Recomendacións para o coidado da horta en setembro

Publicidade
Recomendacións para o coidado da horta en setembro

“Setembro: ou secan as fontes ou levan as pontes”, advirte o refrán popular. De momento, o mes comezou coas tan agardadas choivas. Velaquí algúns consellos xerais para o coidado da nosa horta durante as vindeiras semanas:

– Podemos empezar a sementar os abonos verdes, (navos, guisantes…etc) nas parcelas nas que a partir da primavera plantaremos plantas esixentes en nutrientes, especialmente en nitróxeno, como as patacas, os pementos ou os tomates ou mesmo o millo. Convén estar atentos ás previsións meteorolóxicas para sementalos uns días antes de que anuncien choivas para asegurarnos unha boa nascencia. Este mes de setembro sería o último recomendado para sementar os nabos.

-Seguiremos podando as partes altas das tomateiras para que toda a enerxía das plantas se concentre nos froitos e maduren antes. Aínda que este verán seco está a favorecer que non haxa enfermidades fúnxicas, as néboas e as  choivas desta semana fan recomendable realizar un último tratamento con cobre para asegurarnos a colleita dos últimos tomates. Respectar en todo caso os prazos de seguridade recomendados para cada produto fitosanitario.

-Seguiremos plantando todo tipo de horta de inverno ata finais de mes, como moi tarde. Así, plantaremos repolo, brócoli, couveflor, lombarda, porros…etc. Poderíamos realizar a plantación máis tarde pero a planta non desarrollaría o suficiente, ao contar con menos horas de luz e menos calor. Convén asegurarnos que a plántula teña humidade para que poda enraizar, así como realizar regas periódicas, de ser preciso.Colocar arredor da planta un acolchado de restos de herba seca é unha solución moi práctica e barata para manter a humidade, evitar a nascencia de herbas e mellorar a fertilidade do solo.

-Tamén podemos plantar este mes leitugas de inverno e escarolas, que agradeceremos como ensalada nos meses máis fríos.

-Como xa dixemos, un bo método para evitar o crecemento das malas herbas e favorecer o crecemento das plantas é o acolchado con herba. Para iso abonaremos a terra -por exemplo co compost que temos acumulado- labrarémola para enterralo, e logo estenderemos unha capa de herba. A continuación, cun plantador de man, iremos realizando a plantación das plántulas con cepellón nos buratos, e remataremos regándoas para que prendan mellor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información