A provincia de Pontevedra produciu este ano unhas 7.000 toneladas de kiwi

A provincia de Pontevedra produciu este ano unhas 7.000 toneladas  de kiwi

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de facer balance e anunciar que a campaña do kiwi na provincia alcanzou unha produción de 7.000 toneladas, “cifra menor que noutras anualidades pero con pezas dunha grande calidade e un tamaño de ata dous calibres superiores aos producidos en anos de colleitas altas”, destacan dende a EFA. Así mesmo, e como todos os anos nestas datas, a EFA está a repartir o recollido na súa plantación, uns 3.000 quilos de kiwis, entre as asociacións e colectivos sociais da provincia.

A deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, subliñou que “a produción baixa deste ano –inferior á media habitual- debeuse a que no momento da floración, pola segunda semana de maio e o mes de xuño, as condicións metereolóxicas estropearon as flores e houbo unha mala polinización. Isto provocou que se perdera moita froita potencial”.

Sen embargo, os kiwis desenvolvéronse ben tamén grazas á climatoloxía posterior e a que non houbo problemas sanitarios salientables que influísen sobre a calidade. Deste xeito, os calibres deste ano son homoxéneos e superiores en tamaño aos de colleitas normalmente consideradas boas e polo tanto a rendibilidade da explotación está a ser satisfactoria.

A colleita de kiwis na provincia foi recollida este ano entre finais de outubro e novembro, cando se almacenou nas cámaras para ir distribuíndo no mercado estatal, onde o 90% da produción é autóctona, principalmente de Galicia, e en concreto da provincia de Pontevedra. Eses froitos serán os que se irán distribuíndo ata o mes de xuño, cando previsiblemente comezará a ser necesario subministrarse desta froita con orixe foráneo, sobre todo de Nova Zelanda.

400 hectáreas dedicadas ao kiwi en Pontevedra

O kiwi comezou a cultivarse de maneira experimental en Galicia, concretamente no sur da provincia de Pontevedra, nos anos 70, e non foi ata unha década despois cando o consumo comezou a estenderse e fixéronse maiores plantacións comerciais. O cultivo desta planta foi aumentando desde entón, e na actualidade, estímase que a superficie destinada ao cultivo de kiwi na provincia de Pontevedra está preto das 400 hectáreas, concentrándose na provincia de Pontevedra a maior superficie deste cultivo dedicada en España.

“Esta importancia adquirida na provincia –asegura a deputada- provocou que a estación de Areeiro dedique atención especial a este cultivo dende a súa introdución, participando en proxectos de investigación en colaboración coas principais empresas produtoras, outras centros de investigación e universidades”.

Segundo explica Eva Vilaverde, a produción de kiwis en Areeiro, onde o centro de investigación ten uns 3.000 metros cadrados destinados a este cultivo, foi nesta campaña duns 3.000 quilos, practicamente cinco veces superior á de 2017. Dende a recollida, a froita mantívose en local pechado e cámaras para que madurase e alcanzase os valores ideais para o consumo, cumprindo todos os estándares de calidade. Finalmente, esta semana, estase a realizar o reparto entre colectivos e asociacións sociais da provincia, tal e como se leva facendo nos últimos anos, en lugar de vender o produto.

Investigación sobre como combater a bacteria PSA

O traballo de investigación en Areeiro pretende mellorar e adaptar diferentes cultivos de kiwi en Galicia. A EFA comezou a súa plantación de kiwis no ano 1984 para estudar a tipoloxía de plantación, produción, polinización, fenoloxía, problemas de cultivo e a calidade desta froita. Posteriormente iniciáronse ensaios de produtos fitosanitarios e outros elementos.

Actualmente estanse a facer investigacións sobre como combater a bacteria Pseudomonas syringae pv.actinidiae (PSA) en variedades amarelas de kiwi nun convenio coa empresa ‘Kiwi Atlántico SA’. O obxectivo principal e xeral deste proxecto céntrase no estudo da distribución da PSA na Galiza, na súa situación actual e no desenvolvemento de probas para o deseño dun sistema de control da bacteria.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información