Recomendacións para o cultivo da horta en decembro

O mes de decembro é dos de menor actividade na horta, momento que podemos aproveitar para facer unha planificación para o vindeiro ano e empezar a plantar os primeiros cultivos

Recomendacións para o cultivo da horta en decembro

O mes de decembro é dos de menor actividade na horta, momento que podemos aproveitar para planificar ben as labores, as rotacións de cultivos e as plantacións de 2018. Tamén podemos aproveitar para facer unha labor de revisión e mantemento tanto do material de traballo na horta, como das sebes ou muros da mesma.

Sementeiras:

En canto ás sementeiras, e seguindo o dito de “Se queres bo allal, plántao en Nadal” podemos empezar a plantar allos e bulbos de cebola. A tradición popular recomenda facelo en lúa minguante, para favorecer o desenvolvemento do bulbo. Neste mes, a lúa minguante comeza o domingo día 10 e remata o día 18.

Tamén podemos plantar chícharos e fabas lobas. Se é para autoconsumo, recoméndase plantar estas leguminosas de xeito escalonado, por exemplo en tres veces entre decembro e febreiro, para que a colleita tamén sexa escalonada e non nos veña todo o froito xunto.

Para aquelas zonas de clima máis temperado e benigno, sobre todo no sur de Galicia e nas zonas de costa, onde non se rexistran xeadas, pódense empezar a plantar as patacas temperás a finais de decembro, para ter unha colleita en abril ou maio. O mesmo se pode facer baixo invernadoiro.

Colleitas:

Polo demais, neste mes a nosa horta seguirá producindo porros, remolacha de mesa, escarola..etc, todos elas plantas resistentes ás xeadas. E por suposto, seguiremos recollendo repolo, brócoli, coles, ou couveflor, así como nabizas. En definitiva, verduras de alta calidade nutritiva que son a mellor garantía dunha boa saúde.

Coidados do solo:

-Recoméndase non deixar o solo da horta nú durante o inverno xa que as xeadas reducirían a súa fertilidade. Neste sentido, se non imos plantar nada ata a primavera aconséllase cubrilo cunha cuberta vexetal (herba, follaxe, toxos…etc) que aumentará a actividade biolóxica do chan, reducirá a aparición de malas herbas á vez que esa materia orgánica irase descompoñendo para incorporala ao solo na primavera.

-Polo demais, recoméndase, do mesmo xeito que nos demais meses, seguir elaborando compost orgánico con restos de peladuras, herba cortada, follaxe…etc. Esta materia orgánica é a garantía dunha horta viva e produtiva .

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información