Tratamentos fitosanitarios das árbores froiteiras durante esta época

Reproducimos a continuación o último aviso fitosanitario da Estación Fitopalóxica do Areeiro sobre os tratamentos fitosanitarios das árbores froiteiras durante estas semanas.

Publicidade
Tratamentos fitosanitarios das árbores froiteiras durante esta época

Foto: Estación do Areeiro

Como sabemos, este inicio de 2016 está a ser especialmente chuvioso, despois dun final de 2015 climatolóxicamente particular (ver datos resumen en táboa). Segundo as diferentes previsións meteorolóxicas esta semana parece que se vai rexistrar unha lixeira melloría do tempo, no sentido de que apenas se rexistrarán precipitacións. Por este motivo, poderase aproveitar para realizar algunhas actuacións.

Froiteiras de pebida en xeral:

Antes da apertura das xemas e do consecuente nacemento da nova vexetación, é conveniente aplicar un funxicida cúprico para evitar que os órganos contaminantes de diferentes patóxenos invadan os órganos tenros. Este labor é especialmente importante este ano debido a que as condicións ambientais non permitiron, en xeral, aplicar os tratamentos invernais convenientes, e a que este inicio de 2016 está a ser especialmente chuvioso.

Ademais, a aplicación debe realizarse de modo que o produto acceda a toda a planta. E, en caso de non realizar aínda a poda, convén pospoñer a aplicación para despois desta outro labor.

A pesar do recomendado, lembren que os produtos a base de cobre son fitotóxicos, é dicir, poden causar danos ás plantas, se se aplican con temperaturas inferiores a 8-10 ºC

Froiteiras de óso en xeral:

En boa parte das zonas, as xemas destas froiteiros xa están inchadas e, mesmo nas máis adiantadas algunhas destas especies xa mostran flores abertas (e o mesmo as especies ornamentais relacionadas). Nesta fase é moi importante intervir cun funxicida cúprico para previr a aparición temperá de enfermidades como a lepra ou a monilia.

Lembren ademais que os funxicidas a base de cobre son fitotóxicos para estes vexetais despois da floración, durante a vexetación.

Pereira e ameixeira: Hoplocampa spp
Antes da floración destas especies recoméndase a instalación de trampas adhesivas brancas para que os adultos queden atrapados nelas. Estes insectos poñen os seus ovos no cáliz das flores e as súas larvas desenvólvense nos froitos recentemente callados, causando a súa caída. Se nos últimos anos as árbores sufriron ataque será conveniente, ademais, aplicar un tratamento insecticida ao comezo da floración en ameixeira e tras a caída dos pétalos en pereira.

Cítricos: Phytophthora spp
As precipitacións deste principio de ano xeran condicións favorables a estes fungos. Así, é frecuente ver froitos (sobre todo limóns) tanto nas árbores como no chan, afectados por unha podredume branda marrón (Phytophthora hibernalis) ou ben plantas con defoliacións que se inician pola parte máis afastada das raíces (indicativo de enfermidade de raíz como Phytophthora cinnamomi).

Para o seu control, lembren que se deben retirar os froitos afectados (os que se atopan na árbore e tamén os caídos), ademais de evitar acumulacións de auga na zona radicular. Ademais, débense aplicar os funxicidas recomendados para este uso, fosetil-Ao ou metalaxil-M, que son sistémicos, polo que non se lavan coas choivas se transcorre un mínimo dunha hora entre a aplicación e as precipitacións.

Kiwi: Bacteriose
Lembren que a agromada é un dos momentos en que se debe aplicar un tratamento cos funxicidas cúpricos recomendados (oxicloruro de cobre 38%, 52% e 70% ou sulfato tribásico de cobre 19%) para reducir o inóculo destas enfermidades, especialmente da coñecida como PSA ou cancro bacteriano do kiwi.

Lembren que, ademais, é necesario adoptar outro tipo de medidas como son a eliminación total dos restos de poda, a adecuada roza da cuberta vexetal, a hixiene a nivel de calquera maquinaria, roupa ou utensilios necesarios nas plantacións (evita a dispersión da bacteria), o abonado equilibrado (especialmente de nitróxeno en forma amoniacal), etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información