Trasdeza Natur: horta ecolóxica en fresco e en seco

Esta explotación agrícola de Silleda acaba de recibir o premio de innovación tecnolóxica do Agader polo seu proxecto de horta sostible. A iniciativa incorpora tecnoloxías respectuosas co medio, como unha máquina de deshidratado natural que funciona con enerxía solar

Trasdeza Natur: horta ecolóxica en fresco e en seco

María José Tallón e Rosendo Estévez, xunto á deshidratadora solar.

Hai pouco máis dun ano que Trasdeza Natur botou a andar cun obxectivo claro: ser o máis sostible posible para ofrecer produtos directos da horta sen ningún tipo de tratamento químico. Ó mesmo tempo, a explotación procuraba respectar o medio e reducir os custes de produción para ser unha alternativa rentable e respectuosa. Esta horta ecolóxica situada en Cardigonde, na parroquia silledense de Cortegada, é, ademais, unha aposta clara pola transformación e a vangarda tecnolóxica, xa que tamén ofrece froitas e hortalizas deshidratadas, procesadas nunha máquina pioneira en Galicia e que funciona con enerxía solar. “Ó mesmo tempo que montabamos a horta, xa pensábamos nun proxecto de transformación, non queríamos quedarnos só coa horta”, explica María José Tallón, impulsora de Trasdeza Natur. Esta aposta pola sostibilidade e a tecnoloxía acaba de valerlle o premio de Innovación Tecnolóxica da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Trasdeza Natur busca ser sostible e autosuficiente. Ademais, procura alternativas para ofrecer produtos da horta non só en fresco

Dende sempre houbo horta para autoconsumo na casa de María José pero foi ó quedar sen traballo, nun dos últimos reaxustes de persoal da Semana Verde no 2014, cando comezou a pasar máis tempo na horta. Decidiu entón empezar a formarse para profesionalizar a súa horta de autoconsumo e convertela nunha oportunidade laboral. Varios cursos de agricultura ecolóxica, cooperativismo ou elaboración de conservas déronlle a esta economista de formación unha nova base sobre a que asentar o seu proxecto de horta sostible. “Non me vía con gran extensión de terreo, senón que enfocábao máis a transformar o produto, podendo desestacionalizalo para vendelo o resto do ano”, apunta Tallón.

Deshidratadora solar

Foi esa filosofía a que animou a María José e ó seu marido, Rosendo Estévez, que bota unha man polas tardes na horta, a buscar alternativas para ofrecer os seus produtos fóra de tempada. Pensaron entón en deshidratar as froitas e verduras para darlle saída ós excedentes. Buscaban unha deshidratadora que fose acorde co proxecto sostible que impulsaban, por iso procuraban unha máquina solar.

Un convenio coa USC permítelles contar cunha deshidratadora solar, namentres aportan datos do prototipo á Universidade

“Investigamos sobre este tipo de máquinas, pero aquí en Europa non había nada, en cambio en Sudamérica xa as están empregando. Estabamos a punto de mercar unha cando soubemos que na Universidade de Santiago tiñan un prototipo solar”, explican. Trátase dun aparato autónomo, cunha estrutura transparente case na súa totalidade e que dispón dunha placa solar que fai funcionar un ventilador en base á temperatura que se rexistre no interior. “Eles precisaban comprobar que se lle adaptaba a Galicia e nós podiamos ofrecerlles esa parte práctica”, detalla Tallón.

A finais do ano pasado selaban un convenio de colaboración coa Universidade e esta é a primeira colleita que deshidratan. Os técnicos da USC visitan as instalacións periodicamente para comprobar o funcionamento do prototipo e eles apórtanlles tamén datos e mostras de froitas e hortalizas deshidratadas. Comezaron a principios da tempada deshidratando fresas e xa están probando tamén con tomates, pementos, cabazas e leituga.

Tomates deshidratados.

Tomates deshidratados.

Aperitivos e obleas naturais de hortalizas

As froitas e hortalizas entran na deshidratorada logo de ser lavadas e laminadas no taller anexo á horta. “Son naturais e conservan non só todos os nutrientes senón todo o sabor, aínda máis concentrado”, explica María José. Comercialízanas unha vez desecadas directamente como aperitivos naturais. Porén tamén están a facer probas para elaborar unhas obleas de hortalizas que se poidan empregar coma un envoltorio comestible ou alternativas pensadas para celíacos, a modo, por exemplo, de canelóns. Xa elaboraron estas obleas con fresas, cabazas e leitugas e continúan coas probas. Tanto particulares como a restauración están a ser clientes destas primeiras mostras.

Produtos Quilómetro Cero

Nos 6.000 metros cadrados de horta – non toda en produción actualmente- María José e Rosendo contan cunha ampla variedade de produtos. Froitas, verduras e hortalizas ofrecen unha alternativa variada ós seus clientes, boa parte deles da zona, o que fai que os seus produtos sexan ademais produtos de proximidade, con apenas emisións na distribución. “Comezamos con catro ou cinco e agora xa temos uns 17 clientes fixos”, explica Rosendo.

Nunha zona rural e onde as hortas tradicionais son parte da paisaxe, estes agricultores non contaban que boa parte dos seus clientes foran precisamente os seus veciños. “Pensabamos que tiñamos que atopar unha alternativa de conservación dos produtos porque en fresco non íamos conseguir vender tanto porque todo o mundo ten horta”, recoñece Estévez. Porén, quedaron sorprendidos da boa aceptación que teñen as súas hortalizas e froitas. “A xente sabe como traballamos e veñen ata a horta e escollen a súas propias hortalizas en base ó que precisen”, comenta María José. “Moitos fan o encargo e cando volvemos a Silleda levámosllo”, explica Rosendo, que acaba precisamente de recibir unha encarga de fresas.

Trasdeza Natur Fresas

Rosendo e María José recolleitan fresas na súa horta.

“Moitos mércanos porque saben que non empregamos ningún tipo de praguicida nin herbicida, en cambio hai quen di que son verduras da casa pero logo emprégaos para controlar pragas”, apunta Tallón. Na súa horta optan só por remedios naturais para combater a incidencia de fungos, como aplicacións a base de leite, cola de cabalo ou estrugas, como explica Estévez, cunha ampla formación neste eido. “Nin sequera empregamos sulfato de cobre, que está permitido na agricultura ecolóxica, por non alterar a composición da terra”, puntualiza a agricultora.

Rotación e asociación de cultivos

Unha das maneiras coas que tentan reducir a presenza de pragas e a conseguinte perda de produción é a asociación de cultivos. Teñen a horta dividida en bancais que lles permiten alternar colleitas. Tamén optan pola rotación de cultivos para non empobrecer o terreo. “A sacha e o angazo son os nosos aliados”, apunta Tallón, un pouco desanimada porque este ano as condicións meteorolóxicas propiciaron que as herbas abonden pese ás horas invertidas sacando nelas.

Os seus esforzos por aplicar prácticas sostibles lévanos a que optasen tamén por recoller de xeito manual o escaravello da pataca para evitar danos nos 1.000 metros cadrados da súa plantación. Tamén están a probar a deixar algúns do bancais sen cubrir con malla antiherba ou cubríndoos con restos de herba triga, empregada por unha queixería próxima, para procurar así distintas alternativas ós herbicidas.

Trasdeza Natur Sementeira

María José pronto recollerá a sementes das leitugas.

Recuperación de sementes

Trasdeza Natur é tamén un proxecto que busca poñer en valor os produtos da zona, por iso están afanados en recuperar variedades autóctonas. Polo do momento xa contan con tomate negro de Santiago ou tomate apimentado, entre outras. Por iso, tamén poñen especial coidado en contar coa súa propia sementeira. Dispoñen ademais dun invernadoiro no que fan as plantacións das súas sementes. Traballan xa para dotalo de placas solares para poder calefactalo ante invernos tan longos e duros como o pasado, e garantir as sementes.

De ultramarinos a taller de marmeladas

A casa natal de María José, situada ó pé do antigo camiño dos arrieiros, é agora outro dos puntos claves deste proxecto de horta ecolóxica. O espazo, que noutrora ocupou o ultramarinos e a fonda que xestionou a súa familia ó longo dos anos, é agora o taller onde se envasan as froitas e verduras deshidratadas e tamén se elaboran marmeladas ou xeleas. Tallón experimenta xa con combinacións como a marmelada de grosella con flor de sabugueiro, grosella negra con viño Mencía, xelea de fresa con pétalos de rosa ou de uva espiña.

O acondicionamento do taller e os permisos precisos para poder procesar estas marmeladas e xeleas foi un dos trámites máis laboriosos da posta a punto de Trasdeza Natur, como explican os seus promotores. Calculan que a inversión no proxecto ascende xa a preto dos 40.000 euros. Por iso, os recoñecementos como o de Agader permítenlle “seguir avanzando e comprobar que o proxecto gusta, á par de que é un xeito de que a xente o vaia coñecendo”, apuntan.

Lagoa depuradora e composteiros

Lagoa depuradora de Trasdeza Natur

Lagoa para a depuración das augas do taller de envasado.

O proxecto sostible de Trasdeza Natur inclúe tamén unha lagoa na que se depura a auga empregada no taller a base de sistemas de filtrado, decantación e depuración exercida por determinadas plantas. Inspirada na depuradora que opera en Cervo, esta lagoa conta cunha capacidade de algo máis de 6.000 litros e permite que reutilicen a auga para o rego da finca.
Por outra banda, os restos das froitas e verduras que procesan no taller rematan nuns composteiros nos que elaboran compost e deste xeito retornan á horta. Xunto con este abono, tamén empregan o abono dunha explotación de burros próxima que lles permite obter un fertilizante de calidade.

Venta na páxina web

Un dos seguintes pasos que proxectan dar en Trasdeza Natur é a venta directa a través da súa páxina web, tanto de conservas, marmeladas como dos produtos frescos. Calculan tela operativa para finais deste ano. Tamén contemplan aumentar a superficie de horta e de froiteiras, e xa dispoñen de varias parcelas similares nas proximidades.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información