Recomendacións para o cultivo da horta en xullo

En xullo empezamos a recoller os produtos de horta de verán e tamén a ir preparando a horta de inverno. Regar, realizar podas, facer acolchados ou empezar a plantar a horta de inverno, son algunhas das tarefas a realizar. Velaquí algúns consellos.

Publicidade
Recomendacións para o cultivo da horta en xullo

Despois do atraso xeneralizado que está habendo nos cultivos polo exceso de precipitacións e temperaturas máis baixas do normal, a calor que se espera para as próximas semanas fará que recuperen o desarrollo. 

Velaquí algúns consellos xerais:

-Para mellorar a froitificación e o engrose dos froitos é recomendable podar os chupóns tanto en tomateiras, como en pementos, berenxenas, melóns, cogombros e cabaciñas.

-Estaremos en pleno verán, ou iso esperamos, polo que a terra non debería estar exposta directamente á radiación solar. De aí que se recomende realizar acolchados de palla ou doutros restos vexetais (herba..etc) arredor das hortalizas e na base das árbores froiteiras e plantas aromáticas. Ademais de manter a humidade do solo, contribuirá tamén á súa fertilidade e aforraranos quitar as herbas.

-Para evitar ataques de mildiu, sobre todo en viña e en tomateiras, recoméndase realizar tratamentos periódicos –non agardar máis de15 días- con cobre se as condicións así o aconsellan (previsión de choiva, elevada humidade, néboas…etc). Nas patacas tamén se recomenda un tratamento antimildeu a base de cobre se as condicións meteorolóxicas o esixen.

– Un dos fungos que máis ataca nesta época, sobre todo ás cucurbitáceas (cabaciña, cogombro..etc), é o odio. Caracterízase pola aparición de manchas brancas nas follas e para combatelo unha solución eficaz é o leite desnatado: diluiremos medio litro en 8 litros de auga e pulverizaremos as plantas.

Sementeiras:
Poderemos seguir sementando ao aire libre cabaciñas, leitugas, cogombros, xudías, cenouras, remolacha vermella..etc.

Transplantes:
Xullo é unha boa época para empezar a plantar a horta de inverno, tanto brásicas (repolo, couveflor, brócoli) como porro ou escarola.

Colleitas:
Durante este mes recolleremos a colleita de xudías, leituga, pataca, cenoura, cebola, allos…etc. Se temos demasiados excedentes, unha boa alternativa é realizar conservas, especialmente de produtos como as xudías, a remolacha ou os cogombros.

E sobre todo non esquecer regar a nosa horta, a ser posible evitando o contacto da auga coas follas das plantas, para evitar a aparición de enfermidades fúnxicas. Debemos regar preferentemente a última hora da tarde -cando hai menos evaporación e baixa a temperatura do solo- ou a primeira da mañá e con auga a temperatura ambiente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información