Recoméndase empezar a tratar contra o escaravello da pataca

Publicidade
Recoméndase empezar a tratar contra o escaravello da pataca

Escarabello da pataca

Dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro Dependente da Deputación de Pontevedra, informan que nas plantas de pataca que xa teñen certo desenvolvemento estanse a observar os primeiros adultos e postas de escaravello, polo que se aconsella iniciar os tratamentos insecticidas para evitar que se estenda a praga, se non o fixo aínda e as patacas xa teñen unha boa masa verde.

En canto ás maceiras, obsérvanse de xeito máis ou menos puntual colonias de pulgón verde que, nalgúns casos, xa empezan a producir enrolados de follas. Non se detectaron novos signos de moteado, nin de oídio nin da couza da mazá, se ben é necesario manter a vixilancia.

No caso das pereiras, os Janus compressus xa desenvolveron os seus ataques e algunhas árbores están amosando xa os gromos afectados completamente secos. Normalmente este é un insecto que non require tratamento a menos que as plantas sexan moi novas ou en viveiro. Se se desexa pódense cortar eses gromos secos.

Tamén é salientable que está a facer a súa aparición o díptero Drosophila suzukii, que é unha praga que está presente en Galicia desde 2013 e que pode afectar a froitos non só de cerdeira senón tamén a outras especies de óso como kiwi, figueira, caqui, viña, amorodo, ou pequenos froitos. As súas femias poñen varios ovos na froita e as larvas que nacen deles devoran a polpa, co que o froito se deprecia para o consumo ou cae prematuramente. É conveniente, segundo a EFA, a instalación de trampas, que neste caso pódense construír dun xeito caseiro facendo uns catro buratos pequenos nunha botella plástica que conterá no fondo vinagre de sidra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información