Tratamento e prevención para a pulguiña da pataca e a couza guatemalteca

Artigo sobre os “Principais organismos nocivos de corentena en Galicia”, de Antón Vázquez Caamaño. Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural, delegación de Pontevedra.

Publicidade
Tratamento e prevención para a pulguiña da pataca e a couza guatemalteca

Danos provocados pola pulguiña da pataca

As pragas, tal e como veñen definidas na Lei 43/2002 de sanidade vexetal, son organismos nocivos de calquera especie, raza ou biotipo vexetal ou animal ou axentes patóxenos dañinos para os vexetais ou produtos vexetais. Constitúen dende o principio da agricultura un factor limitante da produción vexetal. Malia a utilización de técnicas modernas de control das pragas, en particular a utilización intensiva de produtos fitosanitarios, moi xeneralizada en todo o mundo, estímase que se producen perdas por esta causa nas colleitas de entre o 20-40 % (FAO, 2015).

En cada zona xeográfica hai para os diferentes cultivos unhas serie de pragas máis ou menos dañinas, algunhas de carácter autóctono, e outras que foron introducidas fai tempo e que están totalmente establecidas. Nos derradeiros anos, debido á globalización, produciuse un incremento extraordinario do comercio mundial e intercontinental. Os intercambios de vexetais como froitas e sementes, e tamén produtos vexetais como as madeiras, son moi elevados entre países e continentes, xeralmente con condicións climáticas e ecolóxicas moi diferentes. Esto está a provocar a introdución de novos organismos nocivos para os vexetais que ao sumarse á xa longa lista de pragas comúns, supón un problema para a produción, non só dende un punto de vista económico, senón tamén ecolóxico (moitos destes organismos introducidos son invasores e poden causar graves desequilibrios ecolóxicos).

Ademais, o notorio cambio climático ven agudizar o problema destas novas pragas, que conseguen establecerse e expandirse con facilidade.

Evitar a introdución de novos organismos nocivos é unha preocupación en todos os países, existindo organizacións consultivas supranacionais (EPPO, COSAVE, NAPPO, APPPC, etc) que realizan os análises de risco fitosanitario e establecen as listas de organismos nocivos de corentena (ONC), que logo poden ser regulados normativamente polas organizacións políticas como a Unión Europea, no noso caso.

A tal efecto, a Directiva 2000/29/UE relativa ás medidas de protección contra a introducción na Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, e contra a súa propagación no interior da Comunidade, que foi trasposta ao ordeamento xurídico nacional mediante o Real Decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, constitúe o marco normativo comunitario sobre esta cuestión, e nos seus Anexos veñen recollidos os ONC e as medidas oficiais de erradicación ou contención aplicables.

En ocasións aparecen certos organismos que non figuran nos referidos Anexos, e neste caso publícanse as denominadas medidas de emerxencia xeralmente en forma de Decisión da Comisión, que son normas de aplicación directa nos territorios comunitarios afectados.

A importante actividade portuaria e viveirista explica a entrada de pragas exóticas en Galicia

En definitiva, son de corentena aqueles organismos nocivos que figuran en listas comunitarias ou nacionais, e para os que se establecen medidas obrigatorias de erradicación ou control. Na actualidade son moitos os ONC regulados en Europa, a maioría son introducidos recentemente se ben hai algúns que poden estar establecidos en zonas concretas. Resulta que en Galicia téñense detectado varios deles, que están a motivar importantes intervencións públicas para lograr a súa erradicación ou control.

A pregunta de por que Galicia, que é un territorio periférico, ten tantas corentenas detectadas, pode responderse indicando que temos condición fronteiriza na Unión Europea, con moito tráfico marítimo de entrada en varios portos importantes, e tamén á proximidade de Portugal que á súa vez rexistra igualmente un grande tráfico portuario internacional. De tal xeito que case todas os ONC detectados en Galicia se atoparon á vez en Portugal.

Outro factor é a importante actividade viveirística que hai en moitas zonas do país, con elevado comercio vexetal tanto de importación como de exportación.

Principais Organismos Nocivos de Corentena en Galicia: Medidas oficiais

Como dixemos, son varios os ONC detectados no noso país, para os que se están a aplicar medidas oficiais de erradicación ou de contención. Imos ver só algúns dos máis significativos.

Epitrix spp. (pulguiña da pataca)

Descripción e danos: É un coleóptero de orixinario de NorteamÉrica. Dentro do xénero hai varias especies case idénticas, sendo Epitrix similaris 1 a detectada en Galicia en 2009, e recentemente tamen en Andalucía occidental. Entrou dende Portugal, onde se introduciu en 2004.

Pulguiña da pataca

Pulguiña da pataca

É unha pulguiña de 1,5-2 mm, cor negro que se alimenta das ramas da pataca e tamén doutras solanáceas cultivadas ou silvestres, provocando unhas mordeduras pequenas, pero que en caso de ataque intenso poden causar perda de masa foliar. As larvas son brancas, e atópanse nos tubérculos onde producen mordeduras sinuosas superficiais ou pouco profundas de aspecto característico e fácil de detectar; en casos de ataque forte, pode ocasionar perdas por depreciación de tubérculos. Aquí xa había outras pulguiñas que causan danos foliares, pero non danan o tubérculo como a Chaetocnema sp.

Normativa:

Está regulada pola Decisión 2012/270/UE modificada en 2014, que regula as medidas oficiais nas Zonas Demarcadas (zonas afectadas e zonas tampón colindantes nas que se aplican as medidas oficiais de erradicación ou contención).

En Galicia publicáronse as ZD mediante a Resolución de 15/1/2014 modificada pola Resolución de 11/2/ 2016. Se ben fundamentalmente se atopa na zona litoral de Pontevedra e A Coruña (ambas provincias foron declaradas íntegramente ZD), atopáronse tamén focos nalgunhas localidades de Ourense (Piñor de Cea, Arrabaldo, Cenlle) e de Lugo (en parcelas de Mondoñedo, Valadouro, Barreiros e Viveiro), sendo as Zonas Demarcadas as parcelas afectadas e unha zona tampón de 500 m arredor. Hai tamén focos en Asturias e Andalucía.

Medidas oficiais:

A pataca producida nas de Zonas Demarcadas únicamente se poderá comercializar fóra desa zona se procede de campos rexistrados debendo estar cepillada e lavada, con menos do 0,1% de terra, e acompañada de Pasaporte Fitosanitario.

Nas parcelas afectadas deberán aplicarse tratamentos insecticidas apropiados de tipo foliar (acetamiprid, piretroides varios, clorpirifos, e outros) , e en caso de ataques intensos tamén no solo por atoparse alí as larvas e pupas, neste caso con formulados granulados (carbaril, metiocarb e outros).

Aconséllase ademais a retirada e queima da rama, así como das malas herbas hospedantes, e tamén das patacas descartadas. Os apeiros de traballo deberán ser totalmente limpos de terra antes de pasar a outras fincas.

1 Recentemente cuestionóuse a especie e hai especialistas que clasificaron o insecto que causa danos en Portugal como Epitrix papa sp. n., se ben non está totalmente aclarada a cuestión.

Tecia solanivora (polilla guatemalteca da pataca)

Descripción:

COUZA_GUATEMALTECA_PATACA_STANDAR

Danos provocados pola couza guatemalteca

É un lepidóptero tipo polilla que afecta exclusivamente á pataca. Orixinaria de Guatemala, está extendida por América do Sur. Introdúxose en Canarias en 1999, e en 2015 detectouse en Galicia, localizándose os primeiros focos en Ferrol, Naron e Neda, e en 2016 apareceron outros focos en Cervo, Foz, Xove,Valadouro e Viveiro. Estes son os únicos focos coñecidos no territorio da Unión Europea.

En toda Europa hai outra polilla que causa danos parecidos, que é a denominada polilla común da pataca (Phthorimaea operculella), a cal é xeralmente menos dañina.

As larvas son entre blanco e rosado que crece no interior do tubérculo; fai a pupación no solo ou no almacén ou saco, e en poucos dús ou tres semáns sae o adulto pechando o ciclo, que dura de 60 a 90 días, mais curto a maior temperatura, podendo ter 3-5 xeneracións/ano, algunha pode producirse no almacén.

Danos:

As larvas excavan galerías sinuosas e profundas nos tubérculos, producindo a depreciación total do mesmo, e favorecendo a súa pudrición. Causan danos tanto en campo como tamén no almacén.

Normativa:

Directiva 2000/29/UE; Resolución 16/10/2015 da Consellería do Medio Rural que declara a praga e se adoptan medidas urxentes para a súa erradicación e control oficial, modificada pola Resolución de 11/2/2016, que amplía as Zonas Demarcadas.

Medidas oficiais:

-Nas Zonas Demarcadas prohíbese a comercialización e saída de tubérculos producidos nesas zonas.

-Deberá utilizarse únicamente semente certificada libre de praga.

-Colocación de trampas de feromonas de captura de adultos.

-Tratamentos fitosanitarios nas parcelas afectadas, ó solo antes da plantación con insecticidas en formulados granulados (oxamilo, teflutrin, clorpirifos) , e á planta durante o ciclo de cultivo con insecticidas de aplicación foliar (clorantraniliprol, clorpirifos, teflutrín e outros).

-Recollida e destrución de todos os tubérculos danados e dos restos de colleita.

Ademais recoméndanse outras medidas:

-Sementar os tubérculos a máis de 15 cm de fondura, e logo aporcar por ambos lados a unha altura de 25-30 cm.

-Antes de sementar recoller os tubérculos de campañas anteriores.

-Non é conveniente plantar en parcelas afectadas durante varios anos.

-Tamén medidas en almacén como tratamento fitosanitario ós tubérculos almacenados, colocación de rede ou malla antiinsectos nos accesos e ocos, limpeza das instalacións; e colocacións de trampas sexuais para captura de adultos (en caso de capturas, non se poderán comercializar as patacas dese almacén).

A principios de 2016 a Consellería realizou unha retirada de pataca das Zonas Demarcadas para a súa destrución. E no transcurso de 2016 vai realizarse unha intensa campaña de prospección de todo o territorio, así como de control nas zonas afectadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información