No marco da 40º edición da Feira Internacional de Galicia ABANCA, a compañía galega de distribución alimentaria, Vegalsa-Eroski, da man do seu director, Joaquín González, e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), representada polo seu presidente, José Montes, renovaron, por sexto ano consecutivo, o convenio para a comercialización de produtos agrarios de calidade, con trazabilidade, na rede comercial da compañía conformada por 258 establecementos entre Galicia, Asturias e Castela e León.
Horta de calidade
O volume de produción durante o pasado exercicio foi de 1.523.224 quilos a través da comercialización de 27 produtos típicos da nosa terra e de gran calidade. A previsión para o presente exercicio pasa por incrementar en máis do 12% os volumes comercializados co grupo de distribución.
Grazas ao convenio de Vegalsa-Eroski e AGACA, en 2016 produciuse un aumento de produción con respecto á campaña anterior do 3% en volume de produción e de 7,5% en euros de venta. Os alimentos máis demandados foron: leitugas, pementos, tomates, feixóns, cabazas e porros. Entre os obxectivos do acordo de colaboración atópase implantar novas referencias, mantendo e potenciando as recollidas no convenio anterior e identificar aqueles produtos nos que as cooperativas teñen especial interese para iniciar o desenvolvemento de novas referencias definidas por Vegalsa-Eroski.
Aposta polos provedores galegos
A sexta renovación deste convenio xorde da posta en conxunto entre o grupo de distribución e AGACA pola innovación e o desenvolvemento empresarial de base cooperativa situando o asociacionismo agrario galego en xeral, e hortofrutícola en particular, no escenario do I+D+i como forma de facer fronte ao reto da competitividade.
Un compromiso que Vegalsa-Eroski estende ao medio rural e á economía agraria como fortes impulsores do desenvolvemento económico e social de Galicia, así como a firme aposta na súa estratexia comercial co desenvolvemento de los produtos galegos de calidade diferenciada.
A través da sinatura de diversos convenios de colaboración con diferentes Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas e de participar en numerosas accións en favor do desenvolvemento do medio rural, a compañía logrou que os produtos galegos signifiquen o 31% das súas compras, facendo un investimento de 270 millóns de euros en 2016, 10 millóns máis que en 2015, o que supón un aumento do 3,8%, adquirindo así unha presenza moi destacada nas súas tendas.
Produtos de proximidade e valores sociais
Os produtos de horta procedentes das cooperativas galegas son produtos de proximidade. Chegan rapidamente da terra ao mercado, reducindo custos de transporte, tempo e emisións de gases contaminantes. Non necesitan recollerse con antelación excesiva ao seu punto de maduración precisamente por ese achegamento, o que garante a súa frescura.
O feito de ser comercializados a través das cooperativas tradúcese na eliminación de intermediarios; os beneficios obtidos das vendas reverten directamente na cooperativa e nas súas persoas socias. Ademais, é unha evidencia de éxito dun modelo empresarial que se basea na xestión democrática.
En definitiva, o consumo destes produtos de horta reflicten a aposta pola frescura, a calidade e a responsabilidade social ao apoiarse nos valores que defende o cooperativismo e a economía social.