais lisos e non porosos.

2. Ausencia de fame, sede e malnutricion

Segundo a lexislación vixente, é obrigatorio ofrecer de auga de bebida aos animais desde a segunda semana de vida. Sen embargo, os reén nados consomen auga desde o primeiro día, principalmente nos días de calor e naquelas situacións de demanda de líquidos como pode ser unha diarrea.

Ademais, o consumo de auga ten a función biolóxica de axudar ao desenvolvemento do rumen, e favorecer o consumo de penso, polo que sempre se recomenda garantir a subministración de auga limpa desde o primeiro día de vida.

Habitualmente asóciase o consumo de leite coa aparición de diarreas, nada máis lonxe da realidade! As diarreas son consecuencia da formación ou non da gota esofáxica no momento da inxestión do leite. A gota esofáxica é unha estrutura muscular que se forma dependendo da temperatura e a textura do alimento. Se a temperatura é a adecuada, fórmase a gota, dirixindo o líquido cara ao abomaso onde forma o callo e posteriormente seguirá a dixestión no intestino. Se a temperatura é baixa, non se forma esta estrutura, e o líquido acábase dirixindo ao aínda inmaturo rume, provocando a diarrea.

A diarrea en tenreiros preséntase pola administración e o manexo inadecuado do leite

Cando o gandeiro observa a presenza de diarrea nos seus animais responsabiliza ao consumo de leite, cando en realidade a patoloxía preséntase pola administración e o manexo inadecuado do mesmo. A solución máis común que se adopta nese caso é restrinxir a alimentación láctea dos tenreiros, o cal ten un impacto moi negativo neles, posto que necesitan todo o aporte enerxético posible nese momento das súas vidas.

3. Ausencia de dor.

Os becerros son sensibles á dor desde o primeiro segundo de vida, e hai que telo en conta ao levar a cabo o desmochado e o corte do rabo.

Denomínase desmochado á eliminación do botón córneo nos animais de 4 a 8 semanas de vida, cando o corno aínda non está unido ao periostio. O descornado realízase en animais adultos co corno xa formado e unido ao cranio, e é un procedemento moito máis complexo e doloroso para o animal, polo que a recomendación é realizar sempre que sexa posible o desmochado temperán dos animais.

Existen distintas formas de realizar o desmochado: con pistola, por cauterización ou con pasta. Esta práctica provoca cambios na conduta do animal que son indicadores de dor, estes son máis evidentes nas 4 horas posteriores ao desmochado. As condutas que mostran que o animal está a sufrir dor son erguerse, deitarse, rañarse, sacudir a cabeza, todo o proceso provoca unha diminución da inxesta e da rumia, o que se traduce nunha menor ganancia media diaria de peso.

A lexislación esixe dar os pasos necesarios para evitar o sufrimento e a dor dos animais, polo que neste procedemento é necesario o uso dalgún anestésico (persoal autorizado) así como de proporcionar analxesia durante o maior tempo posible. A industria xa está a esixir este tipo de procedementos.

Outra das prácticas comúns é o corte de rabo, que provoca unha dor moi aguda nos animais e que raramente se alivia (formación dun neuroma). Isto ocasiona que os animais estean máis inquietos e nerviosos, polo que se reduce o tempo de descanso, a inxestión de alimento, e por tanto a produción láctea.

Este tipo de práctica está prohibida xa que non existe ningún tipo de relación entre o corte de cola e a limpeza do ubre ou as mamites, polo que este procedemento non está xustificado para a mellora sanitaria ou produtiva dos animais, á vez que hai que resaltar que está prohibido en Europa e que leva sancións importantes.

4. Ausencia de enfermidades

A saúde é un dereito básico dos animais e a mellor maneira de garantir a rendibilidade das explotacións, Posto que non podemos evitar o contacto entre os animais e os patóxenos que existen no ambiente, a nosa misión é protexelos canto antes cunhas correctas pautas de vacinación e un bo manexo, para que o equilibrio entre patóxenos e saúde se alcance da mellor maneira posible.

Pero, ¿como chegamos a ese equilibrio? A través de plans vacinais eficaces e un bo manexo.

A. Costro
Empezaremos por un dos puntos principais, o manexo do costro, posto que como sabemos, os tenreiros nacen sen protección inmune, e é a través do costro da nai desde onde adquiren os anticorpos protectivos que necesitan para facer fronte aos patóxenos ata que sexan capaces de facelo a través do seu propio sistema inmune.

Os puntos principais que debe cumprir o manexo do costro son:

Rapidez: É de gran importancia a prontitude á hora de dar o costro e é debido a que o becerro durante as primeiras horas de vida ten unhas canles abertas para a absorción dos anticorpos (IgGs) que son de gran tamaño, a medida que pasa o tempo estas canles péchanse diminuíndo a capacidade de absorción. Así mesmo, se o muxido do costro atrásase prodúcese unha reabsorción das defensas por parte da nai. Por tanto, a maior rapidez de muxido e administración, maior calidade de costro e mellor absorción dos anticorpos protectivos.

Limpeza: Se o costro está contaminado redúcese a capacidade de absorción dos anticorpos, e ademais é un caldo de cultivo ideal para os patóxenos.

Se restrinximos a cantidade de costro, e o animal sofre un proceso diarreico, a inmunidade transferida da nai é menor

Cantidade e calidade: débese asegurar que o animal recibe diariamente unha cantidade mínima de costro correspondente ao 15% do seu peso vivo, e que é un costro de calidade. Actualmente hai no mercado ferramentas para valoralo in situ. Isto é especialmente importante, xa que o tenreiro nace sen ningún tipo de defensas, polo que durante os primeiros días de vida, esta inmunidade pasiva vaino protexer fronte aos desafíos externos.

Se restrinximos a cantidade de costro, e o animal sofre un proceso diarreico, a inmunidade transferida da nai é menor e ademais gástase con máis rapidez.

Chegado un punto, ao consumir a inmunidade pasiva existe un risco real de padecer enfermidades, e que o animal enferme ou non, dependerá da idade e da maduración do sistema inmune. Este período denomínase “xanela de oportunidade” e débese atrasar o suficiente para que o animal poida superar os desafíos dos patóxenos en por si.

Unha das causas que aumentan a duración da xanela de oportunidade é a diarrea, e unha das causas máis frecuentes de diarrea é o Cryptosporidium Parvum. Para previr as diarreas causadas por cryptosporidios, é fundamental a separación dos becerros por idades, e tamén a hixiene das instalacións, xa que é un parásito moi persistente no medioambiente e a infección é oral-fecal. Así mesmo, é moi importante que unha vez diagnosticado o problema na explotación instáurese o uso preventivo de produtos a base de halofuginona, para evitar o ciclo no intestino do tenreiro e o seu posterior diseminación ao medio.

A xanela de oportunidade sitúase habitualmente nos días posteriores ao destete, xa que é un período de estrés no cal baixan as defensas do animal, pero se se realiza un mal encostrado ou padece outro tipo de enfermidades durante o período lactante a xanela establécese moito máis pronto e é de maior duración, dando lugar frecuentemente a infeccións que desembocan na aparición de sintomatoloxía respiratoria como tose, secreción nasal, etc.

Para evitar isto, é importante un bo encostrado como se explicou anteriormente e a prevención de tipo respiratorio antes do período de risco.¿

Por que e como podo previr a aparición de problemas respiratorios? As enfermidades respiratorias supoñen un gasto económico moi importante, con perdas directas pola morbilidade dos animais e nalgúns casos a mortalidade dos máis afectados. Pero tamén levan implícitas perdas indirectas naqueles animais que ven afectados pero non morren, estes manifestan unha menor ganancia media diaria de peso, atraso na idade de primeira inseminación e atraso na idade de primeiro parto.

Os problemas respiratorios englóbanse nunha síndrome multifactorial coñecido como síndrome respiratoria bovino (SRB), no que están implicados tanto virus como bacterias, a máis frecuente é a Mannheimia haemolytica (pasterela), e que pode previrse a través da aplicación de vacinas. Recoméndase aplicar a vacina aos animais a partir dos 15 días de vida, e que conteña virus sincitial, virus da parainfluenza 3, e protección fronte a Mannheimia serotipo A1 e A6, que son os máis frecuentes.

5. Ausencia de medo e posibilidade de expresar a súa conduta

A principal conduta que se modifica nesta etapa é a conduta de amamantamiento, un becerro de forma natural succiona durante 8-10 minutos desde que ten contacto co leite, e repite isto ao longo dunhas 10-12 veces ao día.

Na actualidade debido ao tipo de produción e de manexo, os tenreiros deben inxerir unha gran cantidade de leite en 3-4 minutos dúas veces ao día. Se non existe unha tetina coa que succionar, buscan un estímulo alternativo dando lugar a unha conduta anormal. Este tipo de conduta non depende da saciedade do tenreiro senón que depende do método de administración do leite.

Non existe ningún tipo de diferenza entre un método ou outro a nivel de ganancia media diaria, de consumo de peso ou de crecemento, pero si a hai nos niveis de hormonas que producen benestar, especialmente no caso da alimentación mediante tetina.

Tocar ás tenreiras diariamente axuda a que se atopen máis tranquilas e reduzan a distancia de fuxida

As interaccións durante os primeiros días de vida deben ser positivas, que se afagan a nós, e tocarlles diariamente axuda a que se atopen máis tranquilos e reduzan a distancia de fuxida. É probable que despois de realizar un proceso doloroso ou despois do destete esta distancia de fuxida aumente, pero sempre debemos tratar aos animais con amabilidade, con proximidade .

O destete é un punto crítico inevitable que debemos minimizar na medida do posible, e que combina factores de tensión ambiental, xa que se cambian de instalacións, tensión nutricional porque se elimina o leite e cámbiase a alimentación, e por último tensión social, posto que pasa de estar nun habitáculo sen compañía a estar a compartir espazo con outros animais entre os que xorden competencias e establécense xerarquías.

Para minimizar este tránsito, pódese facer un destete máis gradual, diminuíndo a cantidade de leite fornecido desde as 6-8 semanas gradualmente durante 14 días. Outra opción é facer un destete máis tardío diminuíndo o leite aos poucos até alcanzar un consumo de penso de 2 kg.

E por último o destete personalizado, que é o que realizan as amamantadoras, que sería o ideal, aínda que cun manexo manual é máis difícil, empezando o destete gradual ás 10 semanas de idade cun consumo inicial de 200 g até un consumo final de 1.5 kg de penso.

Para concluír, recalcar a importancia de minimizar a exposición aos patóxenos mediante HIXIENE, maximizar a resistencia dos tenreiros administrando costro de calidade e en cantidades suficientes e prevención mediante biolóxicos.

O benestar da nosa recría non é un concepto abstracto se non que debe ser unha maneira de traballar no noso día a día, que ademais nos achega rendibilidade porque maximiza a súa vida produtiva.

O benestar dos nosos animais é tamén o noso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información