Os produtores galegos de arando temen que lles afecte o desplome dos prezos no sur de España

Agardan que o mercado galego esquive a baixada de prezos que afectou esta tempada ás zonas do Levante español logo dun incremento da produción nos últimos anos. Esperan non verse afectados ó apenas coincidir as colleitas e ser a galega máis tardía

Non se atopa a URL do vídeo.

A punto de comezar a campaña de recollida do arando en Galicia, os produtores agardan que os prezos se manteñan estables coma en anos pasados e a crise de prezos e a caída rexistrada nas zonas do Levante nesta campaña non afecten, polo momento, a Galicia.

O incremento do número de agricultores dedicados á produción de arando e a xestión dos intermediarios parecen estar detrás da caída dos prezos e do estoupido da burbulla do arando no sur, onde os prezos do quilo de arando en orixe chegaron a situarse en torno ós 2 euros.

Por iso, aínda que non coíncidan as épocas de produción co arando producido en Galicia, os agricultores galegos miran con temor o acontecido dado o incremento das plantacións rexistrado nos últimos anos tamén no territorio galego.

Nesta tempada, o prezo do arando en zonas como Huelva caeu por debaixo dos custos de produción

Porén, o cultivo do arando en Galicia aínda continúa a ser reducido se se compara con zonas do Levante coma Huelva onde boa parte dos produtores de fresa optaron por cambiar a este froito ou por compaxinar ambos o que fixo incrementar notablemente a produción.

A produción en masa está levando a que o cultivo do arando deixe de ser rendible nestas zonas e dende o sector agardan que se produza un reequilibrio das producións logo de non haber un control previo que regulara a súa proliferación.

Variedades máis tardías

Inicialmente pese ó incremento de produción de arando rexistrado no sur de España, a produción galega non se vería afectada ó non coincidir os ciclos de produción, posto que apenas se solapan no tempo. A non ser que a produción do sur de España se prolongue máis do habitual e a galega se adiante, son moi poucas as fincas galegas que coinciden coa campaña do sur, segundo explican dende o sector.

A campaña de recollida do arando en Galicia comeza a finais de xuño e prolóngase ata finais do verán

As variedades plantadas en Galicia comezan a producir, polo xeral, a finais de xuño e a tempada pode prolongarse ata outubro dependendo de como fose o inverno. A planta actívase cando a temperatura da terra chega ós 10 ou 12 grados e comeza o seu ciclo que determinará o comezo da produción do arando.

“Dependendo de como veña o inverno, a tempada pode retrasarse entre unha ou dúas semanas ou adiantarse, pero adoita comezar arredor de finais de xuño”, explica Miguel Mato, un dos socios da maior plantación de arandos en Galicia, Horticina, que conta cunha extensión de máis de 80 hectáreas no concello coruñés de Cerdido, e cunha produción de arredor de 500 toneladas de arando.

Entre as variedades con maior presenza en Galicia atópanse Aurora ou Duke, que son tamén diferentes ás plantas que se adoitan plantar no Levante, onde a produción comeza arredor de marzo e se prolonga ata o mes de xuño.

Certa preocupación ante unha caída de prezos polo incremento das plantacións en Galicia

“Aínda que a campaña non coincide case coa de Galicia, e no caso da nosa finca nunca se solapan, xa que aquí é máis tardía, preocúpanos o que acontece no sur e que o prezo poida chegar a baixar tamén na nosa campaña xa que aquí tamén hai cada vez máis plantacións”, comenta Mariana Soldavini, propietaria de Melide Arándanos, unha plantación de 7 hectáreas situada nese concello coruñés.

A competencia do norte de Europa

A competencia máis directa para os produtores galegos chega polos países do noreste de Europa, como Polonia ou Rumanía onde se están a incrementar as plantacións de arandos de variedades semellantes ás cultivadas en Galicia. “En países como Polonia estase plantando moito e pode chegar a afectarnos”, apunta Mato.

Os produtores tamén alertan, como xa detectou o sector en campañas pasadas, que en boa parte das plantacións do noreste de Europa os salarios que perciben os agricultores son máis baixos, mesmo por debaixo dos custos de produción e sen garantías de que sexa rendible para os produtores. Esta baixa dos prezos fai que os arandos cheguen ó mercado internacional tamén a un prezo máis reducido converténdose nun forte competidor.

Nos últimos anos incrementáronse as plantacións en países como Polonia ou Rumanía que compiten co arando galego

Pola contra, os produtores galegos de arando contan con invernos máis estables que garante a produción, o que fai que os comerciais tamén prefiran optar polos arandos galegos.

Ademais, algunhas destas plantacións galegas producen en ecolóxico o que para os produtores é tamén un valor para garantir os prezos. É o caso, por exemplo da plantación de Manuel Ángel Currás, de Ananos Organic, en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) de 1,5 hectáreas adicadas ó arando en ecolóxico.

Prezos fixados semanalmente

Polo de agora, ata que a campaña bote a andar non se fixará o prezo para os produtores, xa que se pecharán cada semana. “Polo do momento, non coñecemos cal será o prezo que teremos”, apunta Soldavini.

O prezo do arando en orixe ronda os 5 euros por quilo e pode chegar a máis de 20 euros no mercado

Así, a pesares de que o prezo do arando non será fixo ó longo da campaña, de media o ano pasado rondou os 5 ou 6 euros por quilo, según indican algúns dos produtores galegos. Porén, as variacións do prezo do arando en orixe ó do mercado chegan a ser do 200%, sendo habitual que acade os 20 ou 21 euros o quilo para o consumidor.

Unha das claves ás que apelan os produtores para evitar, na medida do posible as variacións de prezos, é a profesionalización. “No noso caso apostamos por ter certificados de boas prácticas, como o Globalgap, que son garante de profesionalidade para o cliente e que nos axuda a conseguir un prezo que non sexa desfavorable para seguir producindo”, comenta Soldavini de Melide Arándanos.

Á expectativa dos acordos do Bréxit

Os produtores galegos coinciden en sinalar que hai un potencial mercado a nivel estatal e aseguran que se produciu un incremento do mercado nacional ano a ano e que cada vez máis se consume maior cantidade de arando no país.

Pese a iso, boa parte da produción galega destínase á exportación a países de Europa onde hai un elevado consumo tanto de arando como doutros froitos vermellos.

Precisamente, un dos principais consumidores deste froito é o Reino Unido, polo que os produtores tamén se manteñen pendentes dos acordos do Bréxit. “Agardamos que ó igual que se comercializa con países como Suiza que non están na Unión Europea, o Reino Unido estableza uns acordos que permitan seguir coas exportacións”, apuntan desde Horticina.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información