Recomendan iniciar a poda da viña e das froiteiras de óso

Publicidade
Publicidade
Recomendan iniciar a poda da viña e das froiteiras de óso

Poda de viñedo na Rúa.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar un aviso fitosanitario no que anuncia o inicio da tempada da poda para as viñas e as froiteiras de óso.

Segundo subliñan os técnicos, despois das chuvias provocadas pola última cicloxénese e polas borrascas da semana pasada poden iniciarse certas labores -culturais e tratamentos fitosanitarios- que favorecen a sanidade das árbores para o ano próximo. En concreto, en tempo seco e coas plantas tamén secas, é recomendable realizar as podas, se ben estas non teñen por que iniciarse xa tan cedo, senón que poden ser máis tardías, chegando mesmo ata o mes de febreiro sobre todo para as plantas que amosen cancros ou calquera outra alteración da madeira.

“Agora, que aínda hai algo de folla nalgunhas froiteiras de pebida e óso, e polo tanto é máis sinxelo identificalas, pódese aproveitar para marcar e eliminar antes do comezo do movemento da sabia, ou mesmo cortar xa, as ramas secas”, explica a especialista Rosa Pérez. Pola súa banda, na viña pódense empezar a podar, se non se non se fixo xa, aquelas plantas que non tivesen amosado síntomas de enfermidades da madeira.

Recomendacións para os cortes

Os consellos máis importantes para as podas son facer cortes limpos, sen rachos e, a ser posible, sempre por debaixo da madeira degradada; protexer os cortes de maiores dimensións con substancias cicatrizantes que leven funxicida e aplicar un tratamento cúprico xeneralizado; desinfectar as tesoiras de poda; eliminar todos os restos queimándoos ou sacándoos das fincas, así como as plantas mortas, incluíndo o sistema radicular.

No kiwi, aínda que se pode máis adiante, é conveniente realizar agora unha aplicación cun composto de cobre para protexer das bacterioses as microferidas causadas pola caída das follas. Esta aplicación debe ser renovada cando menos unha vez máis no inverno (mellor despois dun episodio de chuvias e nunca en tempo frío) e, moi especialmente, ao realizar as podas.

Cítricos

Diferentes niveis de dano de Phytoctora hibernalis en limóns

Diferentes niveis de dano de Phytoctora hibernalis en limóns

O consello dos técnicos para os cítricos é eliminar os sucos de auga feitos arredor das árbores para reducir o risco de que se vexan afectadas por Phytophothora, e ter as árbores co solo ben drenado. Para o seu control, o funxicida autorizado no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio é o fosetil-Al 80%. Hai que lembrar que a Phytophthora cinnamomi, como fungo de raíz que é, non ten unha sintomatoloxía específica, pero pode sospeitarse da súa presenza se o cítrico presenta follas pequenas e amareladas e/ou perda de follas. Tamén as precipitacións poden favorecer a presenza de Phytophthora hibernalis ou outras especies aéreas do mesmo xénero, polo que, para limitar as posibilidades de que se estenda no caso de que apareza froita con este dano, hai que elimnar esa froita, incluso a caída no solo.

En canto á ‘Psila africana’ (Trioza erytreae) e ás moscas brancas, o tempo estable que practicamente hai este ano favorece o crecemento de gromos de cítricos que aparecen menos colonizados polas formas xuvenís destes patóxenos. Nesta época non son de esperar danos importantes, sobre todo se se retiran estes gromos e se eliminan as colonias.

Palmeiras

Este ano púidose observar nos diferentes concellos da provincia de Pontevedra un incremento do número de palmeiras afectadas por Rhynchophorus ferrugineus, coñecido como picudo vermello, cuxos síntomas foron especialmente notorios despois do verán. As plantas moi afectadas deben ser eliminadas para evitar a propagación do insecto. Se hai posibilidades de recuperación das plantas por ter menos danos, comeza o momento idóneo para retirar as ramas secas e eliminar as palmas afectadas, non só co obxectivo de reducir a presenza da praga senón tamén pola seguridade de persoas e bens.

Para os tratamentos, e dado o elevado número de consultas recibidas nestes días, poderanse utilizar os produtos fitosanitarios autorizados para este uso no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio, indicados especificamente na web da EFA. Tamén se está a aplicar o fungo Beauveria basiana e nematodos entomopatóxenos da especie Steinernema carpocapsae.

Piñeiro

Procesionaria do piñeiro.

Procesionaria do piñeiro.

Esta semana continuáronse observando a formación de bolsóns (niños) de procesionaria do piñeiro, máis danos debidos á alimentación das eirugas, e tamén novas procesións no solo. Para previr problemas poden instalarse barreiras arredor das árbores e tamén aplicar tratamentos aos bolsóns en formación (asegurando que o produto poda entrar neles) ou, se existe a posibilidade, eliminar, con todo o coidado posible, as ramas onde estean localizados os niños, destruíndoos despois.

Por outra banda, este ano volta a ser relativamente frecuente a aparición, nalgunhas vivendas e outras edificacións (sobre todo do rural), do Leptoglossus occidentalis, propio das piñas dos piñeiros (baleira os piñóns, aínda que en Pontevedra non parece causar danos). O feito de que aparezan nas construcións humanas débese unicamente á súa procura de refuxio para o pasar o inverno, pero non afecta ás persoas nin produce danos a outras plantas.

Camelia

Este ano, polas condicións climáticas, adiantouse a floración das camelias (mesmo algunhas especies xa teñen flor caída), e nos casos en que o fungo do murchamento da flor (Ciborinia camelliae) estea presente deben recollerse as flores do solo polo menos unha vez por semana co fin de reducir o inóculo. Tamén é conveniente procurar que haxa boa ventilación na zona baixa das plantas podando as ramas baixas e eliminando as malas herbas.

Tamén debido á máis temperá floración das camelias é de esperar que se produza antes a brotación, en especial se persisten as condicións de clima suave. Naquelas plantas que todos os anos teñan os síntomas característicos dos ácaros do botón floral haberá que estar moi pendente deste momento, pois é o idóneo para intervir con produtos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información