Primeiros pasos para a comercialización de variedades galegas de oliveira

O CSIC entrega a dous viveiros de Galicia planta seleccionada das dúas primeiras variedades de oliveira autóctona galega

Primeiros pasos para a comercialización de variedades galegas de oliveira

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) asinou un contrato de transferencia de material cos viveiros “A Revolta” (A Coruña) e Costa de Lóngaras (Lugo) polo cal concede a ambos unha licenza non exclusiva para a multiplicación e comercialización de planta das dúas primeiras variedades de oliveira autóctona galega rexistradas e certificadas: Brava galega e Mansa galega.

Os detalles do acordo déronse a coñecer este mércores nunha rolda de prensa na Delegación Institucional do CSIC en Galicia e, posteriormente, realizouse un acto simbólico de entrega de exemplares das devanditas variedades.

O contrato terá unha duración de tres anos, podendo ser prorrogado polas partes. Contempla que o CSIC poña a disposición dos viveiros os coñecementos técnicos e o know-how relacionado co material vexetal que poida ser necesarios para a súa multiplicación e explotación comercial por parte das citadas empresas e que o rexistro dese material nos distintos territorios como variedade comercial, protexida ou como marca, se realice en nome do CSIC. Regula todas as cuestións relativas ao uso do material, ámbito territorial do acordo, duración, condicións económicas, confidencialidade no intercambio de información e dereitos de propiedade industrial sobre calquera resultado que se poida obter con estas novas variedades vexetais, entre outros aspectos.

Os dous viveiros autorizados multiplicarán as plantas para polas a disposición do mercado

Brava galega e Mansa galega foron recoñecidas oficialmente en outubro de 2017, tras seis anos de investigación. Desde hai dous anos, os científicos do CSIC responsables do traballo da oliveira autóctona galega contan para este proxecto co apoio e financiamento da Fundación Juana de Vega, que financiou íntegramente este proxecto de 4 anos cunha achega de 250.000 euros. Como resultado das devanditas investigacións, o CSIC é propietario de diversos exemplares seleccionados e amplamente estudados, de distintas variedades de oliveira autóctonas de Galicia, sendo Brava Galega e Mansa Galega as primeiras en ser comercializadas.

Aínda que o material vexetal transferido neste momento sairá ao mercado como planta estándar, foi sometido ás análises de virose que marca a normativa(ArMV, CLRV, SLRSV, CMV) e garántese que a planta entregada está libre de virus. Tanto para estas dúas variedades como para as que serán transferidas no futuro, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio, iniciarase o proceso de certificación pertinente, que marca a normativa legal e que ten unha duración mínima de catro anos.

O CSIC e as súas investigacións sobre as oliveiras en Galicia

España conta con ao redor de 1.200 variedades de oliveira descritas, representa a maior diversidade do mundo con este cultivo e é tamén o primeiro país en superficie cultivada, concentrándose en Andalucía o 62% do total. En Galicia, a existencia de oliveiras e o seu cultivo esténdese polo sur da provincia de Lugo, o sur da provincia da Coruña, e distintos puntos das provincias de Ourense e de Pontevedra.

O grupo de Viticultura da MBG iniciou fai algo máis dun lustro unha liña de investigación sobre a oliveira autóctona galega no marco do proxecto “Caracterización de recursos agroalimentarios e mariños de Galicia e valoración do seu potencial como fonte de saúde”, financiado por CDTI e un consorcio de seis empresas, cuxa parte referida á oliveira recaía en Invatia Research (Aceites Olei). Finalizado aquel proxecto, en 2014, o grupo decidiu seguir profundando pola súa conta no estudo das oliveiras autóctonas galegas consolidando así a súa nova liña de investigación. En 2017 a Fundación Juana de Vega decidiu impulsar os estudos sobre o oliveiral galego a través do financiamento do proxecto “Apoio á consolidación no mercado de aceites galegos de calidade, mediante o uso de variedades de oliveiras autóctonas de Galicia”, cunha duración de catro anos. O grupo tamén colabora moi estreitamente coa Xunta de Galicia, informando os avances dos traballos e achegando as informacións necesarias para a legalización e recoñecemento das variedades.

O obxectivo común das distintas entidades implicadas é recuperar o oliveiral autóctono galego, polo en valor e ser capaces de transformar este cultivo e o seu produto final (aceite, froito de consumo fresco), nunha alternativa rendible para determinadas zonas do rural galego e a industria alimentaria. Para iso, ademais, o grupo de investigación e a Fundación Juana de Vega colaboran no proxecto coa Asociación de Produtores de Aceite de Oliva de Galicia (APAG) e a Asociación de Viveiristas do Noroeste (ASVINOR). Xuntos dan agora este importante paso, transferindo ao sector, para a súa comercialización, estas primeiras plantas de Brava Galega e Mansa Galega.

Nun futuro próximo, a estas dúas variedades de oliveira sumaranse outras autóctonas galegas, o que permitirá aos olivareiros elixir a que máis se adapte aos seus intereses, aos gustos de cada un ou aos distintos territorios de Galicia.

Fundación Juana de Vega: “Ábrense as portas do circuíto comercial a variedades autóctonas de oliveiras galegas con todas as garantías e libre de virus”

O acto contou coas intervencións, por parte do CSIC, do delegado institucional en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés; da vicepresidencia adxunta de Transferencia do Coñecemento, Ángela Ribeiro Seijas; e a xefa do grupo de Viticultura da MBG, Carmen Martínez Rodríguez. Por parte da Fundación Juana de Veiga, o seu presidente, Enrique Sáez Ponte. Por parte de ASVINOR o seu director técnico, Santiago Ramos. Por parte de APAG o seu portavoz e membro da directiva, Elvira Blanco.

Ángela Ribeiro recalcou “a importancia que está a ter a transferencia de tecnoloxía do CSIC nos últimos anos e, moi especialmente, na área de Ciencias Agrarias, onde se pasaron de asinar 14 acordos de licenza para a explotación de variedades vexetais no período 2012-2014 a 50 en 2015-2017”.

“Estes acordos non soamente inclúen a recuperación de variedades autóctonas, senón tamén a obtención de novas variedades. Ademais, nos últimos anos deuse un paso importante na internacionalización das variedades do CSIC, asinándose acordos de multiplicación e explotación con viveiros de Italia, Grecia, Turquía, Sudáfrica, Arxentina e Chile”, dixo.

Carmen Martínez destacou que “tras a transferencia destas variedades, xa recoñecidas polo Ministerio, continuamos traballando co resto para ilas rexistrando e posteriormente transferindo a estes ou outros viveiros, co fin último de que cheguen aos olivareiros”.

Enrique Sáez destacou que “este é un día histórico para Galicia porque supón abrir as portas do circuíto comercial a variedades autóctonas de oliveiras galegas con todas as garantías e libre de virus para que contribúan a sentar as bases do desenvolvemento do sector nesta Comunidade Autónoma, apoiándose na diferenciación como elemento para competir nos mercados con operadores de maior volume e tradición”.

image_print

Una idea sobre “Primeiros pasos para a comercialización de variedades galegas de oliveira

  1. Tomás

    O termo autóctono, non sei eu…., se a oliveira foi introducida na península ibérica, existindo o “acebuche ” na zona mediterránea, en todo caso sería unha variedade adaptada e tradicional… ou non

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información