Que facer na horta en setembro?

Publicidade
Que facer na horta en setembro?

Setembro é un mes de transición que tan ben pode ser un mes seco e caloroso, como ven acontecendo en Galicia nos últimos anos, como o preludio do outono con choivas e algunha ventada fría. “Setembro: ou secan as fontes ou levan as pontes”, advirte o dito. Desgraciadamente, parece que vai ser o primeiro.

Velaquí algúns consellos xerais:

– Podemos empezar a sementar os abonos verdes, incluídos os nabos, nas parcelas nas que a partir da primavera plantaremos plantas esixentes en nutrientes, especialmente en nitróxeno, como o millo, as patacas ou os tomates. Convén estar atentos ás previsións meteorolóxicos para sementalos uns días antes de que anuncien choivas para asegurarnos unha boa nascencia.

-Seguiremos podando as partes altas das tomateiras para que toda a enerxía das plantas se concentre nos froitos e maduren antes da chegada do frío e das choivas. Aínda que este verán seco está a favorecer que non haxa enfermidades fúnxicas, as néboas e as previsibles choivas que van chegar nos vindeiros días aconsellan facer un último tratamento con cobre para asegurarnos a colleita dos últimos tomates. Respectar en todo caso os prazos de seguridade recomendados.

-Empezaremos a preparar o compost que utilizaremos nas plantacións de primavera ou de finais do inverno (cebolas e allos).

-Seguiremos plantando todo tipo de horta de inverno até mediados de mes: repolo, brócoli, couveflor, lombarda, porros…etc. Poderíamos realizar a plantación máis tarde pero a planta non desarrollaría o suficiente, ao contar con menos horas de luz e menos calor. Dado a grave seca que estamos a padecer, convén asegurarnos que a plántula teña humidade para que poda enraizar, así como realizar regas periódicas.

-Tamén podemos plantar leitugas de inverno e escarolas, que agradeceremos como ensalada nos meses máis fríos.

-Un bo método para evitar o crecemento das malas herbas e favorecer o crecemento das plantas é o acolchado con herba. Podemos facelo previo á plantación, estendendo unha capa de herba e logo empregando un plantador, ou cando as plantas xa son un pouco grandes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información