Os produtores de horta de Mondoñedo diversifican na procura de maior valor

A Asociación Faba Verdina de Galicia conta xa cunha nave na que recollen tamén faba fresca que envasan para conxelar e a empresa Hortas de Galicia elabora conservas de tomate que comercializa na súa propia tenda

Mónica Maestre comezou con invernadoiros e agora elabora conservas e ten a súa propia tenda

Mónica Maestre comezou con invernadoiros e agora elabora conservas e ten a súa propia tenda

Mondoñedo está disposto a desafiar o pesimismo. É un deses concellos do rural que está a incorporar nos últimos anos persoas ao sector primario, un sector que xunto ao turismo está chamado a ser un dos revulsivos dun municipio con tanta historia coma futuro.

Os produtores de horta están a tirar do carro, decididos a diversificar para dar maior valor aos seus produtos de calidade. Un exemplo é a empresa mindoniense Hortas de Galicia, que produce produtos de tempada en varias fincas ubicadas xunto ao campo de fútbol Viñas da Veiga. Mónica Maestre e Jorge Losada puxeron este ano leituga, calabacín, repolo, brócoli, berenxena e varios tipos de pemento. Pero sen dúbida o seu forte no verán é o tomate. Teñen botados 10 invernadorios da variedade anairis, en total 5 hectáreas a tomate ás que hai que dar saída.

E o mercado é cada vez máis esixente cos produtores. Demanda tomates, o mesmo que o resto de froitas ou hortalizas, cada vez máis perfectos visualmente, ás veces sen reparar tanto no sabor. Como sabor non lles falta aos que producen en Mondoñedo, Mónica e Jorge non teñen problema á hora de dar saída en pequenas tendas e supermercados aos que esteticamente entran nos cánones de beleza actuais, pero que facer co resto? Quilos e quilos de tomate de segunda que o mercado penaliza moito no prezo ou directamente rexeita. Por iso este ano idearon unha solución: facer conservas.

tomate Mondoñedo

Elaboran tomate frito, tomate natural triturado e marmelada de tomate

Veñen de sacar ao mercado tres elaboracións en bote de cristal co tomate como protagonista, case único, porque non leva ningún tipo de conservante nin aditivo. Fan tomate frito, tomate natural triturado e marmelada de tomate. A materia prima é deles e a elaboración corre a cargo de Ribeiregas, a cooperativa que Dora e Luz teñen en Negueira de Muñiz.

“Nós non temos a infraestrutura necesaria para facer as conservas así que contratamos con elas a fabricación, nós levámoslles os tomates, aqueles que pola súa morfoloxía teñen unha peor saída comercial, e elas transforman e producen sen engadir ningún tipo de conservante, colorante ou potenciador do sabor, porque os nosos tomates non o precisan, nós queriamos lograr unha conserva como a feita na casa, que mantivese a nosa esencia, que é esa”, explica Mónica.

A previsión de Hortas de Galicia é fabricar uns 5.000 botes nesta tempada para comercializar nos mesmos establecimentos onde venden as súas hortalizas. Sen ningún tipo de conservante a caducidade é de ano e medio, o que lles permite vender durante todo o ano un produto ao que doutro xeito terían que dar saída en cuestión de días. Sen embargo, Mónica lamenta “que non se valore a calidade” e conta que nalgún establecimento non quixeron vender as súas conservas porque consideraban que tiñan un prezo alto. “Non se pode comparar isto co tomate Solís, nin en calidade nin tampouco en prezo, claro”, argumenta.

Hortas de Galicia contacta cos seus clientes a través da redes sociais e abriu tamén unha tenda física cos seus produtos e con outros produtos de calidade galegos xusto fronte á Catedral de Mondoñedo. Pretenden deste xeito subministrar tanto aos seus veciños como aproveitar o aumento na chegada de peregrinos e de turistas que visitan esta localidade da Mariña. A empresa dá traballo xa a 5 persoas e pretenden seguir contribuindo a crear emprego na localidade.

A unión dos produtores de faba

Jesús, Rocío e Alfonso, na cámara onde refrixeran a faba fresca que lles traen os produtores

Jesús, Rocío e Alfonso, na cámara onde refrixeran a faba fresca que lles traen os produtores

Tamén se decidiron a diversificar e ampliar o seu negocio tres produtores de faba que se asociaron para poñer en marcha unha iniciativa coa que pretenden dar máis valor ás leguminosas que producen. Rocío Maseda, Alfonso Cartoy e Javier Monasterio crearon a Asociación Faba Verdina de Galicia e veñen de abrir unha nave no barrio de San Lázaro, á entrada de Mondoñedo, onde levan 15 días recibindo e procesando faba fresca, tanto a que producen eles mesmos como a que lles traen outros produtores da zona.

“Vén xente de toda a Mariña e mesmo de fóra a traernos faba, desde Vilalba a Viveiro, ademais de produtores daquí da zona ou de Riotorto e A Pontenova”, explica Alfonso. Reciben a mercadoría polas mañáns todos os días agás o domingo para que deste xeito a faba veña acabada de apañar e non lle perda peso ao produtor nin tampouco calidade a eles. Logo unha vez na nave selecciónana, pésana e envásana en bolsas de plástico refrixeradas e paletizadas en caixas que logo lles veñen buscar para conxelar.

Están a pagar a 5 euros o quilo aos produtores pero non saben se poderán manter ese prezo até final da campaña porque son as comercializadoras asturianas as que o acaban marcando

Teñen un acordo coas dúas principais distribuidoras asturianas de faba, Tierrina Vaqueira e Codilex, ás que lles subministran entre uns 1.000 e uns 1.200 quilos diarios. Xa levan enviadas unhas 15 toneladas de faba fresca con destino a Asturias, que segue a ser un dos grandes mercados da faba producida na Mariña.

Até o momento estiveron pagando o quilo de faba a 5 euros ao produtor, pero Alfonso recoñece que non saben se poderán manter ese prezo até o final da campaña, que durará aínda un mes máis. Unha incertidume da que non teñen culpa. As comercializadoras son as que fixan os prezos nunha cotización que cambia case a diario para a bolsa de fabas, ao máis puro estilo da Bolsa do Ibex 35.

“Márcannos os prezos e aprétannos. Nós somos tamén produtores e sabemos o que é iso, pero é a lei do mercado e é difícil loitar contra iso”, recoñece Alfonso. As comercializadoras son tamén as que marcan os parámetros de calidade do produto e marcan as regras do xogo, por iso Rocío, Alfonso e Javier teñen intención de comercializar directamente ao cliente final todo canto poidan.

A nave da Asociación, de 300 metros cadrados, está á entrada de Mondoñedo

A nave da Asociación, de 300 metros cadrados, está á entrada de Mondoñedo

A nave que teñen alugada en Mondoñedo ten 300 metros cadrados e serve de base de operacións tamén para dar saída ao produto das súas explotacións, ubicadas en Vilamor (Mondoñedo), Santo Tomé (Lourenzá) e Sante (Trabada). Os tres producen faba verdina que queren comezar a comercializar baixo a marca Verdina de Galicia en saquiños individuais de quilo e de medio quilo, uns formatos pensados para chegar ao consumidor en tendas de barrio e tendas delicatesen.

Xa contan coas primeiras producións deste ano, no que agardan chegar ás 15 toneladas de verdina entre os tres. Unha parte desta faba está aínda por apañar e a outra está no secadeiro e aínda sen mallar. Por iso decidíronse a procesar faba fresca, que vén máis cedo. “Para a verdina necesitabamos un centro de operacións onde envasar e almacenar e a faba fresca sérvenos para aproveitar esas mesmas instalacións minimizando así os custos anuais de mantemento”, explica Alfonso. Pola mañán os tres traballan na nave recibindo, seleccionando e envasando a faba fresca e pola tarde cada un atende a súa explotación.

Implicación do Concello

O Concello de Mondoñedo estase a implicar para apoiar todas cantas iniciativas deste tipo xurdan no municipio coa intención de dar valor ás producións e crear postos de traballo. Con ese obxectivo impulsou a marca de calidade Horta de Mondoñedo, que aglutina aos produtores de horta do municipio e dá apoio técnico con xornadas como a celebrada o venres pasado no IES San Rosendo sobre as aplicacións do uso de drons en cultivos de horta e cultivos forestais.

A alcaldesa mindoniense, Elena Candia, destaca ese apoio prestado polo Concello para a creación da marca de calidade Horta de Mondoñedo e na difusión dos produtos acollidos a ela e lembrou o proceso seguido. “En novembro de 2018 presentouse na Consellería o texto para regular o uso da marca Horta de Mondoñedo, que foi informado favorablemente o 4 de febreiro. En 2018 e 2019, deseñouse o logotipo, contribuímos á impresión das etiquetas, regalamos bolsas de papel co logo para promocionar a marca e difundimos vídeos a través das redes e na televisión autonómica”, explicou.

Engadiu ademais que “o seguinte paso é o impulso á creación da asociación de produtores de conservas de hortalizas de Mondoñedo. Os estatutos xa están rexistrados e unha vez constituída legalmente, impulsaremos proxectos como fixemos con Faba Verdina. Apostar pola nosa horta é unha aposta segura porque é apostar pola importante calidade dos produtos que temos”, asegura a alcaldesa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información