Recomendacións para a poda das froiteiras

Publicidade
Recomendacións para a poda das froiteiras

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) vén de publicar un aviso fitosanitario de cara á entrada do inverno este venres día 21 no que dá consellos aos agricultores de como facer as podas e tamén advirte de que é preciso iniciar os tratamentos con funxicidas de cobre nos cítricos, froiteiras de pebida e carabuña, así como no kiwi.

Segundo sinala a técnica Rosa Pérez Otero, dado que este outono está a especialmente chuvioso están empezando a aparecer algúns síntomas de patoloxías nos cítricos (Phytophthora hibernalis e Phytophthora cinnamomi).

Aplicar un tratamento a base de cobre

Por este motivo, é necesario evitar no posible acumulacións de auga na zonas das raíces, sobre todo se no verán rebaixaron o nivel do solo facendo un espazo cóncavo para reter a auga de rega. Tamén se aconsella retirar periodicamente das árbores os froitos que amosen podremias, que estean excesivamente brandos e os que caian ao terreo; e aplicar funxicidas de cobre ás plantas cando as condicións de choivas o permitan, renovándoos en varias ocasión para que coas choivas non perdan a súa efectividade.

Estes tratamentos cúpricos tamén deben aplicarse a outras froiteiras, de pebida, de carabuña ou ao kiwi a doses altas (pero sempre dentro do rango recomendado na etiqueta) e tamén deben ser renovados algunha vez máis ao longo do inverno sempre que as temperaturas non sexan excesivamente baixas e non exista tampouco previsión de xeadas para os días sucesivos.

Recomendacións para a poda

No caso das podas, aínda que a estas alturas do ano xa hai agricultores que as empezaron, aínda queda marxe de tempo suficiente para practicalas, polo que é preciso lembrar unha serie de recomendacións que convén considerar:

-As podas deben facerse sempre en tempo seco e mellor sen vento, por exemplo en días de xeada. Os cortes son vías de entrada para diferentes fungos patóxenos (entre eles algúns dos responsables das enfermidades da madeira), e a sensibilidade destes cortes é maior nas primeiras horas.

-Os cortes deben ser sempre limpos, sen rachos, e o máis verticais posible (nunca horizontais).

-As tesoiras de poda deberían desinfectarse cando menos entre plantas. De non ser posible, hai que facelo todas as veces que sexa posible e sempre despois de facer un corte nunha rama enferma, cuxa sección non terá o ton normal nin a consistencia da madeira.

-Sempre que sexa posible hai que sanear as plantas eliminando os brazos ou ramas afectados por cancros ou alteracións da madeira ata alcanzar unha zona limpa e sa. Algunhas plantas enfermas poden renovarse ou recuperarse a partir dun gromo chupón (ladrón) que saia do propio tronco por debaixo da madeira afectada. Tamén existe a opción de limpar ou baleirar as ramas afectadas (ou mesmo o tronco), eliminando a madeira podrecida e mantendo soamente a parte externa da madeira (“cambium”).

-Se a enfermidade afectase ao conxunto da planta e non hai posibilidade de recuperación, convén retirala e destruíla: sempre é mellor perder unha planta e a súa produción que ter unha fonte de contaminación na parcela.

-Hai que retirar, queimar ou destruír por outros medios os restos da poda -sobre todo aqueles de maior diámetro-, pois moitos fungos patóxenos poden sobrevivir na madeira morta das plantas e nos restos de poda abandonados.

-As plantas enfermas deben ser as últimas en ser podadas.

-Especialmente sobre os cortes maiores hai que aplicar unha pasta con funxicida sobre a superficie do corte, chegando ata os mesmos bordes, que soen quedar sen protexer.

É preciso lembrar que moitos fungos patóxenos (tamén do solo) son oportunistas e polo tanto é moi importante que as plantas estean o máis fortes posible para que poidan facer fronte a unha posible infección. Por iso non hai que esquecer que as condicións do solo deben ser as adecuadas, desde a estrutura física ata a dispoñibilidade de nutrientes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información