A Xunta avisa que empezará a sancionar as plantacións ilegais de pataca nos concellos afectados pola couza

Medio Rural recibiu xa 829 solicitudes de compensación das que 443 xa foron revisadas e comezarán a aboarse nos próximos días. Medio Rural avisa de que a partir de agora haberá sancións para as plantacións ilegais que non se declararon.

Publicidade
A Xunta avisa que empezará a sancionar as plantacións ilegais de pataca nos concellos afectados pola couza

Leira de patacas.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, anunciou esta mañá no Parlamento Galego que a Consellería do Medio Rural iniciará en xullo o pago de indemnizacións aos afectados pola couza da pataca, que afecta a 31 concellos do norte das provincias da Coruña e de Lugo.

En concreto, sinalou que na Coruña xa se recibiron 112 solicitudes de indemnización e 717 en Lugo. En total 829, das que 443 xa foron revisadas e comezarán a aboarse nos próximos días.

Unha vez rematado o proceso de recollida e repasados todos os concellos para asegurar que os afectados puideran entregar os seus tubérculos, Do Campo sinalou que se comezará co proceso indemnizatorio, en función do tipo e dos quilos de pataca entregada, tal e como establece a lei. Así, as patacas de semente pagaranse a 0,70 euros o quilo, a de consumo (pataca vella) a 0,30 euros e a arrincada das zonas infestadas a 0,40 euros o metro cadrado de superficie plantada.

O prazo para solicitar as indemnizacións remata o 30 de setembro

O prazo para solicitar as indemnizacións remata o 30 de setembro e a orde de axudas está dotada con 250.000 euros que se incrementaría no caso de que fose necesario para que todos os afectados queden cubertos.

A directora xeral indicou durante a súa intervención que foron declaradas máis de 8.000 parcelas (3.946 na provincia da Coruña e 4.066 en Lugo) de 6.520 propietarios (3.326 na Coruña e 3.194 en Lugo), ademais de 15 almacéns. É dicir, pouco máis do 13% dos potenciais beneficiarios das axudas as solicitaron ata o de agora.

En total, nestes case dous meses a consellería recolleu a destruíu preto de 300 toneladas de pataca dos particulares aos que habería que sumar preto de 50 toneladas máis procedente de almacéns.

A Consellería avisa de que haberá sancións para as plantacións ilegais de patacas

Do Campo tamén declarou que, unha vez rematado este proceso, será o momento de dar comezo ás inspeccións por parte dos técnicos de Medio Rural para asegurar que ningún agricultor se saltou a lei, poñendo en perigo as medidas de erradicación que, segundo a Consellería, “están resultando efectivas”. No caso de detectar plantacións ilegais estes expóñense ás sancións superiores aos 3.000 euros dado que se trata dunha infracción grave. “No podería ser doutro xeito, pois sería inxusto para aquelas persoas que si cumpriron coa súa responsabilidade e levantaron as súas plantacións demostrando a súa solidariedade co resto de Galicia”, afirmou a directora.

Neste sentido, dende a Consellería do Medio Rural apélase a que os agricultores que aínda non o fixeron notifiquen xa as súas plantacións e, así mesmo, agradécese o traballo de todos aqueles que xa entregaron as patacas co fin de que este insecto non se estenda a zonas produtoras e comercializadoras, principalmente A Limia e Bergantiños.

Así mesmo, co obxectivo de continuar co control e completar erradicación da praga, continúase cos controis por estradas por parte da Policía Autonómica e a Garda Civil, así como a instalación de trampas en toda Galicia. “Actualmente temos colocadas 1.010 trampas para estes insectos no territorio, que se revisan cunha periodicidade quincenal nas zonas infestadas e tampón e mensual no resto de Galicia”, sinalou Belén do Campo, lembrado a importante baixada na captura de exemplares, especialmente na provincia da Coruña.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información