Poñen en marcha un proxecto para adaptar as hortas ó cambio climático

Amigos da Terra organiza este sábado 31 de agosto en Pontevedra a primeira das xornadas do curso Método Biointensivo de Cultivo de Alimentos para optimizar as hortas

Publicidade
Publicidade
Poñen en marcha un proxecto para adaptar as hortas ó cambio climático

O método de cultivo biointensivo busca o máximo aproveitamento dos recursos naturais. // Foto: Amigos da Terra.

Data inicio: 31/08/2019
Data fin: 31/08/2019
Lugar: Museo da Muller Labrega, As Covas, Meaño Pontevedra

O colectivo Amigos da Terra acaba de pór en marcha un proxecto co que adaptar as hortas familiares e comunitarias ós desafíos derivados do cambio climático. A inicitiva, que conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, analizará a posta en práctica do método biointensivo de produción agroecolóxica.

O proxecto levarase á práctica en Galicia e noutras zonas de España e implicará formacións previas para os posibles participantes. Na comunidade galega os primeiros talleres formativos comezarán este vindeiro sábado en Pontevedra e serán unha achega básica a esta disciplina de cultivo.

O método biointensivo

Esta práctica produtiva é unha técnica de cultivo agroecolóxico que permite o máximo aproveitamento dos recursos naturais. O método combina a produción de alimentos coa rexeneración do chan, grazas á variedade, rotación e asociación de cultivos, e ao uso de compost producido na propia horta. A técnica realízase a man con ferramentas sinxelas como a pa ou o angazo, e consiste en varios principios que poden ser adaptados a calquera clima.

“Cun 70% dos chans españois en risco de desertificación severa pola combinación de usos agrícolas intensivos e polos efectos do cambio climático, o método de cultivo biointensivo convértese nun aliado indispensable na adaptación ao cambio climático”, apuntan dende Amigos da Terra. Así, reivindican que este método permite diminuír o uso de auga e de achegas externas, incrementar os rendementos por superficie de cultivo e reconstruír e mellorar a fertilidade do chan.

O proxecto

No proxecto estudarase a aplicación destas técnicas con 54 produtoras de Galicia, Aragón, Ibiza, Mallorca e Madrid, mediante a análise da mellora da calidade e resiliencia do solo das hortas. Para conseguir a participación faranse 2 formacións en cada rexión participante, cos que se busca capacitar a máis de 130 persoas.

As persoas seleccionadas para participar no proxecto recibirán material específico sobre o método biointensivo así como acompañamento e formación complementaria. Tamén farán analíticas dos solos antes de aplicar o método e despois de 2-3 ciclos de cultivo, co obxectivo de comprobar a mellora na fertilidade e na resiliencia do solo fronte ao cambio climático.

Primeira formación do proxecto

No proxecto de “Cultivo Biointensivo de Alimentos: método agroecolóxico innovador para a adaptación ao cambio climático de hortas familiares e comunitarias” establécense 2 cursos de tres días para formar a posibles participantes. O programa formativo será impartido por Guillermo Rodríguez Barreiro, enxeñeiro agrónomo e mestre de Nivel Intermedio do método biointensivo.

A primeira das formacións está orientada a aquelas persoas que xa realizaron o obradoiro básico do Método Biointensivo e a aquelas que xa están cultivando. Estará dividida en 3 xornadas de 8 horas de duración. A primeira delas terá lugar este sábado 31 de agosto no Museo da Muller Labrega sito en As Covas (Meaño, Pontevedra).

O horario estimado será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas e abordaranse as especificidades e vantaxes do proxecto, os procesos de recollida de solo, as experiencias particulares das participantes, a planificación das asociacións e rotacións dos cultivos de inverno e marcaranse as seguintes datas para completar esta formación.

O segundo curso, para o que aínda está por fixar a data de comezo, estará dirixido tanto a aquelas persoas que queren aprender a cultivar os seus propios alimentos dun xeito respectuoso co medio, como a labregos ecolóxicos que queiran aprender novos métodos de traballo polo que non será necesario ter coñecementos previos.

-Consulta aquí o programa completo da xornada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *