Recomendacións para o coidado das maceiras nestas datas

Publicidade
Recomendacións para o coidado das maceiras nestas datas

A Consellería de Medio Rural ven de emitir este luns no seu boletín agromeorolóxico unhas recomendacións para o coidado das maceiras nos vindeiros días:

1) Estado fenolóxico:

Maceira de mesa (Bergondo-A Coruña): E – H

Maceira de sidra:
– Aranga – A Coruña: D – F
– Ortigueira – A Coruña: B – C3
– A Estrada – Pontevedra: D – F
– Chantada – Lugo: D – F

2) Incidencias fitopatolóxicas máis destacadas: Pragas

– Pulgón cincento (Disaphys plantaginea): Estamos no período crítico para o ataque deste pulgón. As fundatrices aparecen despois do desborre e os primeiros danos danse nas follas do propio corimbo.

O desenvolvemento deste pulgón é explosivo a partir da floración. O período crítico vai desde o callado do froito ata que ten o tamaño dunha avelá (25 mm). Evitaremos todas as medidas culturais que favorezan un crecemento vexetativo excesivo: abonados, podas, regas, etc.

So é prexudicial en maceira. Cara finais de xuño aparecen as femias aladas, que migran á Correola (Plantago sp.) onde desenrola varias xeracións, volvendo a finais de outono a poñer os ovos na maceira. Existe unha correlación positiva entre maceiras con floración de cedo e o ataque deste pulgón, fronte ás de floración tardía, que sofren en menor medida este ataque.

-Pulgón verde (Aphis pomi): Sen incidencias.

-Pulgón laníxero (Eriosoma lanigerum): Comezan a verse as primeiras colonias algodonosas que se alimentan chuchando o zume da codia leñosa ou herbácea de gromos e pólas. Estamos comenzando o período crítico para a maceira, que vai de maio a agosto.

É importante lembrar a relevancia do seu parasitoide específico, o Aphellinus mali. Este auxiliar, importado dos EEUU en 1920, ten de 6 a 8 xeracións anuais, e cada femia pon uns 60 ovos. A temperatura limiar de desenrolo de A. mali é de 8,5 ºC, mentres que a de E. lanigerum é duns 4 ºC. Debido a isto, o control de A. mali é mellor a finais de verán que na primavera.

Ademais, o potencial reprodutivo do pulgón é moito menor polas altas temperaturas. As maceiras enxertadas nos patróns clonais MM (Malling Merton) son resistentes a esta praga, así como os patróns GENEVE.

-Verme da mazá (Cydia pomonella): Cydia pomonella é un lepidóptero cuxo verme fai galerías no interior do froito de maceiras e pereiras. Tamén ataca ás nogueiras, marmeleiros e albaricoqueiros.

Lembrar que para que se produca o primeiro voo anual dos primeiros adultos debemos acadar 400 grados/día, segundo a fórmula bioclimática. Dende o 1 de xaneiro até o día 25 de abril, acadáronse 382,3 grados/día.

Na mesma data nos anos anteriores, os graos/día eran:

– 2017 – Acadados os 400 grados/día.
– 2016 – Acadados os 400 grados/día.
– 2015 – Acadados os 400 grados/día.

Obsérvase, por tanto, un atraso considerable respecto dos últimos anos que, curiosamente, se corresponde tamén cun atraso fenolóxico nas maceiras. Esta diferencia significativa é debida á baixa temperatura media que se acadou nos meses de xaneiro, febreiro e marzo. Debemos destacar a importancia do clima no desenvolvemento das pragas.

Outras condicións para a aplicación dos tratamentos é a existencia de dúas capturas de adultos/trampa x semana, comenzando a contar grados/día cando a temperatura crepuscular (temperatura do ocaso + 2 horas) sexa maior a 15’5 ºC durante dous días seguidos.

-Broca (Zeuzera pyrina): Sen incidencias.

-”Orugueta del almendro” (Aglaope infausta): Sen incidencias. Estamos chegando á época crítica do ataque deste lepidóptero defoliador. É unha praga máis frecuente no centro e sur da península que en Galicia. Ten preferencia polas especies silvestres e cultivadas dos xéneros Prunus sp. e Crataegus sp., pero tamén pode atacar a maceiras e pereiras. Esta praga detectouse por primeira vez en Galicia no ano 2008.

-Corta-gromos (Corta brotes – Rhynchites caeruleus): É un coleóptero de 3-4 mm que corta a parte terminal dos gromos novos, onde deposita un ovo. Despois, secciona o gromo por debaixo da picadura, quedando o ovo na parte cortada. Estamos a ter unha incidencia considerable nesta época. Non é unha praga moi perigosa. Soamente pode ser relevante en plantacións novas ou en viveiros.

-Gurgullo da flor (Anthonomus pomorum): Debemos de estar atentos a posibles incidencias desta praga. É un coleóptero cuxos danos presentan una densidade baixa pero, de xeito ocasional, incrementa a súa poboación orixinando danos nas flores.

A presencia de flores secas e pechadas son síntomas do ataque desta praga. En ocasións, obsérvase o furado por onde saíu o adulto que se criou no interior da flor. Esta praga apareceu nas plantacións semi-abandonadas de maceiras de sidra da Estrada (Pontevedra) no mes de maio de 2016. Polo tanto, nesa comarca frutícola, debemos prestarlle especial atención nesta época.

3) Incidencias fitopatolóxicas máis destacadas: Enfermidades

É importante suliñar a necesidade de manter unha boa aireación nas plantacións froiteiras, para minimizar os efectos dos fungos nas mesmas. Para elo, debemos manexar moi ben parámetros como: poda, fertilización axeitada, marco de plantación..etc

-Moteado (Venturia inaequalis): O moteado está causado por fungos do xénero Venturia. As infeccións prodúcense sempre que se dan condicións favorables para o fungo. As peritecas, son as formas invernantes do moteado. Éstas evolucionan e van formando ascosporas maduras, capaces de producir a infección primaria en combinación con condicións favorables á infección (humidade e temperatura) e un estado sensible da maceira.

Sería moi interesante contar con estacións meteorolóxicas automáticas de control, que nos medirían temperatura, chuvia, humidade relativa e tempo que a folla permanece húmida. Con estes datos avaliaríamos o risco de infección mediante a Gráfica de Mill’s.

A partir do estado fenolóxico C3 (“orella de rato”) temos posibilidades de infección, polo que estamos nun período moi sensible, sobre todo, se aparecen condicións de humidade favorable (períodos de chuvia prolongados, e incluso orballos intensos).

-Oidium (Podosphaera leucotricha): Fungo externo que se manifesta como un po branco, de aspecto fariñento, recubrindo os gromos. Este recubrimento é o micelio do fungo, que afecta principalmente a gromos e follas novas.

A partir do estado fenolóxico E/E2 (botón rosa), poden empezar a producirse as infeccións primarias. Tras estas, desenvolve os conidios que producen as contaminacións secundarias durante o resto do proceso vexetativo.

Esta enfermidade desenvólvese mellor en condicións de humidade e temperatura elevadas. Aínda que ó contrario que outros fungos, non se ve favorecido pola chuvia, xa que é capaz de xerminar sin auga.

4) Recomendacións:

-Maceiras de sidra: En maceiras de sidra que superen o estado fenolóxico C/C3 (todas as variedades de mesa) ata o estado E2 (Botón rosa) é imprescindible un tratamento preventivo cun funxicida de contacto, mellor que un funxicida sistémico, xa que no estado actual das maceiras, temos pouco desenrolo vexetativo, o que prexudica a absorción do mesmo. Este funxicida de contacto, pode ir unido a un insecticida que controlaría o ataque do pulgón cincento.

-Maceiras de mesa: En maceiras de mesa (e sidra) en floración, debemos respectar esta época sen tratamentos a fin de protexer a actividade das abellas e demais insectos polinizadores. Lembrar que este ano acumulamos un atraso na floración de 15-20 días respecto da media dos últimos anos.

En variedades de mesa que chegasen ó estado H (caída dos últimos pétalos) debemos de dar un tratamento a base dun insecticida e un funxicida sistémico. Recoméndase alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información