Que facer na horta en xuño?

Xuño é un mes de intensa actividade na nosa horta xa que iremos coidando os cultivos de verán ao tempo que recollemos os de primavera. Velaquí algúns consellos...

Que facer na horta en xuño?

Xuño é un mes de intensa actividade na nosa horta xa que coincide a recolleita de cultivos de primavera (chícharos, patacas temperás..) coa plantación e coidado dos cultivos do verán.

Velaquí algúns consellos xerais:

-Coa humidade que hai na terra e as choivas que se aveciñan, as herbas competidoras inzarán nas nosas hortas, polo que deberemos facer varias sachas nos nosos cultivos.

-A humidade e as elevadas temperaturas crearán as condicións idóneas para pragas de fungos, especialmente o mildeu. Recoméndase facer un tratamento de fumigación a base de caldo bordelés (cobre) cada 10 días como mínimo nos cultivos máis sensibles: pataca, tomateiras, allos e cebolas.

-Sementeiras: Pódese facer alcoube ao aire libre de leitugas, acelgas e remolacha vermella que plantaremos no mes de xullo-agosto. Asemade, podemos facer a sementeira das verduras de inverno (repolo, couveflor, verza…) que plantaremos no verán.

-Tamén podemos facer sementeira directa de cenouras para os meses de setembro-outubro, así como de xudías, que recolleremos cara o meses de agosto-setembro.

-Transplante: podemos transplantar remolacha vermella, coles, leitugas, porros, cebolas, acelga,…etc.

-Tomateiras: durante este mes prestarémoslle especial atención a estas plantas, facendo as podas periódicas dos gromos das partes baixas e medias da plantas e entitorándoas. Cada dúas semanas aplicarémoslles un tratamento de cobre para evitar problemas de mildeu.

Entitorados: xudías, pementos e berenxenas precisarán de entitorado para un correcto desenvolvemento da planta.

image_print
Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información