Recomendacións para mercar oliveiras con garantías fitosanitarias

A Verticilose e a Xylella Fastidiosa son dúas das afeccións que afectan ás plantacións de oliveira provocando que as árbores mesmo cheguen a secar. Abordamos algunhas das claves destas enfermidades

Publicidade
Recomendacións para mercar oliveiras con garantías fitosanitarias

Oliveira afectada pola Verticilose, coñecida como a seca da oliveira.

Nos últimos anos, as oliveiras son un cultivo en auxe en moitas zonas de Europa, e mesmo en Galicia están a proliferar as plantacións, sobre todo, nas provincias de Ourense e de Pontevedra, como recollen os expertos. Parello a esta demanda de oliveiras estase a rexistrar unha escaseza de planta certificada o que está a provocar un tráfico de material de plantación con orixe sen contrastar e poucas ou escasas garantías fitosanitarias.

Recorrer a oliveiras sen certificar e sen pasaporte fitosanitario incrementa os riscos para as plantacións, xa que poden plantarse exemplares afectados por algunhas das principais enfermidades destas árbores como son a Verticilose e a Xylella Fastidiosa. Ambas afeccións espállanse con facilidade e poden provocar que a planta termine por secar como alertou o técnico do Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería de Medio Rural, Antón Vázquez, durante unha xornada técnica celebrada en Pontevedra centrada no cultivo da oliveira.

A seca da oliveira

A Verticilose, coñecida tamén como a seca da oliveira, é unha das principais afeccións destas árbores. Trátase dun fungo moi común que provoca síntomas similares ós da seca da planta por falta de humidade, sobre todo nas follas. “Moitas veces a planta é capaz de sobrevivir a este fungo, pero outras termina por provocar que seque, especialmente cando se presenta unha variedade virulenta desta enfermidade”, explica o experto.

A Verticilose propágase por todo tipo de solos o que pode condicionar a plantación

Unhas das principais dificultades á hora de atallar esta afección é a facilidade de contaxio. Os fungos esténdense polo sistema vascular da árbore ata chegar ás follas, onde se localizan os principais síntomas, xa que as follas comezan a secar. “A diferenza doutras afeccións, ten un comportamento sectorial, e adoita afectar só a unha zona da planta, unha rama ou un conxunto de ramas”, comenta o experto.

Planta afectada pola seca da oliveira.

Planta afectada pola seca da oliveira.

Ademais, nas follas prodúcese un nódulo que termina no chan cando estas follas afectadas caen e comeza a reproducirse o ciclo de infestación. “Aparece en todo tipo de solos polo que pode condicionar a plantación, xa que a través da maquinaria vaise ir diseminando por todo o terreo”, apunta o técnico.

Nos últimos anos están a proliferar en Andalucía algunhas cepas moi virulentas que fan secar as plantas. Ademais, comprobouse que unha alta porcentaxe das plantas afectadas xa o estaban no viveiro.

Unha alta porcentaxe das plantas afectadas xa o estaban no viveiro polo que é fundamental contar con oliveiras certificadas

O experto apunta a que unha das vías para reducir a expansión desta praga é contar con plantas certificadas que dispoñan dun pasaporte fitosanitario que ofreza garantías do estado de saúde da árbore para evitar contaxios á plantación. Vázquez tamén incide en que, unha vez adquirida a planta e antes de poñela na finca, é preciso revisala co gaio de detectar posibles afeccións antes de que forme parte da plantación.

Xylella Fastidiosa

Outra das enfermidades que máis acusan as oliveiras é a Xylella fastidiosa, unha bacteria que causa síntomas similares á Verticilose, xa que as primeiras manifestacións da afección danse tamén nas follas, que comezan a secar. Esta bacteria obtura os vasos de sabia da planta e afecta ó conxunto da árbore.

“Os síntomas son tan comúns e aseméllanse tanto á seca que é moi difícil detectala”

A diferenza da Verticilose, esta bacteria ten un alto índice de mortaldade e afecta a unha ampla gama de especies. “Hai máis de 300 especies susceptibles desta praga, pero arredor de 10 ou 15 son realmente moi propensas a ela e a oliveira é unha das especies máis sensibles”, explica o experto.

Vector-Xylella-fastidiosa-oliveira-

O Philaenus spumarius actúa como principal transmisor da afección.

Esta bacteria transmítese por un insecto moi común, o Philaenus spumarius, que actúa como principal transmisor da afección. “O feito de que sexa un insecto tan común provoca que a súa expansión sexa máis rápida, xa que o vector é moi abundante”, concreta o técnico. Ademais, “os síntomas son tan comúns e aseméllanse tanto á seca que é moi difícil detectala”, recoñece.

Presenza en España

A presenza desta bacteria detectouse hai xa tempo en América e tamén se contrastou a súa existencia en Europa, sobre todo en Italia, onde apareceron diferentes focos. No seu momento, a súa expansión relacionouse coa importación de vexetais, en especial do café.

En Italia, a especie máis afectada foi a oliveira e no 2013 causou a morte a miles de exemplares, sobre todo no sur do país, onde secaron dende arbustos ata árbores centenarias. “Houbo que arrancar miles de oliveiras e queimalas”, recorda Vázquez.

En apenas tres anos localizáronse focos de afeccións nas Illas Baleares, en Alacante e en Madrid

Xa no 2016 houbo un foco puntual en Alemaña e ó pouco detectáronse os primeiros exemplares afectados nas Illas Baleares tanto en oliveiras de plantacións como en especies silvestres. Ante esta presenza da bacteria decretáronse unha serie de medidas preventivas para evitar o contaxio. Estas medidass incluíron a prohibición da venta de plantas.

No 2017 detectouse xa o primeiro foco de contaxio en Alacante, aínda que estes primeiros casos foron en amendoeiras. Porén, xa no 2018 constatouse outro foco, desta volta en Madrid e nun invernadoiro en Almería. “Hai a sospeita de que esta planta afectada procedera de viveiros portugueses, aínda que non está aclarado xa que en Portugal aínda non se atopou ningún caso”, detalla.

Zonas de posible supervivencia de Xylella Fastidiosa.

Zonas de posible supervivencia de Xylella Fastidiosa.

Unha boa parte do territorio de Galicia conta con condicións climáticas favorables á supervivencia da bacteria, polo que existe risco de contaxio e isto afecta tanto ós produtores que contan con plantacións de oliveira como ós viveiros que comercializan estas plantas. “A aparición de focos de Xylella preocupa polas perdas que pode ocasionar”, comentan dende a Consellería. Unha das dificultades para frear a expansión da Xylella é que algúns dos casos detectados corresponden a plantas que inicialmente chegaron sen ningún síntoma.

Plantas certificadas para reducir os riscos

Unha das opcións para tentar frear a expansión destas dúas afeccións é optar por planta certificada, de xeito que se poida contrastar a súa orixe e tamén conte con certas garantías sanitarias. Entre outros requisitos esta planta certificada debe:

– Ser adquirida a provedores autorizados e rexistrados. Poden ser adquiridas a produtores en viveiro ou a comerciantes, pero deben estar inscritos no rexistro oficial de comerciantes acreditados, que pode consultarse na páxina do ministerio de Agricultura.

Requirir a documentación xustificativa. É necesario contar tanto coa factura, por se logo apareceran problemas fitosanitarios, como coa documentación de acompañamento, é dicir, co pasaporte fitosanitario. Dende a alerta da presenza de Xylella fastidiosa, a oliveria é unha das especies que debe contar sempre cun pasaporte. Este documento debe conservarse tanto por parte do comprador como do vendedor alomenos durante tres anos para asegurar a trazabilidade.

Os modelos de etiqueta que deben levar os plantóns poden ser como os seguintes: azul en caso de planta certificada que é a de maior calidade, ou amarelo ou branco en caso de planta categoría CAC, de tipo común.

etiquetas-arbores-calidade-

Etiqueta de planta certificada (azul) e de planta de categoría CAC (amarela).

 “As variedades de oliveira autóctonas deben definir o futuro aceite de oliva galego”

apag_oliveiras_cata_aceites

A Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia – APAAG -, organizou o pasado mércores un acto de presentación dos aceites galegos que forman parte deste colectivo. Nesta nova actividade da asociación participou Ramón Pulgar, destacado experto no cultivo do oliveiral e na cata de aceite virxe.

A presentación tivo lugar no Restaurante Coto, na rúa Reza de Ourense, e na cata participaron distintos aceites que xa se producen integramente en Galicia. Entre estas marcas están: Ouro de Quiroga, Nóvoa Nature, Granxa Pegullal e unha das variedades que comercializa Aceites Abril. Os asistentes, entre os que se atopaban persoas ligadas á gastronomía, puideron comprobar a calidade do produto, e o potencia que se está a tecer no sector do aceite galego.

Ramón Pulgar é técnico agrícola especializado no cultivo do oliveiral, desde o 2000 experto en cata de Aceite de Oliva Virxe (AOVE) polo Consello Oleícola Internacional e a Universidade de Xaén. Traballa como asesor en oliveiral e aceite, sobre todo en Andalucia e Castela-A Mancha. “Sinto Galicia como a miña segunda patria, teño casa cuns amigos en Castro de Morgade, preto da Barrela, entre a Ribeira Sacra e O Ribeiro rodeado de bo viño e mellores viandas”, recoñece.

¿Cres que en Galicia se dan as condicións para o desenvolvemento do sector oliveiral?
Os romanos levaron e perfeccionaron en cultivo da oliveira por todo o imperio e as referencias romanas son inherentes a Galicia. É verdade que a oliveira se relacionou co Mediterráneo e as mellores condicións danse aí, pero a olivicultura sufriu unha revolución que leva o cultivo por todo o mundo, máis se cabe en sitios onde sempre se cultivou aínda que por vicisitudes históricas ou económicas se teña abandonado. En definitiva pódese e débese volver pór o oliveiral galego como unha referencia importante.

¿Para que se realiza unha cata de aceites, e cal é a túa opinión dos zumes producidos 100% en Galicia.
Están a facerse novas plantacións, dominando a Arbequina, que é unha variedade comodín. Neste sentido, creo que definir a adaptación ao medio e as peculiaridades que lle confiren ao flavor deben de acompañarse ao desenvolvemento de variedades locais como a Brava que deben definir as características do futuro do AOVE galego.

Como experto do sector oleico, ¿cales crees que son os principais desafíos que debe abordar a Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia para alcanzar un sector atractivo para produtores e mercado?
O primeiro desafío é a confianza en si mesmos e iso xa se logrou, os olivicultores galegos senten que están a rescatar parte da súa cultura. Agora falta profesionalización e medios para que esa cultura do AOVE chegue ao publico e os galegos en xeral sintan orgullo e o seu produto, do seu pasado e dun futuro construído sobre a base dun alimento san e con características propias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información