Piden á Xunta que facilite a obtención do curso de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios

A partir do 25 de novembro só se poderán vender fitosanitarios para uso profesional a titulares dun carné de aplicador-manipulador destes produtos. Explicamos os cambios.

Publicidade
Piden á Xunta que facilite a obtención do curso de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios

Aplicando fitosanitarios

O sector dos produtos fitosanitarios pide á Xunta de Galicia, en concreto á Consellería do Medio Rural, que facilite a obtención do carné de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios ante a inminente entrada en vigor o próximo 25 de novembro do Real Decreto 1311/2012 de uso sustentable de produtos fitosanitarios que limitará a venda dos de uso profesional soamente a aqueles agricultores e gandeiros que conten coa titulación.

Neste sentido, o presidente da Asociación Fitosanitarios de Galicia Asturias (Adifiga), que agrupa aos distribuidores maioristas, Daniel Berea, asegura que “queremos colaborar coa administración para facer máis accesibles os carnés de fitosanitarios, tanto o básico como o cualificadol”.

Máis explícito móstrase o delegado de SAPEC-Agro en Galicia, Marcos Fernández, quen advirte de que a oferta formativa da Xunta é insuficiente e cunha duración moito maior que noutras Comunidades.

“Hai agricultores que están indo a León a realizar o curso básico de manipulador de produtos fitosanitarios porque en Galicia hai listas de espera para os cursos e, ademais, duran máis de 20 horas presenciais, mentres que en Castela e León soamente necesítanse 4 horas presenciais e o resto da formación é online, e de forma parecida sucede en Portugal”, asegura.

Esta situación levou ao sector a solicitar unha reunión coa Consellería do Medio Rural para axilizar e facilitar a obtención do carné de manipulador de produtos fitosanitarios de aquí ao 25 de novembro.

Quen debe ter o carné de aplicador a partir do 25 de novembro?

O 25 de novembro entre en vigor en España a Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello pola que se establece un marco de actuación comunitario para conseguir un uso sustentable dos praguicidas.

A normativa foi trasposta en España a través do Real Decreto 1311/2012 e establece os seguintes cambios: xestión integrada de pragas, xestión de envases, inspección de maquinaria, protección do medio acuático e de zonas específicas e formación de usuarios, profesionais e vendedores.

Este último aspecto entrará en vigor o 25 de novembro e obrigará a que os aplicadores e comerciantes realicen o curso de capacitación homologado de “Aplicador-Manipulador de Produtos fitosanitarios”, que establece tres niveles de capacitación: Básico, cualificado e fumigador.

Os requisitos que se establecen para os distintos axentes do sector son os seguintes:

– Os distribuidores deberán contar cun técnico con titulación universitaria habilitante (enxeñería agrónoma, forestal….etc- Ver Real Decreto Capítulo III) .
– Vendedores deberán estar en posesión do correspondente carné cualificado. Quedan eximidos deste requisito o persoal dos distribuidores cuxas tarefas non sexan a venda nin a manipulación de produtos fitosanitarios para uso profesional.
– Persoal auxiliar deberá estar en posesión do correspondente carné básico
– Os aplicadores deberán estar en posesión da correspondente carne básico, cualificado ou
fumigador en función do tipo de produto a aplicar.
– Os produtos tóxicos, moi tóxicos ou mortais que sexan ou xeren gases só se poden vender a empresas de tratamentos con persoal nivel fumigador ou usuarios que dispoñan do carne de fumigador.
– Estarán exentos de realizar o curso para obter o carné cualificado quen xustifique unha titulación universitaria habilitante (ver Real Decreto Capítulo III) ou unha titulación de formación profesional que acredite a formación reflectida nese Real Decreto.

Que deberá anotarse no momento da venda?

Os produtores e distribuidores de produtos fitosanitarios de uso profesional levarán un rexistro de todas as operacións de entrega a un terceiro, a título oneroso ou gratuíto, que realicen, no que anotarán os seguintes datos:

– Data da transacción.
– Identificación do produto fitosanitario: nome comercial, número de inscrición no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios e número de referencia, no seu caso, do lote de fabricación.
– Cantidade de produto obxecto da transacción.
– Identificador do subministrador e do comprador (nome e apelidos ou razón social, enderezo ou sede social e NIF).

No momento da venda deberá estar dispoñible o vendedor con carne cualificado que informe tamén sobre: recomendacións de uso de fitosanitarios, riscos para a saúde e medio ambiente, instrucións de seguridade e sobre os puntos de recollida de envase ( 92 centros de agrupamento SIGFITO en Galicia).

Onde podo realizar en Galicia o curso para obter o carné de manipulador de produtos fitosanitarios?

Na web da Consellería do Medio Rural e no Diario Oficial de Galicia aparecen a lista de cursos para este ano.

Que produtos fitosanitarios poderanse comprar sen carné?
A utilización de produtos fitosanitarios de uso profesional atoparase restrinxida a usuarios profesionais con carné e inscritos no ROPO, o resto de usuarios sempre poderán usar os produtos de uso non profesional. Os usuarios non profesionais poderán realizar tratamentos nos seguintes ámbitos e cos seguintes tipos de produtos:

– En xardíns domésticos de exterior e hortos familiar, con produtos expresamente autorizados para uso non profesional nestes ámbitos.

– En xardinería doméstica de interior, con produtos envasados como aerosol ou outros tipos de envases concibidos expresamente para a aplicación directa do seu contido.

O Real Decreto 1311/2012 define como produtos de uso non profesional:

– Un litro, cando se trate de aerosois ou outros tipos de envases deseñados para aplicar directamente o produto fitosanitario.
– 500 gramos ou 500 mililitros para calquera outro tipo de preparados.

Por último, prohíbese aos usuarios non profesionais a utilización de produtos fitosanitarios, salvo nestes usos concretos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información