Recomendacións para controlar a praga da pulguiña da pataca

A Epitrix spp ou pulguiña da pataca ven de estenderse á Mariña lucense. Velaquí algunhas recomendacións para frear a súa expansión

Publicidade
Recomendacións para controlar a praga da pulguiña da pataca

Danos provocados na pataca pola pulguiña

O pasado día 11  a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias publicaba no Diario Oficial de Galicia unha orde pola que se ampliaban as zonas demarcadas por presenza da praga de corentena denominada Epitrix spp ou pulguiña da pataca a varios concellos da Mariña Lucense.

Despois de declarar a súa presenza en febreiro de 2014 en todo o territorio das provincias da Coruña e de Pontevedra, así como nos concellos ourensáns de Cenlle, Piñor e Ourense, a Xunta ven de declarar a corentena pola presenza da praga en varias parroquias dos concellos lucenses de Mondoñedo, Viveiro, Barreiros, Lourenzá e O Valadouro.

O insecto, orixinario de Norteamérica, introduciuse accidentalmente en Europa a través de Portugal e no ano 2009 detéctase a súa primeira presenza en territorio galego na comarca da Limia. A partir de entón, e malia as medidas para loitar contra ela, estendeuse á maior parte de Galicia.

A pulguiña aliméntase da pataca e aínda que os efectos que provoca no tubérculo non son moi graves si reducen o seu valor e debilitan a planta favorecendo o ataque doutros patóxenos. Sobre as follas a presenza dos exemplares adultos da pulguiña obsérvase nos múltiples orificios que provoca e en decoloracións. E sobre o tubérculo, as larvas da pulguiña perforan a superficie da pataca en múltiples galerías.

Medidas a levar a cabo dentro das zonas afectadas:

A Consellaría de Medio Rural estableceu as seguintes medidas para loitar contra a praga da pulguiña da pataca:

– Vixilancia continua do cultivo para a detección precoz da presenza da praga.

– Desinfección da maquinaria despois de traballar nunha parcela posiblemente afectada.

– En caso de detección de síntomas da praga, aplicación de tratamentos fitosanitarios autorizados para o seu control.

– Retirada e destrución dos restos de cultivo despois da colleita.

– Eliminación das renacenzas de pataca de anos anteriores.

– Control das malas herbas que poidan ser hospedeiras da praga, tanto dentro da parcela de cultivo como nas beiras.

– Prohibición dos movementos de tubérculos de pataca fóra da zona demarcada.

– Os tubérculos destinados á comercialización deberán ir a un almacén rexistrado dentro da zona demarcada, no cal serán lavados ou cepillados e comercializaranse acompañados de pasaporte fitosanitario.

– Recoméndase que nos casos en que se detecten síntomas da praga se realice rotación de cultivos, de forma que non se cultiven plantas sensibles nesa parcela durante dous ou tres anos.

Controis nos almacéns de pataca

Todos os almacéns de pataca que queiran comercializar tubérculos procedentes de parcelas localizadas dentro das zonas demarcadas deberán estar inscritos no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais, e para a súa comercialización os tubérculos deberan ir acompañados dun pasaporte fitosanitario.

Para poder emitir pasaporte fitosanitario, antes da comercialización, deberán someter os tubérculos a un proceso de lavado ou cepilladura de forma que non quede máis dun 0,1 % de terra.

Por último, recomendamos a lectura deste monográfico do Ministerio de Agricultura sobre a pulguiña da pataca onde se pode observar unha descrición máis detallada da súa bioloxía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información