A Xunta aprobará neste semestre axudas para o sector da horta e porá en marcha un selo de calidade

Publicidade
A Xunta aprobará neste semestre axudas para o sector da horta e porá en marcha un selo de calidade

Reunión de Belén do Campo con produtores de horta da Laracha

A Consellería do Medio Rural anuncia que aprobará antes de que remate este semestre unha nova orde de axudas destinada en exclusiva aos sectores da horta e da planta ornamental. Esta iniciativa ten por obxectivo apoiar este sector produtivo para que non parta en desvantaxe fronte a outros máis dimensionados, coma o lácteo, nas ordes de subvencións que comparten, como son os plans de mellora.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, trasladou este compromiso nunha xuntanza mantida recentemente con produtores da zona da Laracha, celebrada neste concello coruñés, e á que tamén asistiu o alcalde da localidade, José Manuel López Varela.

Belén do Campo animou a estes agricultores a agruparse nunha organización de produtores, co fin de fomentar a adaptación da produción e o rendemento ás esixencias do mercado, realizar a comercialización conxunta de produtos, incluída a preparación para a venda ou o establecemento de normas comúns relativas á información sobre a produción, con especial referencia ás colleitas e a dispoñibilidade. Engadiu que entre os obxectivos deste tipo de entidades está tamén o desenvolvemento de competencias empresariais e comerciais, así como os de organizar e facilitar os procesos innovadores.

Selo de calidade para a horta de Galicia

Na xuntanza avanzouse tamén nos traballos de creación dun selo de calidade común para os produtos da horta de Galicia, unha iniciativa que apoia a Xunta, vinculada aos produtores, para darlles a eles un papel protagonista na súa xestión. Ademais, a directora xeral amosoulles a estes agricultores da Laracha a intención da Consellería do Medio Rural de impulsar esa marca no ámbito autonómico, por considerala máis axeitada que diferentes selos de carácter comarcal ou local, que terían unha incidencia menor entre os consumidores.

O obxectivo deste selo sería o de amparar as producións hortícolas da comunidade e facilitar a súa promoción e comercialización nos diferentes mercados, así como garantir, diante dos consumidores, a súa orixe galega e a súa calidade contrastada, de xeito que se fomente a actividade deste sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información