As primeiras axudas específicas para produtores de horta e planta beneficiaron a 23 produtores

Publicidade
As primeiras axudas específicas para produtores de horta e planta beneficiaron a 23 produtores

O conselleiro José González na súa visita á explotación de horta Terras de Bustelo

A Consellería do Medio Rural vén de resolver as novas axudas para os produtores da horta e planta ornamental polas que se achegarán máis de 400.000 euros a 23 explotacións galegas. Así o trasladou hoxe o conselleiro José González nunha visita á explotación agrícola Terras de Bustelo, en Coristanco, na que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

Esta orde de axudas creouse de xeito diferenciado para este tipo de produtores co obxectivo de que non tivesen que competir con outros sector máis potentes en Galicia. “Deste xeito, a consellería conseguiu que este ámbito agrario estivese nas mesmas condicións que outros eidos produtivos como poden ser o lácteo ou o cárnico”, destacou o conselleiro.

José González sinalou que “deste xeito trátase de fomentar a diversificación produtiva no noso agro, de forma que sexamos quen de aproveitar todos os recursos que temos. A horta é un deses eidos, nos que Galicia ten moito potencial”.

Podían optar a esta orde producións de hortaliza en invernadoiros, ao aire libre, viveiros, flores, froiteiras, amorodo ou patacas, entre outras. O conselleiro do Medio Rural sinalou que “todos estes son subsectores nos que Galicia destaca pola súa calidade, un factor clave para acadar o éxito na comercialización”.

En total son 23 expedientes aprobados que realizarán un investimento total de 1,2 millóns de euros. Por provincias, a maioría de expedientes correspóndense coa da Coruña, con 12 aprobados e 140.000 euros de axuda. Séguelle Pontevedra con 8 beneficiados e 262.000 euros. Por último, estaría Ourense con 2 expedientes que alcanzan os 25.000 euros en total e Lugo cun único beneficiario de 6.000 euros.

Visita a Coristanco

O conselleiro fixo balance destes datos na explotación Terras de Bustelo, que conta con máis de 24 hectáreas destinadas a diferentes cultivos: grelos, verzas, perexil, leituga, repolos, así como pataca ao amparo da IXP Pataca de Galicia.

Ademais, aproveitando a visita a Coristanco, o conselleiro coñeceu tamén a explotación láctea Barreda e a CUMA de maquinaria. Para este tipo de cooperativas a Consellería do Medio Rural destinou o pasado ano un total de 4,8 millóns de euros, que beneficiaron a 63 entidades.

conselleiro_horta_Coristanco_2

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información