A sementeira de cereal en Galicia cae á metade debido ás choivas

Publicidade
A sementeira de cereal en Galicia cae á metade debido ás choivas

Campo de cereal anegado na Limia

A sementeira de cereal de inverno na Limia, a principal comarca produtora de Galicia, foi desastrosa debido ás intensas choivas do mes de novembro, que fixeron imposible que a maquinaria puidese acceder ás leiras; e nas que se sementou, gran parte está alagado.

“A día de hoxe practicamente non se plantou cereal porque non parou case de chover, cando a superficie sementada xa debería roldar as 8.000 hectáreas, tanto de trigo, cebada, como de centeo”, asegura Servando Álvarez, responsable do Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo.

Desta forma, e tras unha campaña como a deste ano na que se alcanzou unha produción “normal” de 60 millóns de quilos, parece que en 2020 volverase repetir a escasísima colleita de 2018, motivada tamén polos asolagamentos das parcelas.

“O cereal de inverno, como o trigo, produce o dobre que o que se sementa en primavera: entre 5 e 6 toneladas por hectárea fronte a 2,5 toneladas, polo que para o próximo ano prevese un forte descenso da produción de cereais, e unha perda dun ingreso moi importante para moitos agricultores da Limia”, recoñece Servando Álvarez.

Por último, o responsable do Centro Agrogandeiro da Limia augura que “quizais o 2020 vai ser o ano das variedades de trigo autóctonos galegos, como o callobre ou o caaveiro, sementándoas en xaneiro, febreiro e marzo, para colleitar no verán cun prezo superior a outras variedades comerciais”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información