horta_inverno_01_standar

Que facer na horta en outubro?

Outubro é unha época de transición entre o final dos cultivos de verán e o comezo dos de outono-inverno. Velaquí algúns consellos para a nosa horta

-O exceso de humidade polas choivas e a posibilidade de que caia algunha xeada recomendan recoller as cabazas que teñamos na horta, gardándoas nun lugar fresco e enxoito, a ser posible con algo de herba ou un cartón debaixo.

-Poderemos seguir recollendo pementos, tomates, acelgas, remolachas de mesa ou porros que temos na horta.

-Como sementeira, dependendo da zona, podemos empezar a sementar chícharos ou fabas.

-En canto aos transplantes, pódense empezar a plantar as primeiras cebolas, coles de primavera e as últimas brásicas de inverno (repolo, brócoli..etc).

-Nas parcelas que nos quedaron libres é recomendable sementar abonos verdes (nabos, avea, centeo..etc) para evitar que a terra quede descuberta. Outra forma de protexer a terra núa fronte ás xeadas, especialmente se é unha horta pequena, é cubrila cunha capa de herba ou estrume do monte, que se irá descompoñendo durante o inverno ao tempo que protexe o solo.

-Como no resto dos meses, seguiremos acumulando materia orgánica (herba, follas, restos orgánicos da cociña….etc) para abonar a nosa horta en primavera.