Produtores de aceite de oliva e Xunta sentan as bases para impulsar o sector

Publicidade
Produtores de aceite de oliva e Xunta sentan as bases para impulsar o sector

Ánxeles Vázquez con José Antonio García e Avelino Pazos

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse este xoves en Santiago cos responsables da Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia (APAG) para avanzar en diferentes liñas de colaboración con este colectivo.

O sector do aceite de oliva ten experimentado un importante impulso en Galicia nos últimos anos, ocupando xa unhas 300 hectáreas, e con varias empresas que xa comercializan o produto. Sen embargo, presenta tres dificultades para desenvolverse con garantías: A falta dun rexistro das plantacións existentes en Galicia, a ausencia no mercado de planta certificada de variedades autóctonas de oliveiras e un estudo rigoroso sobre cales son os mellores terreos na Comunidade para este cultivo.

Neste sentido, na reunión de hoxe a Consellería de Medio Rural comprometeuse a levar a cabo un estudio polo miúdo para coñecer aspectos relacionados con estas plantacións, tales como os tipos de chan máis adecuados, as variedades que mellor se axeitan ás condicións de Galicia, as actuacións sobre plantación (abonos, encalados, fitosanitarios) ou a prevención de pragas e enfermidades. Este estudo serviría de apoio para impulsar e optimizar estas producións, apostando así por novos usos dos terreos agrarios e pola súa diversificación, co fin último de mellorar as rendas no agro e apoiar a fixación de poboación no rural.

José Antonio (APAG): “Neste momento non hai no mercado planta certificada de oliveiras galegas”

“Neste momento estanse plantando oliveiras en todo tipo de terreos, e compre que teñamos un estudo rigoroso sobre cales son os máis aptos”, explica José Antonio García, presidente de APAG.

En canto ás variedades, recoñece que “a maior parte das novas plantacións en Galicia son de variedades como Arbequina, Picual ou Cobrançosa, as mesmas que no Sur de España, pero que pola tipoloxía dos solos e do clima galega dan un aceite cunha calidade moi diferente”. Sen embargo, José Antonio considera que o futuro “está en diferenciar o aceite galego apostando polas nosas variedades autóctonas e por producir en ecolóxico”. “Estamos traballando xunto co CSIC e coa Fundación Juana de Vega para identificar estas variedades propias para que dentro de dous anos poda haber planta certificada no mercado. A planta que se vende agora como de variedades autóctonas galegas non ten ningunha garantía”, subliña.

Necesidade de garantir que o aceite que se vende como galego procede de oliveiras galegas

O terceiro aspecto clave no que están a traballar dende APAG é na necesidade de rexistrar as plantacións de oliveira existentes en Galicia. “Neste momento están sen rexistrar o 95% das plantacións de oliveiras na Comunidade. Pedímoslle á Consellería que se inicie este proceso de rexistro, porque é imprescindible tanto para que a Comisión Europea nos conceda unha Indicación Xeográfica Protexida ou Denominación de Orixe, un proceso que xa está en marcha, como para garantir que todo o aceite que se vende como galego procede de oliveiras cultivadas en Galicia”, asegura.

Os resultados desta reunión e outros aspectos serán tratados este domingo na asemblea anual de APAG, que se celebrará no concello ourensán de Castrelo de Miño.

A Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia (APAG) creouse a finais de 2014 e actualmente aglutina un cento de asociados, que contan en total cunhas 115 hectáreas e máis de 130.000 oliveiras, sobre unhas 300 hectáreas que se calcula que hai en distintas zonas. Entre as súas actividades salientan a edición dunha guía de boas prácticas e a organización de cursos de cata, poda e encontros de carácter técnico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información