Recomendan retirar das árbores a froita podre para evitar a propagación da Monilia

Publicidade
Recomendan retirar das árbores a froita podre para evitar a propagación da Monilia

Froita afectada por Monilia, que se debe retirar da árbore ou do chau. Foto: Estación do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu último aviso fitosanitario retirar as mazás, peras e cítricos podres do chan e das árbores, para evitar o contaxio por Monilia, unha enfermidade fúnxica clásica nas froiteiras cuxo efecto principal é a produción de podremias.

“Lémbrase que se debe retirar a froita con podremias e a que puido caer ao chan estes días, pois coa humidade xerada polas escasas choivas que se rexistraron desde o venres ou sábado segundo a zona pódese instalar con facilidade Monilia ou outros fungos oportunistas que fagan podrecer os froitos que quedan nas árbores ademais de incrementar o risco de ataque destes patóxenos para a próxima campaña”, subliñan dende Areeiro.

Medidas de control

A infección das flores sucede na primavera estendéndose a continuación ás polas, onde se difunde tanto en canto os mecanismos de defensa da árbore llo permitan.

O parasito penetra nos froitos a través dalgunha ferida e causa uns danos progresivos fáciles de detectar polos seus típicos síntomas. Aparecen unhas manchas brandas de cor marrón sobre as que se dispoñen masas de cor branca sucia que corresponden ás frutificacións do fungo. As mazás podrecen, engúrranse, «momifícanse», e de aí deriva o nome da enfermidade, e poden permanecer así na árbore durante o inverno.

Como medida preventiva recoméndase a poda das ramas parasitadas e a recollida e destrución dos froitos afectados, xa que serán a fonte de contaxio e dispersión de xermes na seguinte primavera.

O control químico baséase na protección dos acios de flor, que son os primeiros órganos atacados, e así evitar a infección de flores, a formación de chancros e as reinfeccións por emisión de conidias. A infección das flores pódese controlar por medio dun tratamento con funxicidas, á caída dos primeiros pétalos. A loita química para control do moteado adoita ser suficiente para controlar, á súa vez, a monilia.

En variedades sensibles pódese realizar, no verán, un tratamento para protexer os froitos; e a mesma medida débese aplicar en caso de saraibada.

Marcar as cepas con síntomas de enfermidades da madeira

En canto ao viñedo, unha vez máis dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro recordan que é moi conveniente marcar as plantas que mostran síntomas de alteracións de madeira para podalas de xeito separado.

“Esta recomendación non implica que non se estendan estas enfermidades polas viñas, pero si pode axudar a que a dispersión sexa menor”, aseguran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información