A Xunta dá por controlada a praga da couza guatemalteca na provincia da Coruña

Publicidade
A Xunta dá por controlada a praga da couza guatemalteca na provincia da Coruña

Couza guatemalteca da pataca

A Consellería do Medio Rural dá por controlada a praga da couza guatemalteca da pataca na provincia da Coruña e continúa reducindo a súa presenza na de Lugo. Así o destacou este luns a conselleira Ánxeles Vázquez na reunión do Consello Agrario Galego, na que tamén se avaliou a evolución desta praga que afecta a 31 concellos do norte de Galicia.

A conselleira do Medio Rural avanzou que hai “moi boas novas”, xa que segundo os últimos estudos, a praga pode darse por controlada na provincia da Coruña e continúa reducindo a súa presenza na de Lugo.

Ánxeles Vázquez sinalou que nos 13 concellos coruñeses demarcados hai instaladas máis de 450 trampas, un 258% máis que no 2016, pero nos últimos meses só se capturaron 66 exemplares, o que significa unha diminución do 89% en relación ao pasado ano. “Un avance importantísimo”, declarou a conselleira.

En Lugo capturáronse un 86% menos de insectos da couza guatemalteca ca en 2016

No caso de Lugo, que conta con preto de 500 trampas de campo en 18 municipios, localizáronse 2.268 insectos, o que supuxo unha redución do 83% respecto a 2016. A conselleira atribuíu estes resultados ao “rigoroso” traballo feito dende Galicia e manifestou a intención de reforzar a colaboración con Asturias para evitar a afección por contaxio da comunidade limítrofe.

Ata o de agora lévanse recollidas 124 toneladas de patacas nos concellos infestados. A Xunta inviste ata un millón de euros no control desta praga, no que se inclúe a recollida e destrución dos tubérculos e as axudas que recibirán os agricultores afectados.

“E seguiremos traballando nesta liña –sinalou a conselleira– porque as pragas son difíciles de erradicar e proba diso é que Canarias leva padecendo esta dende o ano 1999”. Neste sentido, Ángeles Vázquez sinalou que no resto de Galicia, onde tamén hai instalados polilleiros e trampas, non se detectou a presenza de ningún insecto.

A titular de Medio Rural quixo agradecer a colaboración de todos os implicados nestes proceso: traballadores da administración, a empresa responsable da recollida, a Fegamp e, especialmente, aos particulares. “Quero destacar a grandísima colaboración dos agricultores, ben profesionais ou de autoconsumo, porque grazas á súa solidariedade conseguimos un dos obxectivos, evitar a expansión da praga ás principais zonas produtoras de Galicia ”, declarou Ángeles Vázquez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información