Ribadeo celebra durante o verán unha nova edición do Mercado dos Domingos

O entorno da Praza de Abastos da localidade reúne até mediados de outubro a produtores locais que ofrecen as súas colleitas, acabadas de apañar, directamente aos consumidores nunha cita que cumpre xa 18 anos

Publicidade
O Mercado dos Domingos de Ribadeo ten lugar no entorno da Praza de Abastos

O Mercado dos Domingos de Ribadeo ten lugar no entorno da Praza de Abastos

Os domingos sempre foi día de mercar en Ribadeo, coa maioría de tendas e negocios abertos. Pero os domingos do verán pódese mercar ademais san e próximo. É tempo dos Mercados dos Domingos que se poñen en marcha nesta localidade mariñá desde finais de xuño até mediados de outubro como un xeito de garantir un comercio xusto entre produtores e consumidores finais prescindindo de intermediarios.

O pasado 23 de xuño, coa mesma chegada da estación do verán e da maior abundancia das producións de horta, arrincou unha nova edición dos Mercados dos Domingos, que se celebrarán na contorna da Praza de Abastos ribadense até mediados do vindeiro mes de outubro, concretamente até o domingo 13. A cita está organizada polo Concello en colaboración coa asociación A Sucadoira de produtores e produtoras locais de horta.

Ten lugar no exterior da Praza de Abastos todas as mañás dos domingos de 9:00 a 14:00 horas e conta con 13 postos cunha oferta ben diversificada: todos procedentes da zona, no que reinan os produtos da horta procedentes de Ribadeo, como os que levan Marta e Montse, de As Fadegas, e no que tamén podemos atopar coitelería, pan, ostras, queixo, embutidos, zumes, doces ou cervexas artesás.

Ana Díaz, a presidenta de A Sucadoira, subliña que todo o que se atopa no Mercado dos Domingos é “produto de proximidade, todo colleitado pola mesma persoa que vai tamén vendelo, todo fresco e recollido da noite ou de pola mañá. É un produto que non vai á cámara, todo natural. Os produtores de pan, de carne e todo o demais teñen que producilo tamén eles mesmos para poder vir vender”, explica.

Produto fresco quilómetro cero

Ana Díaz referiuse ao éxito que ten o Mercado dos Domingos entre os numerosos turistas que no verán visitan Ribadeo e remarcou que “nas grandes cidades non hai posibilidade de comprar unha leituga que se corte pola mañá a primeira hora ou pola noite a última hora, é totalmente diferente o sabor”.

Ao habitual mercado semanal dos mércores en Ribadeo engádese durante os meses do verán o Mercado dos Domingos, que cumpre xa 18 anos e onde o produto de proximidade é o protagonista, poñendo en valor esa economía máis próxima, potenciando o consumo de tempada e os produtos de calidade e quilómetro cero, un modelo en auxe en numerosas vilas e cidades de Europa polas garantías que aporta ao consumidor.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, salienta pola súa banda que se trata dun mercado “de produtores e produtoras locais, sen intermediarios, achegando así os produtos ás persoas consumidoras, do produtor á mesa, poñendo en valor a economía máis próxima, potenciando o consumo de tempada e saudable, coidando do medio e con garantías de calidade e frescura”.

O rexedor lembrou que o Concello ribadense leva anos apostando por dinamizar a Praza de Abastos e o comercio local e animou a todos os veciños e veciñas “a consumir produtos deste mercado, xa que inxectaremos beneficios na nosa economía local, comeremos mellor e axudaremos aos pequenos agricultores e produtores da zona”.

Actividades complementarias

Durante os meses que dura o Mercado dos Domingos o propio mercado virá acompañado dunha intensa axenda coa celebración da Festa do Produto Local, a Festa do Pemento e coa xa coñecida Festa da Horta, entre outros eventos. O espazo conta cun curruncho dos nenos con xogos para eles e varias veces na tempada o entorno da Praza de Abastos acolle actuacións musicais ou obradoiros vencellados á agricultura que dinamizan o propio Mercado.

O Mercado dos Domingos cumpre este ano a maioría de idade, ao igual que a asociación de produtores e produtoras de horta local A Sucadoira, un colectivo xurdido á par que a recuperación do Mercado. Coa recuperación deste mercado Ribadeo continúa unha tradición comercial de máis de medio século, a de mercar en domingo. Desde o ano 1962 os comercios da vila abren ese día para facilitar as compras tanto á poboación local como aos clientes do resto da comarca. No verán súmanse tamén os numerosos turistas que visitan a localidade e que multiplican a poboación habitual.

Tanto os produtos á venda coma o lugar, cun entorno coidado, priman a calidade, polo que o Mercado dos Domingos preséntase coma un mercado gourmet de produtos galegos. A Praza de Abastos, principal referente da comercialización de produto fresco en Ribadeo, conta cunha situación privilexiada no corazón da vila. Foi construída en 1935 nuns terreos doados por Ramón González e preséntase como un edificio de estilo funcionalista, cunha estrutura de ferro á vista e unha interesante composición de fachadas, é dicir un edificio interesante en si mesmo e un espazo ideal onde vender produtos de calidade.

cartel Mercado-dos-Domingos 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información