10 deberes para asegurar o futuro do sector lácteo galego

Expertos relacionados co sector lácteo reuníronse este venres na Fundación Juana de Vega convocados pola asociación Terra e Leite para realizar propostas de futuro. Velaquí as principais conclusións

10 deberes para asegurar o futuro do sector lácteo galego

A reunión de Terra e Leite contou con reprentantes dos gandeiros, da industria e da investigación.

O sector lácteo galego representa un 2% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, similar ao sector pesqueiro ou ao conxunto da cadea da madeira, e é o alicerce da economía en numerosos concellos, principalmente nas provincias da Coruña e Lugo.

Conscientes da importancia estratéxica deste sector para Galicia, a asociación Terra e Leite reuniu este venres na Fundación Juana de Vega a un grupo de expertos para acordar unhas “Propostas para o sector lácteo galego do futuro”. A representación nesta xornada de traballo era moi ampla, desde responsables da industria láctea (Nestlé, Feiraco, Larsa ou Goodleit), a gandeiros e representantes do sindicato Unións Agrarias ou do ámbito da investigación (Universidade de Santiago de Compostela, Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Ligal…), así como do Ministerio de Agricultura.

A alta especialización de Galicia no sector lácteo -produce o 38% do total español- convértea nunha excepción en España, e aproxímaa máis a outros países europeos como Holanda ou Irlanda. E é que mentres que no resto de España gandeiros e industrias están orientados principalmente a abastecer o mercado interno da súa rexión, especialmente tras a desaparición das cotas, a comunidade galega, claramente excedentaria, debe ter unha vocación tamén exportadora aos mercados internacionais.

Neste sentido, as propostas dos expertos que participaron na xornada de Terra e Leite para que o sector lácteo sexa competitivo nos próximos anos pódense resumir nas seguintes:

1) Ampliar a base territorial: imprescindible para as axudas da PAC e para resistir as oscilacións do prezo do penso e do leite.

A pesar de ser o principal motor do agro galego, as algo máis de 8.000 gandarías de vacún de leite soamente utilizan unhas 250.000 hectáreas, o que representa nin sequera o 9% do territorio galego, unha base territorial claramente insuficiente para ser competitivas no futuro que se aveciña.

Neste sentido, todos os expertos coincidiron en que é imprescindible aumentar a base territorial das explotacións lácteas galegas. E isto por dous motivos: porque as futuras axudas da PAC a partir de 2020 van estar cada vez máis ligadas a prácticas ambientais e a unha redución da carga gandeira -algo que cada vez demanda máis o contribuínte europeo-, penalizando por tanto ás gandarías máis intensivas. E tamén porque canto máis alimentos propios produza unha explotación, e menos dependente sexa das forraxes e os pensos comprados, máis rendible será a medio-longo prazo.

A este respecto, o papel da Xunta de Galicia é clave para lograr que as gandarías de vacún teñan máis superficie, ordenando os usos das terras, exercendo un papel realmente activo para pór as terras abandonadas a disposición de quen as necesitan e sancionando a quen as forestan ilegalmente. Considérase, por tanto, urxente un pacto polo territorio en Galicia.

2) Prevese que os prezos do leite e dos concentrados seguirán estables na próxima década.

As perspectivas da Comisión Europea dos prezos do leite para o período 2016-2026 son de entre 32 e 34 céntimos o litro, pero suxeitos a unha gran variabilidade segundo a evolución do mercado internacional.

En canto ao prezo do concentrado as previsións son que se manteña estable en entre os 260 e os 280 euros a tonelada.

As previsións da Bolsa de Chicago, onde se negocian os prezos do leite a futuros, son tamén de estabilidade: 329 euros a tonelada para setembro de 2019, fronte aos 339 euros actuais.

leche_chicago previsons_leite_sineiro3) É necesario fomentar a instalación de industrias lácteas en Galicia porque o 44% do leite galego sae da comunidade sen transformar

Galicia produce o 38% do leite de España pero soamente representa o 16% das vendas do sector lácteo español e o 10% do emprego. A razón: a gran maioría dos 2,6 millóns de toneladas de leite que se producen en Galicia son destinadas a envasar como leite líquido, un produto de baixo valor engadido e cuxo consumo está en retroceso, sen visos de que se volva recuperar.

Pero ademais, en 2016 o 44% do leite galego enviouse directamente en cisternas para transformar noutras Comunidades, unha porcentaxe en aumento e maior do que se cría. Neste sentido, considérase imprescindible que a Xunta traballe pola instalación en Galicia de industrias lácteas de capital propio ou foráneo. “Hai que industrializar en Galicia ese millón de toneladas que sae para fose en cisternas, e a poder ser con industrias que aposten pola exportación”, subliñou un dos relatores.

A quen lle vai mellor é ás industrias lácteas que traballan varios derivados lácteos e que se dirixen aos mercados internacionais

Ante esta situación destacouse a necesidade de seguir apostando por estratexias de revalorización do leite líquido, de potenciar os queixos con DO e de pór en marcha proxectos industriais para exportar leite en po, queixos e outros derivados lácteos, xa que fóra da UE é onde está o maior potencial de crecemento do mercado.

A este respecto, destacouse que as industrias lácteas que máis creceron nos últimos anos son aquelas que traballan cunha ampla gama de derivados lácteos, non só leite en brick, e que son capaces de exportalos a outros países.

Galicia debe apostar pola exportación de derivados lácteos e por produtos de máis valor engadido

O consumo interno de leite líquido en España está estancado e só se prevé que medre en queixos e en iogures.

En canto ao mercado internacional, na próxima década o consumo de produtos lácteos seguirá aumentando, pero menos, e concentrarase especialmente en África, India e Asia. As previsións tamén apuntan a que se estancará o consumo de leite líquido e aumentará o de queixos, sobremesas lácteas e manteiga.

Ademais, o consumo de produtos lácteos de valor engadido ligados á produción ecolóxica ou á diferenciación (por exemplo, vacas alimentadas en base a pastos) prevese que seguirá aumentando nos próximos anos.

Neste sentido, os expertos reunidos por Terra e Leite defenderon que sen renunciar a seguir aumentando a presenza no mercado español, tanto a través de derivados lácteos como de leite líquido, Galicia debe orientarse tamén a competir nos mercados exteriores con estratexias ben planificadas e apostando por unha estratexia multiproducto.

4) As explotacións gandeiras débense dotar dun colchón para a época de vacas fracas.

A medio prazo é imprescindible que as gandarías de vacún de leite creen unha reserva de diñeiro das épocas de prezos bos do leite para facer fronte ás épocas de crises e poder acometer investimentos (estudando nestas últimas se son realmente necesarios e a súa viabilidade).

Tamén ese colchón débelles servir para substituir a man de obra familiar por traballadores asalariados, e para ter condicións económicas e de calidade de vida atractivas que faciliten a substitución xeracional.

5) É necesario aprender a convivir con fortes oscilacións nos prezos do leite e das materias primas.

Nun mercado desregulado é previsible que as crises de prezos do leite de 2014 e 2015 se volva producir debido a desaxustes entre produción e consumo. Así, factores como un descenso da demanda de China, que compra 1/3 das exportacións de produtos lácteos do mundo, ou un aumento da oferta de leite en Australia ou Nova Zelandia, debido a unha boa tempada de pastos poden volver facer baixar notablemente os prezos do leite.

6) Industrias lácteas e gandeiros deben pórse de acordo de cara a onde queren ir en Galicia

Os relatores coincidiron en que, ademais da estratexia particular de cada industria, o propio sector (industrias e gandeiros) debería pórse de acordo sobre a estratexia que debe ter Galicia para competir no mercado global. É unha iniciativa que debe partir do propio sector e na que a Xunta debe asumir un papel de liderado. “Industrias lácteas e gandeiros deben pórse de acordo de cara a onde queren ir, e a administración debe facilitar e apoiar eses obxectivos do sector”, destacou Josefa Lueso Sordo, subdirectora xeral de Produtos Gandeiros do Ministerio de Agricultura.

Puxéronse os exemplos de Irlanda (volcada na manteiga e o leite de pastoreo), Reino Unido (cunha estratexia centrada na revalorización do leite pasteurizado), Italia (fomento dos seus queixos con Denominación de Orixe) ou Francia (centrada nunha estratexia de produtos lácteos de valor engadido).

7)Relevo xeracional nas explotacións lácteas.

Son numerosas as gandarías que, a pesar de ser rendibles e de ter moito capital investido, pechan por falta de relevo xeracional, moitas veces porque os propios gandeiros educan aos seus fillos para que non sigan no negocio.

Neste sentido, deberase traballar a nivel social para prestixiar o traballo de gandeiro e de agricultor. Tamén se deben cometer importantes melloras na formación, cunha orientación máis práctica e ligada a estancias en gandaría. É dicir, formar máis para ser xerentes de explotacións, e non tanto para traballar de comerciais ou asesores. E por último innovar para que aquelas persoas alleas ao sector, pero con formación e motivación, podan tomar o relevo nas explotacións que non teñen continuidade na propia familia.

Para iso é imprescindible crear condicións atraentes (tanto económicas como de días libres) para que haxa relevo xeracional, así como manter e dotar de servizos públicos ao medio rural.

8) Os índices cada vez estarán máis presentes nas gandarías.

Non soamente os índices de reprodución e de produción de leite, senón sobre todo aqueles que cada vez demanda máis o consumidor para adquirir o produto e o contribuínte para apoiar que se destinen axudas aos gandeiros.

Algúns destes índices que se implantarán nos próximos anos son de autosuficiencia alimentaria, de uso de antibióticos, de eficiencia na utilización de auga ou de pegada de carbono e que cada vez estarán máis presentes na información do brik de leite ou do queixo.

9) Os asesores gandeiros independentes cobrarán cada vez máis importancia.

Nas últimas décadas en España o asesoramento público -e por tanto, independente- dos antigos axentes de extensión agraria foi substituído polo asesoramento comercial. Neste sentido, os participantes na xornada de Terra e Leite coincidiron na importancia que terán os asesores independentes, que acorden e comportan co gandeiro ou grupo de gandeiros que os contraten, un plan estratéxico integral para as súas explotacións.

10) O gandeiro débese implicar máis aló do tanque

Os gandeiros deben implicarse nos proxectos industriais de transformación do leite, xa que iso permitiralles obter mellores retribucións en épocas de bos prezos e resistir mellor os períodos de crises.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información